jueves, 24 de noviembre de 2011

Tomine (Entrega I)

Obras escollidas: “Dylan & Donovan” e “Constipado de seis días”, de Tomine.

Propoñemos unha determinada forma de lectura para sacar o máximo partido. Trátase dun cómic, polo que ésta non debe ser igual que a lectura de literatura ou a visión dunha película, se ben garda parecidos con ambas. ¿Como podemos facela, e como non?:

1. Trata de non ler demasiado deprisa os debuxos e/ou os textos. Tómate tempo en cada viñeta, páxina, diálogo, texto... “O tempo” nun cómic depende en gran medida do lector que vai de viñeta en viñeta, e debes atopar o “ritmo” que Tomine desexa que collas. Confía nel. Os espacios entre viñetas chámanse “rúas”, e as rúas son... “tempo”.

2. Presta atención á planificación (primeiro plano, plano xeral, vista desde abaixo ou desde arriba, etc.) e/ou ao encadre (o que aparece dentro da viñeta e o formato vertical, horizontal, etc.). Todo iso pode dicir as cousas de modos distintos, e Tomine ten pensado todo iso.

3. O mesmo da linguaxe non falada dos personaxes, linguaxe corporal (xestos, posicións do corpo, caras con expresión, etc.), que ás veces incluso poden “contradicir” a linguaxe falada deles (o que din e o que mostran é distinto). Tomine non conta historias “de acción”, polo que a relación entre os personaxes evidénciase moitas veces por xestos, movementos de brazos, etc.

4. Valora a páxina completa como unidade expresiva: non son só viñetas en sucesión. Un bo autor pensa a páxina como conxunto (p. ex., mira a páxina 1 de “Constipado...” como conxunto, ou a 7 da nevada).

5. O mesmo do formato (vertical, apaisado, cuadrado...) das viñetas. Se notas, p. ex., que unha delas é moi distinta ao resto desa páxina ou da historia completa, iso ten un valor ou expresividade buscado por Tomine: cambiar o ritmo, destacala, recordarnos algo, etc.

6. A existencia de textos de apoio (“Dylan & Donovan”) ou a súa ausencia (“Constipado...”) determinan unha distinta lectura e comprensión do relato. ¿Quen conta a historia, como se mostra? ¿Os diálogos mantéñense eles mesmos ou os textos de apoio son a súa “guía” de lectura (ou talvez un contraste)?

7. A inexistencia de cor, pero a presencia de tramados grises mecánicos non debuxados a man, combinados con manchas negras de tinta e espacios en branco, forma parte da historia. Esa economía buscada por Tomine entre brancos, negros e tramados mecánicos debes tamén apreciala.

8. Os silencios, as onomatopeias (e como están escritas-debuxadas), as viñetas encadradas de tal xeito que son o que está mirando un dos personaxes e nós con el, a forma dos globos de diálogo, os obxectos dos fondos, etc., son elementos tamén a ter en conta por un bo lector de cómics que non quere ler de corrido para acabar canto antes, senón entrar na intención, no relato, na mente de Tomine. Supoñamos que vale a pena...

9. E lembra: un cómic soe ser unha combinación de palabra e debuxo (aínda que non sempre: hainos sen palabras), onde as palabras se debuxan, e os debuxos se escriben. Se ben foi demasiadas veces dito que o cómic se parece ao cine, poucas veces se di o que é obvio: que as viñetas “se escriben” do mesmo modo que escribimos palabras unha trala outra de esquerda a dereita, renglón tras renglón, páxina a páxina. O cómic non é “como o cine pero en papel”, nin é literatura con debuxiños complementarios. É unha linguaxe diferente.

Estes cómics de Tomine serán no seu día postos en relación con relatos de escritores estadounidenses de “short stories” que tanta influencia teñen sobre Tomine. Pronto serán repartidos.
Necesitamos visitar e ler frecuentemente este blog para atopar información, orientacións, enlaces e comentarios-opinións que enriquezcan a lectura neste club.
Vale.

PS: Para os que nos sigan pola rede: estes relatos dde Tomine poden atoparse no album de La Cúpula titulado Sonámbulo y otras historias, firmado por A, Tomine e fácil de conseguir en librerías e bibliotecas.

miércoles, 23 de noviembre de 2011

No comezo:



Boas:
Damos comezo a este club de lectura e blog novo deste curso 2011-12. Como cada ano, teremos dous subgrupos: os que polo IES estamos e nos reuniremos de cando en vez (catro ou cinco), e dúas persoas (ata agora) que estarán con nós vía internet e gracias a este blog onde todos podemos encontrarnos e introducir os nosos comentarios nas sucesivas entradas, sexan firmados ou anonimamente. Cabe a posibilidfade, como xa sucedeu noutros clubs, de que alguén chegue a este blog "por azar" e quede con nós. Ás veces pasa, e é agradable. Por iso dicimos que este club é "aberto" na nosa cabeceira de blog.

¿Que pretendemos? Basicamente ler certos cómics e relacionalos coa literatura (con relatos, fragmentos de novelas, etc.) buscando semellanzas, diferencias, mutuas influencias, coincidencias sorprendentes, etc. (Desde logo a idea non é ler burdas adaptacións de libros en cómics facilones: iso, non).

¿Que tipo de cómics? Queremos saír do tópico e ler outros autores talvez non coñecidos polo gran público pero non por iso menos interesantes: cómic "indie" (ou "alternativo", antes chamado "underground") con autores como Tomine, Clowes ou Crumb; autores dificilmente clasificables como autores de cómics, ou de literatura, ou de libros ilustrados, ou de ilustradores de libros, como Gorey; autores de cómics ben coñecidos por todos (?) e ao mesmo moi ricos en posibilidades nun club como éste, tales como Hugo Pratt (un dos mellores de todos os tempos) ou Schulz (non sempre valorado como se debe); novos autores con técnicas de debuxo tamén novas e historias que se saen do sempre-visto-no-cómic, como B. Vivès; etc.

¿Que tipo de escritores ou obras literarias? Unha larga lista de posibilidades: Borges, Kafka, a mesma Biblia (non necesariamente enteira, gracias), Franzen, Salinger, Tobias Wolff e mil máis.

Polo de agora máis nada. Pronto daremos oportunidade a quen queira de participar neste blog tamén escribindo as súas propias entradas (non é obrigatorio: nada o é aquí).
Vale.