miércoles, 18 de julio de 2012

Robert Crumb, entrega VI (2): Crumb nas bibliotecas

  
Dada a dificultade de atopar o mellor de Crumb na rede propoñemos buscar nas bibliotecas públicas con un pouco de paciencia. Centrarémonos en dúas de Coruña cidade, a González Garcés (Elviña) e a municipal do Fórum (Parque Europa). Ambos catálogos visibles na rede (escribe bibliotecaspublicas, así, todo xunto, e logo escribe Coruña, e saen tres: a da Deputación, xunto ao Teatro Rosalía, que ten tamén algo de Crumb, a GG e as Municipais de Coruña, onde podes escoller a proposta, "Fórum", se ben hai moitas máis). Lermbra que existen dúas cousas importantes para ti: o servicio interbibliotecario (poden traer para ti doutra biblio o que pidas, incluso desde a da o do teu barrio, probablemente) e as compras da propia biblio que habitualmente frecuentas, se cubres o impreso correspondente (pregunta alí).
   Propoñemos de RC cinco álbumes atopables todos nas biblios ditas (Fórum e GG, e recorda que a comicteca da GG está na planta superior, no pasillo, e que no verán abre só polas mañás e non os sábados). Advertimos que todos eles son para MAIORES DE DEZAOITO ANOS, e por iso están na seccción de adultos desas biblios, pero ben é certo que os membros deste club que aínda quedan nel, se hai alguén, son todos  maiores desa idade:
   1) "Obras completas-5. Crumb. El gato Fritz", La Cúpula. Xa falamos desta serie, que remata coa morte do gatiño. Os comezos do noso autor: anos sesenta e principios dos setenta. Vemos a evolución gráfica de RC do rapidógrafo de liña fina e tramados verticais á utilización da plumilla clásica e os tramados propios do RC maduro. Humor, sátira e certas dosis de cinismo felino;
   2) "Obras completas-6. Crumb. Mr. Natural. Los orígenes", La Cúpula. O famoso personaxe gurú borde de RC e os seus encontros co pobre Flakey Foont. De novo finais dos sesenta e principios dos setenta (La Cúpula ten outros douis volumes deste personaxe, con historias posteriores), e de novo sátira, humor e cinismo, agora barbudo. Crea adicción;
   3) "Obras completas-1. Crumb. Mis problemas con las mujeres", La Cúpula:  o que non puidimos atopar na rede, historias autobiográficas de RC, témolo neste e outros volumes de La Cúpula, e xa comentamos que son os relatos máis tipicamente crumbianos, e para moitos o mellor da súa obra. É algo forte, e para adultos: lembra que RC é todo o que queiras... menos un autor politicamente corrrecto e apto para todos os públicos. Dito isto, "That´s life", de 1975, abre o tomo: unha historia dun bluesman e un disco, e a busca dese disco por un coleccionista moitos anos despois que fai o papel de alter ego de RC. O album remata con outras dúas historias de bluesmen xa comentadas atrás ("Patton" é unha), pero o mellor do volume é o do medio: esas historias nas que RC é o protagonista (menos nunha, mais aínda así case parece el de novo). Duro, pero moi bo. O estilo gráfico xa é o propio do RC maduro, pero nas dúas últimas de bluesmen recordemos que está probando a utilización do pincel en maior grao, e unha forma de encadrar, polo menos na penúltima, un tanto máis convencional do natural en RC;
   4) "Obras completas-2. Crumb. Si yo fuera rey", La Cúpula: máis relatos autobiográficos e máis dureza, ollo. En "Footsie", de 1987, está de novo nese período de maior utilización do pincel do que é habitual nel;
   5) "Obras completas-3. Crumb. La historia de mi vida", La Cúpula: máis do mesmo, con algumhas cousas máis e entre elas a historia sobre Philip K. Dick, agora en castelán (lembra, período de máis pincel).

   Pois iso: un pasa polas biblios polo que sexa, e de paso busca algo de Crumb. Ésa é a idea desta entrada. Claro que hai moitas máis cousas (ilustracións, libros, portadas de discos, etc.), pero queríamos dar unha lista do facilmente atopable de RC en biblios e que ao mesnmo tempo dea unha imaxe do autor que sirva para quen quere ter un primeiro contacto cun dous máis importantes autores de cómics dos últimos cincuenta anos a nivel mundial, e desde logo o pai do cómic underground, alternativo e autobiográfico, sen dúbida.

2 comentarios:

  1. Boas, serei breve. Estou a ler "La Manía" de Andrés Trapiello e xa lin “Mr.Natual. Los origines” de Crumb. É moi interesante o que transmite A.T. cunha naturalidade e unha forma de ver a vida moi persoal. Fixase sobre todo –dáme a min a impresión- neses pequenos detalles nimios e insignificantes pero que a vez son tan importantes, se que a maioría das veces percibamos esa importancia. En canto a Crumb, é dende logo un cómic moi “de seu”. Quero dicir, moi persoal e natural. Tal vez ese sexa a traza común en ámbolos dous: a naturalidade, o persoal e tamén –quizais- esa forma de querer explicar o que hai o seu arredor dunha forma digamos “especial”. Déixoo polo de agora.

    Deica outra…

    ResponderEliminar
  2. Para Kar:
    Perdoa pola tardanza, Kar. A verdade é que é sorprendente que esteas lendo “La manía” de AT, e que xa teñas visto o album de Mr. Natural. Non contaba con tanto; pensaba que o persoal estaba de camping ou na praia.
    Se do que se trataba era de conseguir que alguén coñecera directamente os diarios de AT e lera algo de RC, obxectivo conseguido. Qué ben. De todas maneiras, Kar, nada podo dicir de “La manía” pois só pasei por ese tomo por enriba: o comezo do chinés do circo e algunha cousa de pasada. Vin cinco ou seis tomos deses diarios, mais non ése. Creo de todos modos que o parecido con RC non se mostra en Mr. Natural –salvo en que AT e RC teñen un gran sentido do humor–. Mais ben eu diría que deberías prestar atención ás entradas do diario referidas ao Rastro de Madrid e pensar no gusto polo antigo de RC e os discos da época de Maricastaña, ou ben ás escenas domésticas cos fillos e as de RC coa súa filla de pequena, ou as escenas nas que tanto AT como RC amosan o seu interese polas mulleres (se ben mostrado de forma moi distinta), ou ben comparar as ilustracións de RC de tema rural coas escenas de AT na súa casa de Extremadura, etc. Todo isto foi xa dito nunha entrada deste blog: remítome a ela.
    Teño moi bo recordo de bastantes diarios de AT (de “Do fuir”, p. ex.), se ben creo que hai moitas páxinas e entradas que sobran ou deberían sintetizarse. Hai bastante na biblio de GG, como sabes (á vista e no depósito). De RC creo que deberías insistir noutros álbumes: Mr. Natural está ben, pero dá unha visión demasiado reducida da súa obra, penso (de novo: ver entradas anteriores).
    Pronto escribiremos outras entradas sobre AT máis concretas, e algunha sobre RC. Gustaríame insistir nas semellanzas que Chris Ware garda con RC, aínda que a primeira vista non o pareza, ou situar a RC como autor entre o seu fillo e a sía filla.
    Un saúdo.
    PS: ¿E os demais...?
    PS II: Notaches, espero, a presencia desas rechamentes "X" nos diarios de AT, Kar. Co tempo un vai descubrindo quen son, aínda que non sempre.

    ResponderEliminar