martes, 1 de mayo de 2012

Vivès como debuxante


  Queremos hoxe rematar con estas entradas dedicadas a Vivès falando do seu estilo como debuxante, da súa maneira de debuxar e de colorear. A verdade é que non sempre as súas obras están resoltas igualmente, tanto no debuxo, como na cor, por iso centrarémonos no album que nos ocupa.
   Neste album, "El gusto del cloro", as cores son frías e monótonas na piscina (negros, turquesas non moi vivos, marróns e morados non moi rechamantes, algún azul). No fisio as cores cambian algo, sen ser moi vivas (como si noutras obras de Vivès, onde os laranxas e vermellos son frecuentes, especialmente os álbumes pintados en papel): verdes, azuis, rosa, a pel escura do fisioterapeuta, que pode ser talvez norteafricano. Aí "arriba" son en calquera caso máis cálidos que na piscina-vestiario. Esa coloración, como vimos nunha entrada anterior en vídeo, é conseguida na tableta gráfica con algún programa como Photoshop ou similar, e iso fai que sexa deste modo peculiar, pois cando Vivès colorea con ceras ou pinturas o estilo cambia bastante, loxicamente, e a plasticidade é ben distinta. Este albunm non sería o que é se non fora pola tableta e este modo de coloración. Noutra obra, neste caso levada xunto con ouitro autor, "Por el Imperio", a coloración destaca pola súa calidade, con resultados distintos aos conseguido neste album que non ocupa, onde Vivès claramanete decide limitar a paleta. Alquén dirá que non podía facer outra cosa, pois está nunha piscina coas cores propias. Non estamos de acordo: nas piscinas de todas partes a xente leva bañadores, gorros, gafas, toallas ou chanclas de moitas cores, e non falemos de sillas ou nos vestiarios. Si hai certa limitación buscada, pensamos. Busa certa monotonía, que só rompe cando estamos no fisio ou saímos dos vestiarios e os personaxes están vestidos, fóra da auga, con conversacións rápidas e actitudes esquivas. Esa monotonía busca certo efecto, claro: forma parte da narración ou da atmósfera do non narrado dentro do narrado, ou envolvendo ao narrado, non sei.
   Se falamos do modo de debuxar, comecemos afirmando o obvio: Vivès é un debuxante virtuoso, e o seu dominio da anatomía humana é abraiante. Certo que utiliza fotos (estamos comvencidos vistos os escorzos, agradecimentos ao final, etc.), peto non copia "friamente" como outros (Manara, p. ex., que é un caso especialmente desesperante): sabe facelo, e os debuxos non quedan pois hieráticos, como posando, senón dinámicos. En parte iso é conseguido pola súa tendencia a debuxar rápido e de forma nada relamida: deixa frecuentemente os debuxos case esbozados, como sen terminar. Iso ten dobre cara: por un lado sitúase na cancha de autores como Hugo Pratt, Robert Crumb ou Chester Brown, pouco dados a facer cómics con debuxos demasiado perfectos e académicos. Xa falamos diso: un exceso de academicismo pensamos que non é bo para este medio (polo mesmo que Plácido Domingo non debría cantar tangos, ou a Filarmónica X non debería versionear aos Stranglers, poñamos por caso), e cando un debuxante virtuoso como Moebius cae niso o resultado polo regular é un cómic con debuxos moi académicos e perfectiños, si, pero "kitch" (hortera, en cristiano). Vivès con esta tendencia ao non acabamento, á rapidez, evita ese vicio que crea asombro non afeccionados inxenuos pero perxudica ao resultado final (expresividade, boa narración) e acabaría no debuxo "bonito" e relamido. Pero está a outra cara, porque Vivès ás veces pásase ata o punto de deixar certos debuxos soamente esbozados. Non falamos de debuxar á chica cos hombros demasiado grandes, ou un nariz demasiado respingón, senón de debuxar señores na p. 11 e na 58 de tal xeito que o lector dubide (polo menos dubide) sobre se é ou npn é o mesmo home (nós cremos que non é o mesmo home, por certo).
   Podemos engadir que é un autor dunha raza especial: dos que fan os recadros das viñetas a man, como Crumb, Chester Brown e tantos outros. Logo están os que sempre fan ese recadros con regra. Ben, ese detalle, como o detalle de seguir escribindo as letras (rotulación) el mesmo, como Crumb, e como vemos que fai Vivès no vídeo xa comentado, é un detalle agradable, sobre todo nun autor que traballa xa fundamentalemnte na tableta e o ordenador. Ese detalle "non mecanizador" enriquece o resultado e engorda esa expresividade non académica e antiperfeccionista que di moito ao seu favor.
   Pensamos bastante en qué autores poderían estar detrás del, a modo de influencias... Mais non coñecemos a Vivès o suficiente, e se hai algún mentor non somos aínda quen de atopar o seu nome. Buscamos nas entrevistas na rede con el, pero a verdade é que son bastante pobres, non sei se polo entrevistador ou por el mesmo, que tende á resposta breve. Que el diga sentirse moi influido polas Tartarugas Ninja ou "Star Wars", a verdade é que dan ganas de pensar que está de broma (por Deus). Si podemos sen embargo intentalo con dous nomes e ver se os demais están de acordo ou que: 1) Alex Varenne, o debuxante francés xa coñecido en España desde fai moitos anos, recorda en algunha medida a Vivès (ou mais ben ao contrario). ¿En que?: nas súas manchas negras non debuxos cando Vivès debuxa en branco, negro e gris ("Polina", p. ex.), pero tamén nos sombreados grises, e desde logo nese erotismo demasiado presente e explícito en ambos autores como para non ser visto (non no album escollido por nós, claro). Evitamos enlaces a posta: isto é un blog dun IES; 2) por outra parte, o pintor Hockney, do que xa falamos, ten unha forma de colorear certos debuxos con pinturas de cores que é algo parecido ao que fai Vivès cando colorea sobre papel (e non só nos debuxos de lápis: comparemos isto, con isto outro). Ademais, Hockney é xa un dos pintores que están utilizando con toda naturalidade a tableta gráfica ou iPad. Non afirmamos influencia algunha, pois non sabemos: só sinalamos a coincidencia, e que cada quen mire, a ver...
   Aquí tedes un enlace cun único debuxo de Varenne onde talvez non se aprecia o que queremos dicir, pero vaia... Aquí un con debuxos de Vivès sobre papel, con ceras, pensamos. Aquí un enlace  (e aquí outro máis) a un artigo de "El País" no que se fala de artistas metidos no mundo da tableta de marras, Hockney incluído. E aquí temos vídeo ou vídeos de Hockney pecando na tableta (iPad).
 
   Damos pois por rematado isto, en certa medida. Hora de pensar na próxima reunión. E despois hai que falar da derradeira, que non será sobre Schulz e Koestler como tíñamos pensado, senón sobre Robert Crumb e Andrés Trapiello, nada menos. Se a xente está pola labor, naturalmente...

No hay comentarios:

Publicar un comentario