jueves, 26 de abril de 2012

"El gusto del cloro": sobre outras tres escenas


  Queremos hoxe abordar un par de detalles sobre o guión deste relato de Vivès que  deixamos fóra en entradas anteriores:
   1) Na páxina 58 aparentemente un mirón observa ao protagonista mentres se ducha nos vestiarios. Logo, pp. 59-63, o asunto queda obviado, na piscina. Pero en 64-65 é tema de conversación entre el e a chica. Despois diso, nunca máis. A pregunta é: ¿por que meter isto na historia? Un amigo díxome que seguramente Vivès vivíu unha experiencia semellante e quixo incluíla aquí, mais iso non o xustifica. Cremos que este detalle do mirón rompe o fío do relato e non engade nada, e sen embargo distrae a atención de lector sen motivo. Non se gaña nada, e se perde. ¿En que nos baseamos? Consideramos que se buscamos unha relación deste album coa literatura hai que atopala no relato, na "short story", non na novela. Ese album de Vivès é parecido ao que é un relato de Chéjov, Carver ou Hemingway, e non a unha novela de Proust, Faulkner ou Tolstoi. E nun relato a historia queda reducida a unha anécdota, a unha situación delimitada, polo regular con poucos personaxes, e así é no relato de Vivès: chico, chica, fsioterapeuta, amigo do chico, amigo da chica; unha piscina, chico coñece chica e hai certa relación durante certo número de mércores. Punto. ¿Para que introducir o do mirón? Para que haxa conversación entre el e ela, non, pois xa había temas de conversación, e introducir algo tan rechamante, como dicíamos arriba, rompe o fío do relato sen razón, conseguindo só "distraer" no peor sentido. Consideramos pois que aquí hai un fallo de guión, se ben estamos dispostos a discutilo, claro, e incluso estaría bastante ben que alguén pensara o contrario. Na discusión e onde se comeza a ver un montón de cousas, polo regular;
   2) como xa dixemos nun comentario fai uns días, nas pp. 104-110 e 111-118 sucede algo que é importante destacar, pensamos. Entre a 104-110 o protagonista, sabéndose abandonado por ela, que non reaparece, dedícase a facer o que ao comezo era incapaz: nadar ben, con soltura, incluso con agresividade e competindo cos outros varóns (non coas mulleres, atención) da superficie da auga. ¿Como entender isto? Talvez intenta demostrase a si mesmo que é quen de estar so, sen ela, entre varóns, competindio con eles e con agresividade. Polo tanto, no mundo compartido cos demais onde el non se veía no seu medio (que era o subacuático, segundo dicíamos fai tempo). Pero na 111 fai algo que cremos non se repite: fala consigo mesmo ("Oye. ¿Crees que puedo hacer el largo bajo el agua?"), e se contesta como contestara antes ela na 77 ("Sí"). Entón deixa de "competir" na superficie cos "machos" e pasa a competir consigo mesmo  baixo a auga, o seu medio: ¿intenta convencerse de que desaparecida ela é quen tamén de vivir (ou sobrevivir) só no mundo do fondo? O caso é que na 118 aparece ela ou parece que aparece, xusto cando despois do primeiro intento fallido está a piques de conseguilo... Curioso, ¿non? E desde logo unha extraordinaria maneira de contalo por parte de Vivès, que volve a estar á altura do seu talento. Non vemos, non, fallo de guión algún aquí, senón bo olfato e capacidade de contar coas imaxes. Claro que igual que antes, recoñecemos, como doutro modo non pode ser, que talvez esteamos equivocados, e alguén queira dicir algo distinto, e a ver que sae entre todos...
   Deixamos para outra entrada un comentario sobre Vivès como debuxante: o seu estilo, a utilización da tableta gráfica, se colorea doutro xeito cando traballa sobre papel, etc. Pronto, en calquera caso.
   Imaxinamos que hai que pensar xa en convocar a próxima reunión..., se hai interesados aínda niso. ¿É o caso?

3 comentarios:

  1. Estou de acordo co segundo punto pero xa non tanto co primeiro, explícome. Dise que o detalle do mirón rompe o fío do relato e non engade nada, e distrae a atención do lector sen motivo.. Eu vexo algo máis aló, tal vez pensado por Vivés ou tal vez non.

    Primeiro gustaríame que vexamos a escena non só dende a perspectiva do protagonista senón na dos demais, neste caso a do home das duchas. Se diferenciamos claramente entre fora e dentro da piscina, como nos dicía DF noutra entrada, e cremos que o que se expresa na historia agochada é a frustración do rapaz, ¿non tería sentido que os demais tamén se sentiran frustrados? Engadindo a escena das duchas na páxina 58, hai outra (tamén nas piscinas) na páxina 11, e tamén me gustaría chamar a atención sobre as –importantes- páxinas 22-23. Todos ese personaxes ademais de estar fora da auga, aparecen como entes “raros” (se me permitides a palabra), xente que parece estar frustrada tamén. Pero insisto nas páxinas 22-23: aquí é a primeira vez que ve a rapaza, pero non a estaba mirando a ela, senón que miraba a unha señora q esta sentada nas escadas da piscina (entre dentro e fora tal vez..) Contempla a piscina pero non entra.. ¿complexo, frustración?

    A miña teoría, que non se basea en moito a verdade – tal vez só en simple intuición, ou crenzas de lector- é que toda esa xente esta nun “nivel inferior” ao do rapaz. Entendamos “nivel inferior” no sentido da Divina Comedia, unha fase mais baixa..non no sentido pexorativo. O que quero dicir é que eles “ non chegan a meterse na piscina” que nos vexamos polo menos, e todos comparten unha serie de características comúns en contraste con outros.. E debemos entender meterse na piscina, como atreverse a superar complexos e non sentirse frustrado..liberarse se queremos. Pois iso, paréceme que Vivès propón un contraste, pero como sempre…só é a miña opinión.

    ResponderEliminar
  2. A verdade , Kar, é que é para ter en conta o que dis... Faime pensar e repensar certas cousas. De todos xeitos, quero sen moito comvencimento (aínda estou dándolle á cabeza) dicir un par de cousas que non sei se valen de moito, a ver: 1) despois do do mirón (que efectivanmente, xa estaba ese mesmo señor na ducha nas pp. 11-12, polo que despois non é unha entrada en escena tan fugaz, e de feito as pp. 11 e 58 son moi parecidas nas súas viñetas, coa diferencia de que na 58 hai mirada e antes non), despois do do mirón, dicía, nas 64-65 aparece o señor, e se non é visto na auga, si está nela polo que indica o diálogo na 65. Si, é certo: na auga non se debuxa, é verdade; 2) agora as pp. 22-23: xa falamos desas páxinas nunha entrada anterior na que se trataba dos planos subxectivos. En realidade non son as 23-24, senón 22-26, onde a señora segue sentada ao borde. Volvo pois atrás: penso que é unha referencia visual, xa desde a 22, e sobre todo na 23 e 24-I, con plano "fixo" onde vemos que a chica aparece pouco a pouco no album e se achega a pouquiños ao protagonista (e ao lector), que nin se move. Se imos á 25-VI temos a chica entrando na auga e a señora "indicando" en que sitio debemos ubicarnos como lectores. E na 26-I outro tanto, pero cun plano a vista de paxaro, un picado. É unha piscina con referencias visuais moi limitadas e monótonas e monócromas, e indiCadores coma ése son esenciais. Ademais o feito de que el estea parado e sexa ela a que entra en escena, en campo, é unha forma moi adecuada, sutil e expresiva de contalo por parte de Vivès, que aquí está moi acertado. E quero engadir que esas páxinas teñen a súa parella en pp.32-35, onde Vivès neste caso mostra ao prota non quieto, senón seguindo na auga os pasos dela, que é exactamente o contrario do sucedido cando ela "entra": ela entraba e el estaba quieto e mirando, e a señora indica en que punto debemos localizar a acción e os personaxes (a señora tamén pode ser un contraste visual coa chica, anatomicamente ben diferente, un contraste físico que indicaría máis cousas, claro: o que había e o que aparece, etc., o texto de Camus...); ao final é ela que sae e el séguea na auga... Sutil o Vivès éste, ¿eh, Kar?
    Pero non nego que teñas ti razón en parte ou totalmente. Teño que reconsiderar o do señor, o mirón que aparece dúas veces... O da señoa sentada ao borde..., ben, supoño que tamén pode haber algo máis...
    Estarei pensando niso. Un saúdo.
    PS: Kar, a peli de Malle sobre a obra de Chéjov será proxectada pronto na Universidade da Coruña. Este mèrcores ás oito no Campus de Riazor. Chao...

    ResponderEliminar
  3. CONTINUACIÓN DO ANTERIOR COMENTARIO:
    ¿Kar? Ben, pode que o señor da p. 11 e o da p. 58 (mirón) non sexan despois de todo o mesmo: o bañador non é o mesmo (o segundo ten raias laterais no bañador, e parece un home máis entrado en kilos, se ben o pelo é moi parecido). Creo que iso cambia todo: ¿é o mesmo, ou non? Se é o mesmo, a escena do mirón non é algo tan fugaz e ten máis fondo, pois foi máis preparado (se é o mesmo e non parecen o mesmo en parte é polo estilo de Vivès, que traballa moi deprisa e ás veces as proporcións anatómicas non son moi respectadas, e iso tamén pasa coa chica en moitas viñetas). Se non é o mesmo, entón pode que sexa fallo de guión, ou o que ti dis...
    ¿Alguén o sabe?

    ResponderEliminar