lunes, 18 de junio de 2012

"El gusto del cloro": unha viñeta

   Se todo o que dixemos sobre este album de Vivès é certo, ou polo menos verosímil, ou con certa base aínda que ésta sexa non moi sólida, e polo tanto cabe pensar que o protagonista sen nome (como todos os demais personaxes da obra: todos anónimos) entra por primeira vez na piscina que será co tempo para el unha baixada aos infernos, ¿por que entón na primeira viñeta que mostra a piscina, páxina 7-viñeta I, o punto de vista é subacuático, desde o fondo, cando se entende que el está arriba, na planta do balcón, por enriba da superficie?
   Non parece ter moito xeito..., a non ser..., a non ser que:
   1) Posibilidade 1: Vivès unha vez máis xunta unha de cal con unha de area, e aí vai unha intuición xenial e logo unha metedura de pata, e segue porque non parece importar demasiado, ou non tivo tempo de pensalo aínda (demasiado atarefado coas tartarugas Ninja, xa che digo). Nese caso esta viñeta estaría incluída sen pensar, por conseguir unha páxina con dúas perspectivas e algo de variedade: unha desde abaixo e a que segue desde arriba, e listo. Se é así rompe coa lóxica do relato xa ben pronto, aínda que despois en xeral respecte o punto de vista do protagonista. Hai excepcións, claro: nas páxs. 28-29, p. ex., ou na 39-I. Pode que algunha máis, non sei, pero en liñas xerais ese punto de vista do rapaz é respectado;
   2) posibiliadade 2: Vivès regálanos de novo outra perla, outra das súas felices intuicións, e ésta si é de novo outra viñeta pensada, intuitiva ou significativa, querendo dar a entender ao lector algo. ¿Que quere dar a entender con esta viñeta que se sae da lóxica, pois a lóxica indica que debe respectar o punto de vista do protagonista que está a piques de se asomar ao balcón e ver a superficie da auga? Podería ser unha premonición: o que no futuro espera ao rapaz: o fondo, a soedade, a frustración, os infernos subacuáticos (ver entradas anteriores). Se así fora, e queremos pensar que así é, pero non temos moitas enerxías para crelo (o efecto tartarugas, por chamalo dalgún xeito), é unha moi boa viñeta que rompendo a suposta lóxica do relato no fondo non fai senón subliñar esa lóxica, que sería de novo subliñada en vermello na páx. do final coa mirada do chaval ao lector previa ás dúas páxinas en branco que preceden ao flash-back que leva ao lector semanas atrás á clínica do inefable fisioterapeuta. Así, no comezo coa entrada na piscina, e no final co abandono do lector da piscina, se produce unha dobre ruptura: a) vemos a piscina (falamos pois dunha ruptura espacial) por primeira vez desde o fondo contra todo o esperable; b) remata o relato cun flash-back que volve a romper nesta ocasión non espacialmente, senón temporalmente o fío do relato. Espacio e tempo e dobre ruptura: rompe espacialmente, narra linelamente, e rompe temporalmente.
   O de sempre: ¿é Vivès un mozo tan, tan listo e xenial como para prever todas estas rupturas, ou saen del por intuición metafísica? ¿Ou será casualidade que certo tipo de lector con demasiado tempo libre e necesidade e xustificar a existencia dun blog que non le nin a súa nai quere converter noutra cousa que non sexa casualidade sen máis? E supoñendo que casualidade fora, ¿non son demasiadas casualidades nun album de só cento e pouco páxinas?
   Rematamos cunha breve refrencia ao efecto tartarugas Ninja: nas poucas entrevistas que un pode atopar na rede, ou nalgún vídeo no que Vivès é entrevistado, chama a atención a falta de nomes (e de respostas argumentadas en detalle). Non fala de debuxantes de cómics concretos, nin de guionistas, nin de series, nin tampouco de cineastas ou escritores... Pero si... ¡das tartarugas Ninja que Deus confunda! (E de paso creo que de Star Wars, para rematar a xogada, supoño). ¿Outra mostra de intuición xenial de Vivès, que quere ocultarse detrás da bromiña, ou soamente simpleza dun autor de pluma fácil e rápida que carece aínda de referencias sólidas?
   A saber...

No hay comentarios:

Publicar un comentario