domingo, 11 de diciembre de 2011

Adrian Tomine e o "distanciamento"


Certos autores intentan emocionar directa e rapidamente ao lector ou espectador. En cine coa música e a sucesión de planos curtos a ritmo trepidante que afogan ao espectador nunha voráxine... “audiovisual”. En cómic (superheroes, manga masificado, cómics de factoría para nenos...) algo parecido con planificacións de vértigo e cambios violentos de puntos de vista, grandes onomatopeias, xestos faciais acusados en primeiro plano, cores rechamantes, etc. Incluso aficcionados ao cómic, mais un punto inxenuos, chegan a crer que o dominio destas técnicas é a proba da calidade dun autor (cando os feitos din que calquera patochada das “Witch” ou de “Gerónimo Stilton” levan dentro toneladas disto e non valen nada).
Outros autores escollen outra vía. Dentro destes, algúns fan un percorrido aparentemente absurdo: buscar a emoción... polo “distanciamento”. Pensamos que Tomine fai iso, talvez por influencia de Daniel Clowes, que vivía preto da súa casa (se ben Tomine no comezo debuxaba ao modo de Mazzuchelli, con trazos grosos e cálidos, logo recolle o estilo de Clowes, de trazo delgado e tramados mecánicos que vemos nestas dúas historias). Tomine busca ese distanciamento do lector non para que éste se desentenda dos personaxes e emocións do relato: presenta situacións, vivencias, etc., “distanciadamente” para “retirarse” el (o autor) e evitar o subliñado excesivo propio de quen menosprecia ao lector e así dar cancha a ese lector activo (intelixente, intuitivo: vivo) que acabe vivindo esas emocións, sentimentos ou frustracións de xeito máis intenso e “verdadeiro” (perdón pola expresión: sei que é de mala educación) que nos casos dos que falabamos no parágrafo I. Es ti quen debe dicir se esto é certo ou conseguido por Tomine...
¿Como conseguiría ese “efecto” polo “distanciamento” nestes dous relatos nosos?: 1) renunciando á cor; 2) utilizando grises con tramados mecánicos, non manuais (que serían máis cálidos, como vemos en Crumb, p. ex.); 3) escribindo-debuxando as onomatopeias dese modo tan simple e austero; 4) debuxando eses fondos e obxectos dese modo tan sobrio e anodino (mobles, veirarúas, vasos...); 5) recorrendo a xestos faciais e linguaxe corporal que dan esa imaxe de “contención” ou ás veces de “frialdade” aparente; 6) incluído ás veces esas viñetas tan súas (como as dúas últimas da p. 3 de “D&D”, ou a das mans da p. 7, ou a da lámpara da 9, ou a do Sol na derradeira, ou xa en “Constipado...”, a derradeira da p.3, ou a segunda e catro últimas da derradeira páxina) que parecen mostrar o tempo detido, ou un baleiro envolvente, ou “o fóra de campo”, ou a mirada do personaxe, ou algo afortunadamente indefinible con palabras; 7) o mantemento do plano en “Constipado...” en varias ocasións (p.6, p.7, p.9, con viñetas case repetidas); 8) os silencios; 9) a ¿aparente? falta de acción; 10) escoller esa paxinación-viñetización de tres por tres e rectángulos verticais todos iguais en “Constipado...” buscando unha homoxeneidade-obxectividade-estandarización que contrasta cos sentimentos revoltos dos personaxes; 11) ¿etc.?
Todo isto poderíamos relacionalo, por descontado, con esas historias non convencionais escollidas por Tomine. Mais non queremos repetirnos: remitímonos outra vez a Piglia e a algún comentario dos escritos estes días...
¿Opinións, críticas mordades, tomates...?

4 comentarios:

  1. O que eu sentín leendo este comic foi un acercamento cara os personaxes, un acercamento que nunca había experimentado na lectura.
    Non sei se ese efecto do que aquí se fala do "distanciamento" do autor é o motor do que eu sentín ao ler o comic.
    Supoño que Tomine busca mediante ese "distanciamento", plasmar sentimentos e emocións friamente para que cada lector poida acondicionar a súa lectura as súas experiencias.
    (Sen que se podan aplicar só a unha situación determinada)

    PD: En todo momento refírome ás viñetas de "D&D"
    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  2. ¿"Que nunca experimentaras na lectura"? ¿En serio? Estaría ben que aclararas isto, please... E aínda queda a túa experiencia coa segunda historia. A ver...
    D.F.

    ResponderEliminar
  3. Nunca había leído nada que me crease por así decirlo un efecto de "inmersión" tan notorio.
    Ese feito de ler os pensamentos dos personaxes ao mesmo tempo que interactúan por así decirlo probocoume un sentimento de achegamento ós personaxes que nunca experimentara.
    Xa que o habitual é que se narre un suceso, pero ese feito de que podas saber os pensamentos dos personaxes, proboca un efecto que como xa dixen, para mín foi novo.

    Realmente a outra historia, paréceme moi dificil, non sabería que dicir...Pero estou esperando a que algúen dea a súa perpectiva sobre a historia, para poder comentala.

    Un abrazo.

    ResponderEliminar
  4. Supoño que "a outra historia" que sería supostamente máis difícil, polo menos para ti, é "Constipado...", e sen embargo creo que máis complexa é, penso eu, a primeira. A segunda paréceme talvez formalmente mellor elaborada, máis pensada, ou feita xa con máis oficio, non sei ben...
    Ben, ao mellor temos sorte e alguén quere dicir algo sobre esa outra historia que para ti é tan pouco clara. Oremos. (¿Miraches os comentarios de Lucas, aí atrás, por certo...?).
    Talvez deberías ler as outras historias deste autor estadounidense, publicadas en dous tomiños por La Cúpula (consulta o catálogo desta editorial na rede). O segundo está na nosa biblio olvidado por xustos e pecadores, meu amigo. O primeiro en varias biblios públicas de Coruña.
    Un saúdo.
    D.F.

    ResponderEliminar