miércoles, 21 de diciembre de 2011

Tomine: Reunión I (19.12.11)


Este luns 19 de decembro tivemos a nosa primeira reunión. Estivemos seis persoas para falar dos dous relatos de Tomine.

Comezamos preguntándonos unha vez máis se "faltaba" algo nesas historias (un final, unha conclusión, un fío a seguir, unha estrutura completa de principio a fin), e cremos que chegamos a un punto de vista compartido sobre isto: non falta nada; trátase dun tipo de relatos distinto ao tradicional (plateamento, nó, desenlace), e desde logo tampouco se trata dunha historia de feitos heroicos. Non é iso e quedou claro. Tamén quedou claro, pensamos, que a lectura das teses de Piglia non foi feita coa calma necesaria ou simplemente foi obviada, o que aquí consideramos un erro pois impide una lectura máis rica de Tomine ou dos relatos de Salinger e Tobias Wolff cos que seguiremos na Entrega II. Considerando pois que os relatos de Tomine deben ser vistos á luz do que Piglia chama "versión moderna del cuento" (fronte ao "cuento clásico" de Poe ou Quiroga), Tomine non é un torpe contador de historias ás que algo lles falta, senón un contador hábil que pretende mostrar a ambigüidade da vida dos humanos gracias, como dicía C. na reunión, a que sabe escoller qué parte ou fragmento desas vidas escoller ou recortar. (Para profundizar algo máis nisto propoñemos as visitas a dúas entradas dun blog doutro club de fai anos: pincha aquí... e aquí).

Falamos tamén da linguaxe do cómic que tan ben domina este autor: do xogo dos flash-backs que non todos collimos á primeira, das diferencias entre as dúas historias (con textos de apoio unha, e máis baseada na imaxe a segunda), da proporción de grises/negros/brancos nas viñetas e de se evitar a cor dá bos resultados, da personalidade de Donovan e Dylan... Sobre isto foron ditas bastantes cousas, como que a suposta relación inicial entre elas non parece xa tal ao final, ou como que persoas como elas con relacións así entre si ou cos seus pais é frecuente na vida fóra das viñetas. A historia dous xerou máis ben, ademais de comentarios de orde estético ou de linguaxe do cómic, un certo debate sobre o que pasaría "despois" entre el e ela... Mai iso non debe desconcertarnos: o que Tomine quería contar é o que conta nesas páxinas, non o que inxenuamente alguén poda pensar nun principio que "falta". Podemos engadir estas palabras do propio Tomine: "Gústanme as historias que parecen terminar no momento xusto, pero que non te obrigan a que te tragues unha resolución pechada. Non hai por que explicalo todo, debería bastar con que che deran as pistas suficientes, algo que che permirta seguir pensando sobre ela".

Á outra C da reunión a penas lle dimos tempo para que falara da maneira de enmarcar e compoñer as imaxes e a disposición das viñetas na páxina..., pero haberá outras oportunidades con outros autores.

Repartimos os textos da Entrega II (ver entrada seguinte a ésta) e desaparecimos dispersándonos polos diferentes puntos do IES... e máis alá.

No hay comentarios:

Publicar un comentario