lunes, 6 de febrero de 2012

A pantera de Kafka no cómic de Clowes

A verdade é que se queremos comparar os relatos de Kafka e Clowes non sempre o temos fácil. Pero si hai un par de posibilidades. Por ex., en ambos casos os protagonistas deciden ou se ven obrigados a mostrar a súa arte nas feiras (ou no circo). E probablemnte iso ten a súa importancia, pois, a ver, ¿que tipo de público cabe esperar nun sitio así? ¿Que público pode esperar o artista da fame? ¿E non di Mal algo de por que escolle ese tipo de público el mesmo, creo que despois de ser abandoado por ela?
Por outro lado, están as mulleres (¿e cando non, en realidade?). No caso do relato kafkiano hai dúas: esas dúas chicas que recollen ao artista unha vez rematado o show e antes da comida-homenaxe: unha delas ten que soportar o peso del de mala maneira mentres a outra limítase a coller a man do home. Recorda algo a esas chicas do Tour con sorriso de orella a orella mirando á cámara de tv mentres disimulan o noxo que probablemente sinten pola suor do maillot amarelo... En certo modo hai unha terceira muller: a esposa que o artista da fame non ten, non pode ter ou non sabe ter. Ou unha cuarta: a pantera do final. Esa pantera é a nova atracción do público que deixa morrer de olvido ao artista antes que éste morra fisicamente. Esa pantera, escribe Kafka, fai e ten o que o artista non fai nin ten: come, leva a liberdade consigo e ten alegría de vivir.
¿Pódese comparar a pantera de Kafka coa chica de Clowes? ¿Ten esa chica o que non ten Mal? Se pasamos a falar de chicas de Clowes, ela chámase Theda Bara, e a tal existiu realmente: foi a primeira "vampiresa" ou "vamp" do cine: a muller vampira, unha comehomes (ou polo menos esa era a imaxe que intentaban dar). O seu nome era outro, e Theda Bara significa "morte árabe". Tal actriz era moi consciente da ficción á que xogaba co público, e ti saberás se o personaxe de Clowes queda máis iluminado despois de saber isto, ou se Mal queda ao final en certo modo... morto.
Hai outra muller no de Clowes: a nai, que aparece debuxada como xa comentamos, e da que se fala en varias ocasións... ¿Pódese dicir que Theda e a nai xogan o xogo dunha parella de contrarios na mente do debuxante de caricaturas, e iso nótase sobre todo coa caricatura feita no restaurante e rota por Mal, pero recollida por Theda (no WC do final, se miras o chan podes ver os anacos daquela caricatura).
E hai unha terceira muller no de Clowes: a esposa, da que está divorciado e coa que non tivo fillos. Mal aparece así retratado ou como abandonado xa previamente por outra muller, ou como incapacitado par convivir con ela, pero en calquera caso incapaz de ter fillos, talvez de crear vida...
Sexa como sexa, ao mellor ten sentido unha comparación entre Theda e a pantera: ¿é Theda unha "vamp", unha comehomes? Non está de máis recordar o que todos probablemente pensamos: o parecido entre Theda e a Lolita de Nabokov e Kubrick.
Polo demais, Theda, como filla dun intelectual e artista "de vangarda" parece representar outro tipo de arte distinto ao de Mal, a arte prestixiada socialmente, a arte vinculada a unha clase social alta ou elitista. Unha contraposición a arte de Mal, de feira, da xente da rúa... Pero non deixa de prestarse outra vez a comparación coa pantera, que introduce outro tipo de show ante un público que desprecia ao artista da fame.
Non sobra lembrar que moitos pensan que Kafka "tamén" (tamén) está a falar da súa actividade como escritor, e Clowes baixo a careta do debuxante de caricaturas -o artista Davo parece inventado, como o nome do existencialista e pai dela-, dos debuxantes de cómics...
Ou sexa, dos campións mundiais de bádminton.
E así.

No hay comentarios:

Publicar un comentario