miércoles, 25 de enero de 2012

Kafka e Clowes (Entrega III)

Obras escollidas: 1) Un artista da fame/Un artista del hambre (1922-24), relato do escritor checo de Franz Kafka, e 2) Caricatura (1995), cómic do estadounidense Daniel Clowes.
1) O relato de Kafka: podes atopalo pinchando aquí.
Tamén está na nosa biblioteca, en galego e castelán na sección 821.AL de literatura en alemá. Mira o índice nestes títulos: Un artista da fame, La metamorfosis (varios exemplares). Noutras bibliotecas está seguro, nestas ou noutras edicións. Ocupa aproximadamente dez páxinas de libro pequeno. Propoñemos que primeiramente leas este relato kafkiano, para comparalo co de Clowes.
2) O cómic de Clowes: Lembra o dito fai tempo sobre a lectura dos cómics de Tomine, pero agora referido a Clowes: É necesaria unha determinada forma de lectura para sacar o máximo partido. Trátase dun cómic, polo que:
1. Non leas demasiado deprisa os debuxos nin os textos. Tómate tempo en cada viñeta, páxina, diálogo, texto... “O tempo” nun cómic depende en gran medida do lector que vai de viñeta en viñeta, e debes atopar o “ritmo” que Clowes desexa que collas. Os espacios entre viñetas chámanse “rúas”, e as rúas son... “tempo”.
2. Presta atención á planificación (primeiro plano, plano xeral, vista desde abaixo ou desde arriba, etc.) e/ou ao encadre (o que aparece dentro da viñeta e o formato vertical, horizontal, etc.). Todo iso pode dicir as cousas de modos distintos, e Clowes ten pensado todo iso.
3. O mesmo da linguaxe non falada dos personaxes, linguaxe corporal (xestos, posicións do corpo, caras con expresión, etc.), que ás veces incluso poden “contradicir” a linguaxe falada deles (o que din e o que mostran é distinto). Clowes non conta historias “de acción”, polo que a relación entre os personaxes evidénciase moitas veces por xestos, movementos de brazos, etc.
4. Valora a páxina completa como unidade expresiva: non son só viñetas en sucesión. Un bo autor pensa a páxina como conxunto.
5. O mesmo do formato (vertical, apaisado, cuadrado...) das viñetas. Se notas, p. ex., que unha delas é moi distinta ao resto desa páxina ou da historia completa, iso ten un valor ou expresividade buscado por Clowes: cambiar o ritmo, destacala, recordarnos algo, etc.
6. A existencia de textos de apoio ou a súa ausencia, ou que determinada viñeta sexa “muda” (sen palabra algunha) determinan unha distinta lectura e comprensión das viñetas, páxinas e do relato. Cabe pensar que Clowes ten todo isto moi meditado e medido.
7. A inexistencia de cor, pero a presencia de tramados grises mecánicos non debuxados a man, combinados con manchas negras de tinta e espacios en branco, forma parte da historia. Esa economía buscada por Clowes entre brancos, negros e tramados mecánicos debes tamén apreciala (Tomine, que era veciño de Clowes, aprendeu moito del).
8. Os silencios, as onomatopeias (e como están escritas-debuxadas), as viñetas encadradas de tal xeito que son o que está mirando un dos personaxes e nós con el, a forma dos globos de diálogo, os obxectos dos fondos, etc., son elementos tamén a ter en conta por un bo lector de cómics que non quere ler de corrido para acabar canto antes, senón entrar no relato, na mente de Clowes.
9. Un cómic soe ser unha combinación de palabra e debuxo (aínda que non sempre: hainos sen palabras), onde as palabras se debuxan, e os debuxos se escriben: as viñetas se escriben do mesmo modo que escribimos palabras unha trala outra de esquerda a dereita, renglón tras renglón, páxina a páxina. O cómic non é “como o cine pero en papel”, nin é literatura con debuxiños complementarios. É unha linguaxe diferente.
10. Consulta o blog con frecuencia (información sobre Kafka, o seu conto, sobre Clowes, etc.) , e participa nel aínda que sexa anónimamente (o club non só é unha reunión nunha habitación: o blog tamén é o club, doutro modo).

2 comentarios: