sábado, 10 de marzo de 2012

Banshee “Moira” O`Danann

As banshee son, nas lendas irlandesas, mulleres que anuncian morte e desventura. Poden estar ó servizo dunha ou varias familias, ou aparecerse en lugares concretos (muros, fontes, regatos... ou pontes sobre un río, coma neste caso) a calquera que pasea. Unha especialmente famosa facía chegar os recados a través da roupa que lavaba, manchada de sangue. Tamén por aquí as lavandeiras son mulleres das que, en xeral, se fuxía. Algún pacto que tiñan co diaño facíaas inmunes ó recato e especialmente bravas: hai moitas historias desas que se contaban polas noites que dicían que se vías a unha lavandeira e che pedía que lle axudases a escoar a roupa estabas perdido.
Banshee O´Danann faise chamar, nunha das viñetas, Moira. E a continuación, dispara ó policía. Na mitoloxía grega as Moiras (e as Parcas na romana, e as Nornas na escandinava) encarnan a parte de sorte que lle corresponde a cada cal, o botín do destino a repartir. Se ben a parte que lle toca á propia Moira-Banshee parece ser bastante desgraciada, coma se a propia emisaria tivese que renunciar á felicidade: ama a dous homes ós que descoñecía por completo. Corto, pola súa parte, noutra historia, "La balada del mar salado", conta que ó descubrir de neno que lle faltaba nas mans a liña da fortuna, tirou de coitelo e fíxose unha ó gusto, e así, vai zafando da morte moitas veces. Non sei, pode que á fin non fose unha historia tan imposible a destes dous...
Respecto da canción que entona no interior da casa, é posible que se estea a referir a outro ser
lexendario, Tuan Mac Carell, que atravesa o mundo dos vivos, máis alá da hora que lle foi asignada, transformándose en distintos animais. Deste xeito, confundíndose con outras formas do que alenta, vai enganando a morte que ven por el. Pero renuncia, iso si, á vida propia dos mortais. Na última páxina Banshee faille saber a Corto que está fatalmente ligada ó destino do seu país, en concreto, implicada ata ó fin na loita concreta que en Irlanda se está a librar. Sen embargo, alí, escoitando esa música doutro tempo da que fala, non pode senón ser un personaxe condenado a vagar pola eternidade queimándose en todas e cada unha das batallas a pel. En definitiva, nun e noutro caso, pura e simple repetición.

(Colaboración de M.).

No hay comentarios:

Publicar un comentario