jueves, 8 de marzo de 2012

Hugo Pratt e John Ford ("The Informer", 1935)

Se ben se di moitas veces que graficamente Hugo Pratt é moi dependente do debuxante estadounidense de cómics da época clásica Milton Caniff (e é así en certo sentido, mais sobre isto hai que matizar moito, porque a forma de concibir as viñetas, páxinas, etc., é ben distinta), poucas veces se di o que o propio Pratt recoñece abertamente: a influencia da forma de narrar e presentar imaxes (se as dúas cousas non son o mesmo nun cómic) dun dos autores máis importantes do s. XX, o cineasta John Ford, e en concreto neste cómic da súa película "The Informer" ("O delator"), de 1935 (se en YouTube di 1922 é porque a historia que Ford conta transcorre nese ano, en Dublín).
Se miramos eses planos de Ford das rúas de Dublín de noite, o carteliño (persecutor el), as paredes, as sombras, os faroliños, os cigarrillos prendidos co lume dos mistos, a indubidable influencia da estética do cine expresionista (ver aquí e baixar ao epígrafe "Aspectos estéticos") desta película xa dos tempos do sonoro pero aínda moi dependente da linguaxe do cine mudo (lembra que o sonoro comeza en 1927, oitos anos antes), se miramos ese planos , dicíamos, notaremos a súa influencia nas páxinas iniciais do cómic de Corto Maltese, ata a aparición da tumba. O propio Pratt recoñece isto. Outras viñetas talvez dependan da outra peli de Ford en Irlanda, "The Quiet Man" ("O home tranquilo"), pero deixemos iso agora... O certo é que se imos ás últimas páxinas atopamos outra coincidencia con Ford, aínda que non cremos que sacada del: a representación do movemento mediante a presencia do vento (follas voando), pelo dos personaxes levantándose, etc. E moi de ambos. Outras coincidencias entre ambos son o demorarse nas miradas dos personaxes, o gusto polos uniformes militares e o ambiente militar e pola representación do deserto, o mimo co que tratan aos personaxes secundarios (iso si probablemente Pratt tómao de Ford), que os dous son auténticos contadores de historias no sentido forte da expresión e que ambos contan historias a partires da vida realmente experimentada e das persoas que realemente coñeceron e trataron que pasan aos seus relatos que por iso están cheos de vida (compárese esto coa tendencia de tantos outros "autores" a xerar as súas historias non a partir da vida senón doutras películas, doutros cómics ou de series da televisión), etc. Ese aire fordiano un non pode evitar respiarlo en moitos relatos prattianos, incluso cando só é o guionista ("Verano indio", p. ex.).
Engadimos aquí o enlace para ver en YouTube o comezo do filme "The Informer" (O delator")decentemente (non se che ocurra velo traducido ao castelán: toda a banda sonora se perde, e a banda sonora son todos os sons da película, non só as voces e a música). Pincha aquí: http://youtu.be/F6wrsUmPsR0

1 comentario:

  1. Lendo algo sobre a obra de John Ford na irregular colección de cine de Cátedra, ben , parece ser que non hai tanta influencia do cine expresionista alemán nel, nin antes nin no film "The Informer". Eses xogos de luces e sombras propios do expresionismo alemán xa foran utilizados antes polo propio Ford. Sen embargo, iso non significa que non haxa certa influencia, máis non tanta como ás veces se di. Unha mostra máis de que Ford, caladiño el, facía máis pola innovación da linguaxe cinematográfica que outros que non facían tanto como se di e aparentaban facelo todiño.
    Perdón pois por non escribir con máis tino nesta entrada.

    ResponderEliminar