sábado, 31 de marzo de 2012

Entrega V: Bastien Vivès e Antón Chéjov

Quinta entrega e penúltima, en principio. Pretendemos que sexan lidas as catro historias en vacacións de Semana Santa e marcar á volta a reunión.
Obras escollidas: a) El gusto del cloro (2008 en Francia), album de Bastien Vivès, autor de cómics francés nacido en 1984; b) tres contos de Chéjov (escritor ruso, 1860-1904): “El beso”, “Del amor” e “Una bromita”, os tres na rede (ver enlaces abaixo) ou en calquera biblioteca (diversas edicións). Na nosa están os dous primeiros en Cuentos imprescindibles, de Chéjov (Debolsillo), sección “Outras literaturas” (821.OU).
Sobre o cómic de B. Vivès: éste é un autor francés novo e moi premiado que comezou a ser recoñecido a partires do album El gusto del cloro. ¿Que dicir?:
1) Se miramos cara atrás temos xa cómics e relatos literarios que se saen do tradicional (non hai grandes sucesos, nin enigmas, nin accións moralizantes, e si ambigüidade e finais abertos que reclaman a participación dun lector atento no dobre sentido de ollos abertos e de xeneroso, dado a
darse). Pois aquí máis diso, e moi ben contado e debuxado;
2) necesitamos pois ter en conta todo o dito sobre os autores anteriores (composición das páxinas, formato das viñetas; elección de cores; movemento do corpo, mans, xestos faciais; dialéctica entre palabras dos personaxes e a acción dos mesmos; etc.: ver entradas do blog que levan a etiqueta “Linguaxe do cómic”);
3) ademais agora debemos ver que o autor parece establecer unha oposición entre dentro-fóra en varios ámbitos: a) fisioterapeuta (fóra)-piscina (dentro); b) vestiario (fóra)-piscina (dentro); c) superficie da auga, nadar (fóra)- profundidade, bucear (dentro);
4) por outro lado hai dous tempos: presente e flash-back (volta ao pasado: última páxina no fisioterapeuta);
5) con estes catro elementos e o que iremos vendo no blog entraremos algo mellor nesta historia, pero Vivès é o bastante bo como para contar a historia nunha linguaxe visual non completamente reductible a explicacións racionais expresables en palabras, e esa imposibilidade de verbalizar todo o contido do album é o que o fai máis interesante como cómic.
Sobre os tres contos de Chéjov: Cremos que Vivès, conscientemente ou non, achégase á sensibilidade e mundo chejoviano, e iso pode notarse de diferente maneira nestes tres relatos. Propoñemos ler nesta orde (ou sexa, primeiro os mellores): “El beso”, “Sobre el amor” e “Una bromita”. Sobre o modo de contar contos de Chéjov xa escribimos neste blog, pero iremos repetindo o esencial de novo. Digamos só que este tipo de relatos que estamos a ler neste club nacen con Chéjov, quen pasa por ser o pai do “conto moderno”, do conto actual (xa sabes: ambigüidade, finais abertos, ausencia de enigma final e situacións heroicas ou moralizantes, etc.).
Enlaces dos tres contos:
http://www.ciudadseva.com/textos/cuentos/rus/chejov/beso.htm
http://albalearning.com/audiolibros/chejov/sobreelamor.html
http://www.ciudadseva.com/textos/cuentos/rus/chejov/bromita.htm
Nos próximos días engadiremos varias entradas sobre Vivès e o seu album e sobre Chéjov.

No hay comentarios:

Publicar un comentario