Cómic e literatura
Blog do club de lectura aberto sobre cómic e literatura (curso 2011-12)
miércoles, 18 de julio de 2012
Robert Crumb, entrega VI (2): Crumb nas bibliotecas
Dada a dificultade de atopar o mellor de Crumb na rede propoñemos buscar nas bibliotecas públicas con un pouco de paciencia. Centrarémonos en dúas de Coruña cidade, a González Garcés (Elviña) e a municipal do Fórum (Parque Europa). Ambos catálogos visibles na rede (escribe bibliotecaspublicas, así, todo xunto, e logo escribe Coruña, e saen tres: a da Deputación, xunto ao Teatro Rosalía, que ten tamén algo de Crumb, a GG e as Municipais de Coruña, onde podes escoller a proposta, "Fórum", se ben hai moitas máis). Lermbra que existen dúas cousas importantes para ti: o servicio interbibliotecario (poden traer para ti doutra biblio o que pidas, incluso desde a da o do teu barrio, probablemente) e as compras da propia biblio que habitualmente frecuentas, se cubres o impreso correspondente (pregunta alí).
Propoñemos de RC cinco álbumes atopables todos nas biblios ditas (Fórum e GG, e recorda que a comicteca da GG está na planta superior, no pasillo, e que no verán abre só polas mañás e non os sábados). Advertimos que todos eles son para MAIORES DE DEZAOITO ANOS, e por iso están na seccción de adultos desas biblios, pero ben é certo que os membros deste club que aínda quedan nel, se hai alguén, son todos maiores desa idade:
1) "Obras completas-5. Crumb. El gato Fritz", La Cúpula. Xa falamos desta serie, que remata coa morte do gatiño. Os comezos do noso autor: anos sesenta e principios dos setenta. Vemos a evolución gráfica de RC do rapidógrafo de liña fina e tramados verticais á utilización da plumilla clásica e os tramados propios do RC maduro. Humor, sátira e certas dosis de cinismo felino;
2) "Obras completas-6. Crumb. Mr. Natural. Los orígenes", La Cúpula. O famoso personaxe gurú borde de RC e os seus encontros co pobre Flakey Foont. De novo finais dos sesenta e principios dos setenta (La Cúpula ten outros douis volumes deste personaxe, con historias posteriores), e de novo sátira, humor e cinismo, agora barbudo. Crea adicción;
3) "Obras completas-1. Crumb. Mis problemas con las mujeres", La Cúpula: o que non puidimos atopar na rede, historias autobiográficas de RC, témolo neste e outros volumes de La Cúpula, e xa comentamos que son os relatos máis tipicamente crumbianos, e para moitos o mellor da súa obra. É algo forte, e para adultos: lembra que RC é todo o que queiras... menos un autor politicamente corrrecto e apto para todos os públicos. Dito isto, "That´s life", de 1975, abre o tomo: unha historia dun bluesman e un disco, e a busca dese disco por un coleccionista moitos anos despois que fai o papel de alter ego de RC. O album remata con outras dúas historias de bluesmen xa comentadas atrás ("Patton" é unha), pero o mellor do volume é o do medio: esas historias nas que RC é o protagonista (menos nunha, mais aínda así case parece el de novo). Duro, pero moi bo. O estilo gráfico xa é o propio do RC maduro, pero nas dúas últimas de bluesmen recordemos que está probando a utilización do pincel en maior grao, e unha forma de encadrar, polo menos na penúltima, un tanto máis convencional do natural en RC;
4) "Obras completas-2. Crumb. Si yo fuera rey", La Cúpula: máis relatos autobiográficos e máis dureza, ollo. En "Footsie", de 1987, está de novo nese período de maior utilización do pincel do que é habitual nel;
5) "Obras completas-3. Crumb. La historia de mi vida", La Cúpula: máis do mesmo, con algumhas cousas máis e entre elas a historia sobre Philip K. Dick, agora en castelán (lembra, período de máis pincel).
Pois iso: un pasa polas biblios polo que sexa, e de paso busca algo de Crumb. Ésa é a idea desta entrada. Claro que hai moitas máis cousas (ilustracións, libros, portadas de discos, etc.), pero queríamos dar unha lista do facilmente atopable de RC en biblios e que ao mesnmo tempo dea unha imaxe do autor que sirva para quen quere ter un primeiro contacto cun dous máis importantes autores de cómics dos últimos cincuenta anos a nivel mundial, e desde logo o pai do cómic underground, alternativo e autobiográfico, sen dúbida.
jueves, 12 de julio de 2012
Robert Crumb, entrega VI: algo de Crumb na rede
"When I´m not drawing, I´m NOTHING... So Keep Drawing Daddy-O, ´cause the
moment you stop, you´re nothing again!" (R. Crumb, 1975)
Perdón pola tardanza, pero non foi tan fácil atopar o que tíñamos pensado de Crumb na rede: parece ser que certas cousas foron borradas, e lamentablemente, pois unha delas era das que máis apetecía agora, sobre todo pensando en J.
OK. Por orde cronolóxica non demasiado rigurosa, propoñemos isto (é mudo ou está en inglés, pero se entende ben):
1) "Fritz, the cat", a gran serie dos anos sesenta; unha forma de ver como entende RC iso que dimos en chamar "funny animals". Presentamos aquí só o comezo da serie, con horripilante rotulación engadida (non é a de RC), e cos típicos debuxos do primeiro RC cos tramados verticais e a liña fina do rapidógrafo: pinchemos aquí (son dez páxinas: pasamos a seguinte pinchando sobre o gato que corre para a dereita, abaixo). Se queremos ver a saga completa, La Cúpula ten unha edición (non apta para menores, ollo) que podes atopar en calquera biblio pública indecente;
2) unha coñecida e breve historia (dos primeiros tempos) do personaxe Mr. Natural, creado nos sesenta por RC e aínda "vivo" (non como Fritz, que foi "matado"en 1972 por RC nunha famosa viñeta: quería desfacerse dunha serie que acababa con el). Lamentablemente está en YouTube "reconvertida" en non se sabe que, e con ruidiños: pedimos por favor sexa vista con paciencia e sen son. Se hai algo insoportable é ver cómics en tv ou vídeo con banda sonora: dá noxo. Pinchemos aquí;
3) outra famosa historia un tanto filosófica dunha páxina e dos primeiros tempos de RC, non moi ben reproducida. É muda. Pinchemos aquí...;
4) e "Stoned again!" ("Colgado de novo!"), outra máis deses tempos, muda e igualmente famosa (e mal reproducida, claro): pinchemos, queridos;
5) agora outra das máis famosas, "A short History of America", practicamente muda. Presentamos a menos mala de internet (hai outras peores, e incluso con viñetas engadidas a posteriori). Podes vela como serie de viñetas en columna aquí (pincha), e polo tanto deixando non se sabe onde a composición orixinal en catro páxinas "en branco e negro" de tres viñetas cada unha. Tamén podes vela en YouTube, e por favor quita o son, please: aquí. (A data que consta abaixo non é a do cómic, senón a dunha película sobre RC moi posterior: este cómic debe de ser dos setenta e poucos);
6) nesta páxina verás un montón de cousas de distintas épocas: a) as dúas últimas páxinas da historia chamada "That´s life" (1975), sobre a vida e morte dun bluesman e como un personaxe que representa a RC busca un vello disco del nunha casa rural dunha vella; b) logo vemos catro cancións versioneadas por RC, e unha delas dun Hendrix un tanto pasado; c) e logo damos un salto, pois "a" e "b" son dos setenta, e agora pasamos ao comezo dunha historia dun bluesman debuxada en 1984 e nun estilo diferente: neste momento RC probaba a debuxar con plumilla, si, pero tamén con pincel, e facendo uns encadres un tanto diferentes aos típicos del, máis convencinonais ou de comic-book. Esperemos que non sexa moi lioso: pincha e sobrevive;
7) nesta páxina (?) tíñamos localizada a excelente "That´s life", de 1975, pero desapareceu despois de ser gardada nos meus "favoritos". E logo din que non hai meigas... Intentei de mil formas atopar de novo esa historia, en inglés, pero completa, e nada. De todos xeitos está editada por La Cúpula no album "Crumb. Mis problemas con las mujeres", en calquera biblio pouco recomendable e nunca, nunca na sección infantil;
8) historia atípica de RC, outra vez con moito pincel, pois estamos en 1985 ou 86, e RC está aínda utilizando o pincel máis do normal e encadrando as viñetas de maneira pouco habitual nel, estilo comic-book ou en calquera caso máis convencionalmentre do que acostuma. Vai sobre a peculiar personalidade do escritor estadounidense de ciencia-ficción Philip K. Dick, moi versioneado no cine, aínda que non sempre ben (en "Blade runner", si, desde logo): pinchemos aquí. Se queres lela en castelán, en La Cúpula, no album "Crumb. La historia de mi vida". Nunca na sección infantil da túa biblio, xa sabes;
9) imos un pouquiño para atrás, a 1984: esta historia de doce páxinas é outra de tantas dedicadas aos bluesmen. Neste caso sobre C. Patton. O estilo é o xa dito: moito pincel nestes anos oitenta (non despois, que volvrá e a precindir del, polo menos nesa medida). Pincha aquí; se queres vela en castelán, no album "Mis problemas..." xa dito;
10) unha historia dunha páxina de Mr. Natural co seu amigo (?) Flakey Foont, quen pasa un período pelín existencialista. É de 1997. Se queres vela en castelán, La Cúpula ten polo menos tres volumes dedicados a Mr. Natural, mais xuraría polo brazo incorrupto do santo que queiras que non aparece en ningun deles. Podes buscar na biblio, sector Lectores Criminais;
11) unha sorpresiña, porque no fondo somos corazonciños románticos: de cando RC era bo e debuxaba postais de cumpreanos: pincha aquí. Se para quedar ben coa bibliotecaria queres buscar isto na sección Lectores Benpensantes Politicamente Correctos, olvídao, meu ben: non atopas isto na túa biblio nin rezando;
12) sorpresiña final: os debuxos de RC e do seu irmán maior, Charles, cando eran nenos. Ambos estaban obsesionados por "A Illa do Tesouro" de Stevenson, despois de ver a película. Especialmente Charles. Ben, pois pinchemos e vexamos iso, e máis cousas...
Nada máis por hoxe. En breve ofreceremos outras lecturas de Robert Crumb mellor escollidas para atopar na biblioteca, se é que deixan alí entrar aos lectores crimi... ¡Ups!, queremos dicir, aos lectores de Crumb.
miércoles, 4 de julio de 2012
Entrega VI: Robert Crumb e Andrés Trapiello
(Seguimos).
Robert Crumb (1943, EE UU, actualmente residente en Francia) é máis ou menos da mesma idade que Bob Dylan, Lou Reed, Mick Jagger ou Jimi Hendrix (se estivera vivo). Autores todos eles dados a coñecer nos sesenta, aínda que moitos aínda dando a lata. Tamén el, pero no mundo do cómic.
De familia numerosa católica, estivo desde neno moi pegado ao seu irmán maior Charles (morto por suicidio en 1993, probablemnte polos seus problemas mentais). Desde críos ambos lían e debuxaban cómics obsesivamente.
Nos primeiros sesenta RC consegue adicarse profesionalmente á ilustración e os cómics, e máis ou menos na época dos hippies, despega como autor "underground" (o chamado cómic underground nace e se desenvolve sobre todo con el). Nunca foi hippie, nin amante do rock, pero os "fanzines" da época e o seu coñecido personaxe o gato Fritz (do cal hai pouco recomendable película, da cal RC renega, e se comprende) coinciden no tempo co hippismo e o rock asociado a aquel movemento.
Nos sesenta revoluciona o cómic estadounidense e mundial, e a súa pegada non ten fin...
Desde eses anos da moda hippie aborda cunha entonces inhabitual franqueza escenas e historias directamente relacionadas co sexo. E co tempo será un dos primeiros autores de cómics en tratar os riscos do progreso tecnolóxico e os desastres ecolóxicos ( o seu breve cómic sobre a historia de EE UU é moi famoso). A súa filía pola música tradicional norteamericana queda patente en numerosas historias e ilustracións adicadas ás vidas de bluesmen, ou a busca, compra e colección de vellos discos, cando non versións gráficas de antigas cancións. O gusto polo antigo (discos,. música, mobles, roupa, forma de debuxar cómics, instrumentos de debuxo, etc.) e o rexeitamento do "novo" vese a cada paso nas súas historias e ilustracións. As historias do xénero "funnies animals", con tanta tradición en EE UU e que aquí chegaron sobre todo pola vía Disney (Donald, Mickey, etc.), son típicas do primeiro RC. Tal gusto era compartido co seu irmán Charles e ás veces historias de "funnies animals" do famoso RC eran en realidade reelaboracións das feitas na infancia en colaboración con Charles. Mais talvez (hummm...) as máis valoradas por case todos os seus lectores sexan as historias de natureza autobiográfica, de tantísima influencia posterior en América e fóra dela, relatos que cabe entender loxicamente como unha re-elaboración a partir da súa propia vida (vexamos máis adiante o que diremos dos diarios de Trapiello), inevitablemente mesturada coa súa imaxinación e a rebelde da casa de cada quen, a infiel memoria que fai da nosa "identidade" (¿uh?) o que lle dá a gana (afortunada-mente).. Aí temos escenas sexuais do afamado autor underground de educación católica con chocantes problemas coas mulleres antes e despois da fama (pero de cor ben distinta nese antes e nese despois, como se toma a molestia de... remarcar), familiares, recordos da infancia e xuventude, experiencias na súa profesión, análise da súa peculiar forma de ser e de pensar, e incluso, por que non, historias que transcorren no ámbito da súa imaxinación, sen por iso necesitar nós agora crear outra categoría, pois a imaxinación dun forma parte da vida dun (que lle pregunten se non a Don Quijote) e por conseguinte eses cómics son tamén de natureza autobiográfica. Neste tipo de cómics autobiográficos co propio debuxante como personaxe nas viñetas abre RC a porta a futuros cómics autobiográficos de autores hoxe tan recoñecidos do chamado "cómic indie", que non é senón o cómic underground de hoxe (Daniel Clowes, Chester Brown, Joe Matt, Julie Doucet ou o mesmísemo Art Spiegelman, etc.).
Andrés Trapiello (leonés, 1953, residente en Madrid desde 1975) nada ten que ver en principio con RC, e se é dubidoso que RC coñeza a AT, é pouco probable que AT saiba gran cousa de RC.
Dá igual: quedan desde agora presentados. O gusto é noso.
AT é escritor, tipógrafo, editor e debuxante afeccionado. Ten o seu propio blog que podes buscar ("Hemeroflexia"), pero nel hai máis ben escritos un tanto urxentes e de pouco calado en comparación cos seus libros. Como columnista tampouco destaca enormemente, cremos (revista semanal de "La Vanguardia"), e da súa labor como novelista e poeta nada diremos aquí. Tamén é autor de ensaios entre os cales queremos destacar su reeditado "Las armas y las letras" sobre os escritores españois (en xeral, desta ideoloxía ou a outra, ou a de máis alá) e a Guerra Civil. Moi bo libro tanto sobre literatura española como sobre a Guerra Civil. Pero o que realmente queremos destacar de AT son os seus diarios que ven publicando desde 1990 co título xeral de "Salón de los Pasos Perdidos. (Una novela en marcha)". O seu primeiro volume chamábase "El gato encerrado", e ata agora leva como dezasete tomos. No seu atractivo e refrescante blog, o escritor e filósofo heideggeriano-nietzscheano especializado en arte e estética Félix de Azúa chegou finalmente a dedicar unha entrada aos diarios de AT (¡e mira que tardou o barcelonés...!) que podes ver aquí se pinchas e talvez sirva para meterte algo mellor no mundo deses diarios. Eses diarios son publicados desde 1990 por Pre-Textos (e reeditados despois en versión barata por Destino) logo dun repouso de anos (é dicir, o que está a escribir este ano será editadounha vez corrixido dentro de cinco, máis ou menos).
E aí temos o punto de encontro con RC. Neses diarios atopamos temas, gustos e ideas semellantes, salvando as distancias, co estadounidense: ambos comparten o desprecio pola música rock e polos teóricos ou expertos na arte de vangarda, e comparten cada quen no seu medio un certo gusto ben sexa pola forma de debuxar cómics "de antes" ou pola forma de escribir novelas que algún crítico chamou "decimonónica" en sentido negativo, e que AT reivindicou, convertindo a crítica de negativa en positiva; o gusto de AT polo Rastro de Madrid e os libros vellos recorda ao de RC polo antigo e os discos vellos; o gusto pola natureza e a vida no campo vémolas en ambos autores; certas escenas da vida cotiá que amosan a súa conflictiva relación cos seus fillos atopámolas igualmente nos cómics de RC e nos diarios de AT; os paseos polas rúas madrileñas do leonés son comparables en certo modo cos debuxos de RC de rúas e casas de San Francisco, Harlem, Bulgaria ou Francia; e desde logo non queremos esquecer esas escenas nos que ambos, cada quen no seu estilo e medio, describen os seus encontros con mulleres (salvando desde logo os... eerrr, ¿estilos e medios? ¿Ah?). Etcétera: as diferencias deixámolas para outro día.
Dicíamos máis arriba cando falabamos das historias autobiográficas de RC que tales historias son indisociables da labor non sempre consciente da imaxinación do autor, e da súa non sempre fiel memoria. Non cremos que suceda de forma distinta nun novelista cervantino como AT, e o feito de que subtitule o "Salón de los Pasos Perdidos" como unha... "novela" en marcha di moito sobre isto. ¿"Novela"? Novela, si. Xa falaremos...
Obras propostas:
a) De Robert Crumb: optamos por fragmentos ou historias breves atopables todas na rede (enlaces das mesmas, na próxima entrada deste blog, mañá ou pasado mañá);
b) de Andrés Trapiello: optamos por fragmentos dos seus diarios que iremos propoñendo dentro dun tempo (non moito) neste blog. Desgraciadamente non hai na rede fragmentos dos diarios, e as entradas do seu blog saben a pouco. Non obstante nas bibliotecas de Coruña, especialmente na González Garcés de Elviña (que en xullo-agosto só abre polas mañás e de luns a venres, ollo) hai moitos destes dezasete volumes. Paciencia.
Etiquetas:
AZÚA,
BOB DYLAN,
CERVANTES,
CHARLES CRUMB,
CHESTER BROWN,
CLOWES,
CÓMIC UNDERGROUND,
CRUMB,
DON QUIJOTE,
DOUCET,
FANZINES,
HENDRIX,
HIPPIES,
LOU REED,
MATT,
MICK JAGGER,
MÚSICA,
SPIEGELMAN,
TRAPIELLO
jueves, 21 de junio de 2012
Vivès e Chéjov: Reunión V (21.6.12)
"La cosa pierde color/ Cuando la piensas dos veces/ Y más dispuesto pareces/ A pensar en lo peor..."
E finalmente houbo reunión sobre Chéjov e Vivès...
Soamentec estivemos tres, xa que un imprevisto fixo imposible a presencia de K.
Falamos do album "El gusto del cloro", moi en xeral, e do estilo do seu autor, das súas intuicións e habilidades, e das supostas faltas de habilidade e intuición. Fixemos algo parecido a unha valoración xeral deste autor francés, co bo e o non tan bo, e sen embargo bastante bo tendo en conta os vintecatro anos que tiña cando debuxa este cómic (non obstante, por favor, lembremos que, por exemplo, Orson Welles tiña vinteséis anos cando dirixe "Cidadán Kane", ou Thomas Mann vintecinco cando publica a novela "Os Buddenbrook", ¿mh?). Falamos do "tempo lento", das cores escollidas, e das misteriosas palabras dela baixo a auga (que comparamos coa caixiña do nipón do filme de Buñuel "Belle de Jour": Buñuel chegou a declarar que esa caixiña tiña dentro... o que o espectador queira que teña); das sorprendentes páxinas en branco e de se ela estaba ou non estaba interesada por el, e a razón de que deixara de ir.
¿Chéjov? Ben, del falamos xa menos, pois ao parecer os seus contos (tres) non foron vistos por todos, ou se recordaban non moi ben. Intentamos atopar un parecido entre as palabriñas de "Una bromita" e as palabras dela baixo a auga no album "El gusto...", o seu efecto semellante na historia rusa e no cómic. E logo do suposto parecido de "El beso" de Chéjov e este cómic: ¿a ilusión e posterior frustración, por exemplo? Ou do conto "Del amor", outra vez cunha historia de amor de (non) desenlace non feliz onde a frustración sufrida polo relator e tamén por ela poden recordar a frustración do rapaz da piscina, salvando as distancias. Comentamos tamén que non parece que Vivès teña vistos estes contos chejovianos, e menos despois de ler declaracións con referencias ás tartaruras Ninja e similares, pero iso non quita que haxa certo parecido nos contidos. E tamén na forma de contar: o demorarse nos pequenos detalles aparentemente non significantes, a relación entre os personaxes, a falta de trama clásica, os finais abertos...
Falamos igualemnte do futuro deste club. Estamos de acordo, polo menos tres (talvez catro), en seguir con Crumb e Trapiello. A forma de facelo será na rede no que respecta a Crumb, e en papel con fragmentos dos diarios no que respecta a Trapiello. De momento nos próximos días teremos neste blog enlaces para poder ver e ler certos cómics breves de Crumb no ordenador (e se alguén quere máis, nas biblios públicas hai moitísimo, como xa diremos); de Trapiello probablemnte será mellor facelo doutro xeito, talvez con precisas indicacións para buscar na biblio pública, ou, se non, tomándose a molestia de pasar pola conserxería deste IES ao comezo do mes de xullo, se hai vontade para iso, que parece que si.
Sen máis, quedamos pendentes deste blog...
martes, 19 de junio de 2012
A ver se é posible que teñamos a reunión V...
"I´m real real gone/ I can´t stand up by myself/ Don´t you know..."
En calquera caso, tres persoas -as que quedamos- temos pensado reunirnos este xoves 21, ás once menos cuarto, no lugar acostumado. Se hai sorte, pode que C. estea tamén, e seríamos catro.
Falaremos de Vivès e Chéjov, e talvez do indefinido futuro do que queda deste club (¿Trapiello con Crumb, combinación friki onde as haxa...?).
Crucemos os dedos.
lunes, 18 de junio de 2012
"El gusto del cloro": unha viñeta
Se todo o que dixemos sobre este album de Vivès é certo, ou polo menos verosímil, ou con certa base aínda que ésta sexa non moi sólida, e polo tanto cabe pensar que o protagonista sen nome (como todos os demais personaxes da obra: todos anónimos) entra por primeira vez na piscina que será co tempo para el unha baixada aos infernos, ¿por que entón na primeira viñeta que mostra a piscina, páxina 7-viñeta I, o punto de vista é subacuático, desde o fondo, cando se entende que el está arriba, na planta do balcón, por enriba da superficie?
Non parece ter moito xeito..., a non ser..., a non ser que:
1) Posibilidade 1: Vivès unha vez máis xunta unha de cal con unha de area, e aí vai unha intuición xenial e logo unha metedura de pata, e segue porque non parece importar demasiado, ou non tivo tempo de pensalo aínda (demasiado atarefado coas tartarugas Ninja, xa che digo). Nese caso esta viñeta estaría incluída sen pensar, por conseguir unha páxina con dúas perspectivas e algo de variedade: unha desde abaixo e a que segue desde arriba, e listo. Se é así rompe coa lóxica do relato xa ben pronto, aínda que despois en xeral respecte o punto de vista do protagonista. Hai excepcións, claro: nas páxs. 28-29, p. ex., ou na 39-I. Pode que algunha máis, non sei, pero en liñas xerais ese punto de vista do rapaz é respectado;
2) posibiliadade 2: Vivès regálanos de novo outra perla, outra das súas felices intuicións, e ésta si é de novo outra viñeta pensada, intuitiva ou significativa, querendo dar a entender ao lector algo. ¿Que quere dar a entender con esta viñeta que se sae da lóxica, pois a lóxica indica que debe respectar o punto de vista do protagonista que está a piques de se asomar ao balcón e ver a superficie da auga? Podería ser unha premonición: o que no futuro espera ao rapaz: o fondo, a soedade, a frustración, os infernos subacuáticos (ver entradas anteriores). Se así fora, e queremos pensar que así é, pero non temos moitas enerxías para crelo (o efecto tartarugas, por chamalo dalgún xeito), é unha moi boa viñeta que rompendo a suposta lóxica do relato no fondo non fai senón subliñar esa lóxica, que sería de novo subliñada en vermello na páx. do final coa mirada do chaval ao lector previa ás dúas páxinas en branco que preceden ao flash-back que leva ao lector semanas atrás á clínica do inefable fisioterapeuta. Así, no comezo coa entrada na piscina, e no final co abandono do lector da piscina, se produce unha dobre ruptura: a) vemos a piscina (falamos pois dunha ruptura espacial) por primeira vez desde o fondo contra todo o esperable; b) remata o relato cun flash-back que volve a romper nesta ocasión non espacialmente, senón temporalmente o fío do relato. Espacio e tempo e dobre ruptura: rompe espacialmente, narra linelamente, e rompe temporalmente.
O de sempre: ¿é Vivès un mozo tan, tan listo e xenial como para prever todas estas rupturas, ou saen del por intuición metafísica? ¿Ou será casualidade que certo tipo de lector con demasiado tempo libre e necesidade e xustificar a existencia dun blog que non le nin a súa nai quere converter noutra cousa que non sexa casualidade sen máis? E supoñendo que casualidade fora, ¿non son demasiadas casualidades nun album de só cento e pouco páxinas?
Rematamos cunha breve refrencia ao efecto tartarugas Ninja: nas poucas entrevistas que un pode atopar na rede, ou nalgún vídeo no que Vivès é entrevistado, chama a atención a falta de nomes (e de respostas argumentadas en detalle). Non fala de debuxantes de cómics concretos, nin de guionistas, nin de series, nin tampouco de cineastas ou escritores... Pero si... ¡das tartarugas Ninja que Deus confunda! (E de paso creo que de Star Wars, para rematar a xogada, supoño). ¿Outra mostra de intuición xenial de Vivès, que quere ocultarse detrás da bromiña, ou soamente simpleza dun autor de pluma fácil e rápida que carece aínda de referencias sólidas?
A saber...
Non parece ter moito xeito..., a non ser..., a non ser que:
1) Posibilidade 1: Vivès unha vez máis xunta unha de cal con unha de area, e aí vai unha intuición xenial e logo unha metedura de pata, e segue porque non parece importar demasiado, ou non tivo tempo de pensalo aínda (demasiado atarefado coas tartarugas Ninja, xa che digo). Nese caso esta viñeta estaría incluída sen pensar, por conseguir unha páxina con dúas perspectivas e algo de variedade: unha desde abaixo e a que segue desde arriba, e listo. Se é así rompe coa lóxica do relato xa ben pronto, aínda que despois en xeral respecte o punto de vista do protagonista. Hai excepcións, claro: nas páxs. 28-29, p. ex., ou na 39-I. Pode que algunha máis, non sei, pero en liñas xerais ese punto de vista do rapaz é respectado;
2) posibiliadade 2: Vivès regálanos de novo outra perla, outra das súas felices intuicións, e ésta si é de novo outra viñeta pensada, intuitiva ou significativa, querendo dar a entender ao lector algo. ¿Que quere dar a entender con esta viñeta que se sae da lóxica, pois a lóxica indica que debe respectar o punto de vista do protagonista que está a piques de se asomar ao balcón e ver a superficie da auga? Podería ser unha premonición: o que no futuro espera ao rapaz: o fondo, a soedade, a frustración, os infernos subacuáticos (ver entradas anteriores). Se así fora, e queremos pensar que así é, pero non temos moitas enerxías para crelo (o efecto tartarugas, por chamalo dalgún xeito), é unha moi boa viñeta que rompendo a suposta lóxica do relato no fondo non fai senón subliñar esa lóxica, que sería de novo subliñada en vermello na páx. do final coa mirada do chaval ao lector previa ás dúas páxinas en branco que preceden ao flash-back que leva ao lector semanas atrás á clínica do inefable fisioterapeuta. Así, no comezo coa entrada na piscina, e no final co abandono do lector da piscina, se produce unha dobre ruptura: a) vemos a piscina (falamos pois dunha ruptura espacial) por primeira vez desde o fondo contra todo o esperable; b) remata o relato cun flash-back que volve a romper nesta ocasión non espacialmente, senón temporalmente o fío do relato. Espacio e tempo e dobre ruptura: rompe espacialmente, narra linelamente, e rompe temporalmente.
O de sempre: ¿é Vivès un mozo tan, tan listo e xenial como para prever todas estas rupturas, ou saen del por intuición metafísica? ¿Ou será casualidade que certo tipo de lector con demasiado tempo libre e necesidade e xustificar a existencia dun blog que non le nin a súa nai quere converter noutra cousa que non sexa casualidade sen máis? E supoñendo que casualidade fora, ¿non son demasiadas casualidades nun album de só cento e pouco páxinas?
Rematamos cunha breve refrencia ao efecto tartarugas Ninja: nas poucas entrevistas que un pode atopar na rede, ou nalgún vídeo no que Vivès é entrevistado, chama a atención a falta de nomes (e de respostas argumentadas en detalle). Non fala de debuxantes de cómics concretos, nin de guionistas, nin de series, nin tampouco de cineastas ou escritores... Pero si... ¡das tartarugas Ninja que Deus confunda! (E de paso creo que de Star Wars, para rematar a xogada, supoño). ¿Outra mostra de intuición xenial de Vivès, que quere ocultarse detrás da bromiña, ou soamente simpleza dun autor de pluma fácil e rápida que carece aínda de referencias sólidas?
A saber...
domingo, 3 de junio de 2012
Vivès: tempo (II), planificación e linguaxe non verbal
Unha das características da forma de narrar que Vivès utiliza en “El gusto del cloro” é a de non tanto dilatar o paso do tempo ou facer sentir ao lector a lentitude deste, senón máis ben “mostrar” o fluír do paso do tempo “propio” dunha escena sen fraccionar ese acontecemento (sentirse torpe nunha piscina, ver unha chica, etc.) con xustaposicións de imaxes, ou o uso continuo de campo-contracampo, ou en calquera caso botar man de técnicas de montaxe convencional e artificiosas que rompan a unidade espacio-temporal desa escena ou suceso e o “natural” fluxo do seu tempo interno. E non é que Vivès descubra nada: el non inventa esta forma de narrar, pero si cremos que o interese do album reside en parte nisto.
O convencional é
contar o (supostamente) relevante, e no cómic iso implica
representar nas viñetas o (supostamente) esencial da trama deixando
o (supostamente) superfluo “fóra”, é dicir, nas elipses e/ou
cortes temporais representados polas “rúas” (liñas brancas
verticais entre viñeta e viñeta). Convencionalmente, o cómic narra
un acontecemento, e na narración del o autor recorre ao
plano-contraplano e a montaxe máis acelerada ou menos segundo a
clase de escena. Convencionalmente tamén está establecido que quen
domina esta técnica de montaxe “sabe narrar”, e quen renuncia a
ela, máis ben non. Naturalmente isto é unha dobre simplificación:
nós estamos agora simplificando a situación, pero a convención
establecida por outra parte simplifica o cómic ata reducilo a
narracións “de acción” contadas coa técnica da montaxe
convencional (¿en gran medida calcada das técnicas de certo tipo de
cine “comercial”?).
Mais Vivès neste
album sáese desta convención, e loxicamente por partida dobre: 1)
non hai grandes sucesos que narrar (aventura, “acción”, perigo,
heroísmo, drama), senón máis ben o contrario, a falta de acción,
o trasladarse dun extremo da piscina chea de usuarios a outro durante
trinta ou corenta minutos, e mentres mirar xente, fatigarse, chocar
con alguén...Vivès polo tanto fixa a atención niso, en sucesos non
heroicos nin dramáticos, senón tediosos e aparentemente anodinos.
Este tipo de escenas son as que os relatos convencionais ocultan nas
“rúas”, esconden nas elipses: non interesan; pero Vivès (¿como
Chéjov?) crea o seu album sobre elas; 2) e ao facelo, Vivès
planifica igual e coherentemente de xeito non convencional:
multiplica os planos e/ou viñetas destas escenas onde durante
páxinas vemos ao protagonista nadar, parar, mirar, frotarse os
ollos... Deste modo as rúas seguen a representar “tempo” ou
elipse, pero salvo cando cambia de escena (da piscina ao balcón, ou
do balcón á clínica, etc.), as rúas non representan case paso de
tempo perceptible, senón segundos ou menos dun segundo (desde logo
non minutos ou horas). Sexa como sexa, Vivès desta maneira é quen
de non romper a unidade espacio-temporal das escenas, ou non
demasiado polo menos, e así deixa que a duración desas escenas “se
mostre” desde dentro delas mesmas, renuciando a romper ”desde
fóra” o fluxo do tempo impoñendo artificiosamente un ritmo a
golpe de técnica convencional de montaxe ou planificación.
Podemos a
continuación intentar una clasificación dos tipos de planificación
utilizados en “El gusto del cloro” por Vivès, atendendo por
cuestións de tempo só aos que destacan como propios do peculiar
estilo escollido polo autor para narrar esta historia, se ben ningún
destes tipos é creación de Vivès. El non inventa estas formas de
narrar, pero si é certo que consegue un determinado estilo no album
ao insistir tanto nestas formas de planificar: TIPO 1) escenas de
curta “duración” (se falamos de tempo obxectivo, do compartido
por todos, do que mostra o reloxo) fraccionadas nunha multiplicación
de viñetas frecuentemente moi semellantes entre si onde as “rúas”
representan un paso do tempo moi breve ou case inexistente; TIPO 2)
plano-fixo mantido durante varias viñetas, onde os personaxes se
moven e relacionan entre si, falando ou xesticulando nun espacio
sempre idéntico. Do TIPO 1 atopamos exemplos nas páxinas
seguintes, entre outras: 5 (viñeta II) a 6, 9, 11-12, 15-16, 24-35,
etc. Do TIPO 2, na 8, 10, 14, 17, 23, 31 (abaixo), 36, 61 (arriba),
etc. (Claro que hai páxinas con planificación convencional de
plano-contraplano, como en 4-5, ou 11, ou 42-43, etc., pero xa
explicamos que non negamos este recurso, senón a importancia dos
outros).
Por outro lado esta
planificación en “El gusto...” onde as rúas significan moito
menos “tempo” do habitual ten as súas consecuencias, pois agora
autor, protagonista e lector (o lector atento, consciente, non o que
le como un turista) “deben atender” ao “aparentemente”
in-significante ou in-transcendente: os xestos,
a posición do corpo, o movemento dos ollos, cellas, boca, mans...
En definitiva, a ausencia de “acción” (convencional) e ese
deixar que o tempo da escena “se mostre” implican o aumento do
peso da linguaxe non verbal dos personaxes en campo. De aí a
insistencia de Vivès en mostrar miradas, xestos faciais, movementos
de brazos e mans, pois ollos, cellas e boca son o máis expresivo do
rostro humano, e as mans e as súas posicións un esencial
complemento desta expresividade ben coñecida por debuxantes,
pintores, fotógrafos e cineastas (Buñuel pedía aos seus actores
que mostraran as mans incluso nos primeiros planos, se era posible).
Hai que sinalar non obstante a parcial “desidia” ou renuncia de
Vivès a representar fiel e conseguidamente as mans dos personaxes,
pois soe deixalas nun segundo plano ou non as reproduce coa
fidelidade que ás veces parece reclamar a escena (p. ex., páx.
63-III).
Finalmente podemos
preguntarnos por algo do que aínda nós non temos resposta: ¿esta
planificación débese ao
cansancio xerado pola planificación-montaxe “histérica” dos
cómics (e filmes) vulgares de acción (perspectivas de vertixe,
planos e contraplanos, escorzos violentos, golpes visuais
sucesivos...), manga do malo, películas comerciais, series da tele,
“spots” publicitarios, videoclips, xogos de ordenador, etc.? ;
¿ou se debe á facilidade de uso das cámaras dixitais e móbiles á
hora de fotografiar mil e unha veces sen gasto aparente aos
corpos-modelos dos amigos (¿ver p. 137?) que posan/actúan ante o
debuxante que logo copiará esas imaxes na tableta gráfica?; ¿ou é
que a sombra dos cineastas europeos de “tempo lento” (Antonioni,
Tanner, Rohmer...) e do autor de cómics estadounidense Chris Ware son demasiado alongadas?; ¿ou se debe talvez ao cansancio, mesturado
coa facilidade tecnolóxica e as sombras alongadas... ao servicio do
talento de Vivès? Trátase en todo caso dun problema de
representación ou presencia do
“tempo” no cómic, na sucesión das viñetas e de
determinada utilización das “rúas”. E certamente ese problema
da representación ou presencia do tempo atopámola tamén no cine
(montaxe acelerada versus planos-secuencia e profundidade de campo,
por ex.; ver o famoso libro de Tarkovski, ou o artigo de Bazin xa comentado, “La evolución del lenguaje...”), claro, e desde logo nese ámbito hai moitísima
maior reflexión, e desde fai moitos anos, e por suposto que debemos
ter en conta esa reflexión (que, de feito, está moi presente nesta entrada, debedora dela) e a linguaxe cinematográfica... Mais
tamén nisto o cómic, a linguaxe de cómic e a reflexión maior ou
menor que se dea neste ámbito do cómic debe ter un discurrir
relativamente autónomo do cine, pois é moi distinto ao cine...,
pese ás indubidables semellanzas que ás veces nos impiden ver as
diferencias esenciais.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)