Fai xa un certo número de anos Daniel Clowes (EE UU, 1961) equiparou a popularidade dun autor de cómics famoso coa do campión do mundo de... bádminton. (¿Por que?).Temos aquí e agora o relato de Kafka Un artista da fame, escrito en 1922 e revisado en 1924, pouco antes da súa morte. Cando Kafka está a facer esa revisión cara a súa publicación, póstuma, con outros contos como Primeira dor (Un artisata do trapecio), A mulleriña, etc., o escritor checo enfermo de tuberculose se comunicaba escribindo notas, pois non podía falar, e case non podía comer.
Se queres saber máis disto temos na nosa biblio un libro-cómic escrito por D. Z. Maiorowitz e ilustrado e debuxado por Crumb, un autor de cómics underground de recoñecida fama, se ben non é neste libriño onde Crumb demostra todo o seu talento... Nesta obra, Kafka, publicada en España por La Cúpula, podes atopar un montón de información sobre a vida de Kafka, a obra e interpretación desta, ademais de ilustracións e incluso cómics sobre escenas da súa vida ou versións -non moi logradas, todo hai que dicilo- de fragmentos das súas novelas ou de contos.
Se visitas a rede podes encontrar moito tamén alí sobre este escritor checo de orixe xudía e que escribía en alemán, nado en realidade aínda no Imperio Austrohúngaro no ano 1883 (morreu aos trinta e nove anos, en 1924, de tuberculose).
Se falamos do conto "moderno" (ou sexa, do contemporáneo, do que nace co francés Maupassant e sobre todo o ruso Chéjov no XIX), hai quen di que éste ábrese en dúas vías: a que de Chéjov ou Joyce, pasando por Hemingway e Cheever, chega ata Carver, ou Richard Ford, ou Tobias Wolff e Munro...; e a outra, a de Kafka, que leva logo a autores como o arxentino Borges. Se ben certas historias de Clowes foron comparadas coas de Richard Ford ou Carver (e co cine de Lynch, por certo), a nós parécenos que polo menos a que del nos ocupa agora, Caricatura (de 1995, cando ten trinta e catro anos) está máis ben dentro da segunda vía... Claro que eso se pode discutir, por descontado...
