miércoles, 4 de julio de 2012

Entrega VI: Robert Crumb e Andrés Trapiello



   (Seguimos).
   Robert Crumb (1943, EE UU, actualmente residente en Francia) é máis ou menos da mesma idade que Bob Dylan, Lou Reed, Mick Jagger ou Jimi Hendrix (se estivera vivo). Autores todos eles dados a coñecer nos sesenta, aínda que moitos aínda dando a lata. Tamén el, pero no mundo do cómic.
   De familia numerosa católica, estivo desde neno moi pegado ao seu irmán maior Charles (morto por suicidio en 1993, probablemnte polos seus problemas mentais). Desde críos ambos lían e debuxaban cómics obsesivamente.
   Nos primeiros sesenta RC consegue adicarse profesionalmente á ilustración e os cómics, e máis ou menos na época dos hippies, despega como autor "underground" (o chamado cómic underground nace e se desenvolve sobre todo con el). Nunca foi hippie, nin amante do rock, pero os "fanzines" da época e o seu coñecido personaxe o gato Fritz (do cal hai pouco recomendable película, da cal RC renega, e se comprende) coinciden no tempo co hippismo e o rock asociado a aquel movemento.
   Nos sesenta revoluciona o cómic estadounidense e mundial, e a súa pegada non ten fin...
   Desde eses anos da moda hippie aborda cunha entonces inhabitual franqueza escenas e historias directamente relacionadas co sexo. E co tempo será un dos primeiros autores de cómics en tratar os riscos do progreso tecnolóxico e os desastres ecolóxicos ( o seu breve cómic sobre a historia de EE UU é moi famoso). A súa filía pola música tradicional norteamericana queda patente en numerosas historias e ilustracións adicadas ás vidas de bluesmen, ou a busca, compra e colección de vellos discos, cando non versións gráficas de antigas cancións. O gusto polo antigo (discos,. música, mobles, roupa, forma de debuxar cómics, instrumentos de debuxo, etc.) e o rexeitamento do "novo" vese a cada paso nas súas historias e ilustracións. As historias do xénero "funnies animals", con tanta tradición en EE UU e que aquí chegaron sobre todo pola vía Disney (Donald, Mickey, etc.), son típicas do primeiro RC. Tal gusto era compartido co seu irmán Charles e ás veces historias de "funnies animals" do famoso RC eran en realidade reelaboracións das feitas na infancia en colaboración con Charles.  Mais talvez (hummm...) as máis valoradas por case todos os seus lectores sexan as historias de natureza autobiográfica, de tantísima influencia posterior en América e fóra dela, relatos que cabe entender loxicamente como unha re-elaboración a partir da súa propia vida (vexamos máis adiante o que diremos dos diarios de Trapiello), inevitablemente mesturada coa súa imaxinación e a rebelde da casa de cada quen, a infiel memoria que fai da nosa "identidade" (¿uh?) o que lle dá a gana (afortunada-mente).. Aí temos escenas sexuais do afamado autor underground de educación católica con chocantes problemas coas mulleres antes e despois da fama (pero de cor ben distinta nese antes e nese despois, como se toma a molestia de... remarcar), familiares, recordos da infancia e xuventude, experiencias na súa profesión, análise da súa peculiar forma de ser e de pensar, e incluso, por que non, historias que transcorren no ámbito da súa imaxinación, sen por iso necesitar nós agora crear outra categoría, pois a imaxinación dun forma parte da vida dun (que lle pregunten se non a Don Quijote) e por conseguinte eses cómics son tamén de natureza autobiográfica. Neste tipo de cómics autobiográficos co propio debuxante como personaxe nas viñetas abre RC a porta a futuros cómics autobiográficos de autores hoxe tan recoñecidos do chamado "cómic indie", que non é senón o cómic underground de hoxe (Daniel Clowes, Chester Brown, Joe Matt, Julie Doucet ou o mesmísemo Art Spiegelman, etc.).

   Andrés Trapiello (leonés, 1953, residente en Madrid desde 1975) nada ten que ver en principio con RC, e se é dubidoso que RC coñeza a AT, é pouco probable que AT saiba gran cousa de RC.
   Dá igual: quedan desde agora presentados. O gusto é noso.
   AT é escritor, tipógrafo, editor  e debuxante afeccionado. Ten o seu propio blog que podes buscar ("Hemeroflexia"), pero nel hai máis ben escritos un tanto urxentes e de pouco calado en comparación cos seus libros. Como columnista  tampouco destaca enormemente, cremos (revista semanal de "La Vanguardia"), e da súa labor como novelista e poeta nada diremos aquí. Tamén é autor de ensaios entre os cales queremos destacar su reeditado "Las armas y las letras" sobre os escritores españois (en xeral, desta ideoloxía ou a outra, ou a de máis alá) e a Guerra Civil. Moi bo libro tanto sobre literatura española como sobre a Guerra Civil. Pero o que realmente queremos destacar de AT son os seus diarios que ven publicando desde 1990 co título xeral de "Salón de los Pasos Perdidos. (Una novela en marcha)". O seu primeiro volume chamábase "El gato encerrado", e ata agora leva como dezasete tomos. No seu atractivo e refrescante blog, o escritor e filósofo heideggeriano-nietzscheano especializado en arte e estética Félix de Azúa chegou finalmente a dedicar unha entrada aos diarios de AT (¡e mira que tardou o barcelonés...!) que podes ver aquí se pinchas e talvez sirva para meterte algo mellor no mundo deses diarios. Eses diarios son publicados desde 1990 por Pre-Textos (e reeditados despois en versión barata por Destino) logo dun repouso de anos (é dicir, o que está a escribir este ano será editadounha vez  corrixido dentro de cinco, máis ou menos).
   E aí temos o punto de encontro con RC. Neses diarios atopamos temas, gustos e ideas semellantes, salvando as distancias, co estadounidense: ambos comparten o desprecio pola música rock e polos teóricos ou expertos na arte de vangarda, e comparten cada quen no seu medio un certo gusto ben sexa pola forma de debuxar cómics "de antes" ou pola forma de escribir novelas que algún crítico  chamou "decimonónica" en sentido negativo, e que AT reivindicou, convertindo a crítica de negativa en positiva; o gusto de AT polo Rastro de Madrid e os libros vellos recorda ao de RC polo antigo e os discos vellos; o gusto pola  natureza e a vida no campo vémolas en ambos autores; certas escenas da vida cotiá que amosan a súa conflictiva relación cos seus fillos atopámolas igualmente nos cómics de RC e nos diarios de AT; os paseos polas rúas madrileñas do leonés son comparables en certo modo cos debuxos de RC de rúas e casas de San Francisco, Harlem, Bulgaria ou Francia; e desde logo non queremos esquecer esas escenas nos que ambos, cada quen no seu estilo e medio, describen os seus encontros con mulleres (salvando desde logo os... eerrr, ¿estilos e medios? ¿Ah?). Etcétera: as diferencias deixámolas para outro día.
  Dicíamos máis arriba cando falabamos das historias autobiográficas de RC que tales historias son indisociables da labor non sempre consciente da imaxinación do autor, e da súa non sempre fiel memoria. Non cremos que suceda de forma distinta nun novelista cervantino como AT, e o feito de que subtitule o "Salón de los Pasos Perdidos" como unha... "novela" en marcha di moito sobre isto. ¿"Novela"?  Novela, si.  Xa falaremos...

   Obras propostas:
   a) De Robert Crumb: optamos por fragmentos ou historias breves atopables todas na rede (enlaces das mesmas, na próxima entrada deste blog, mañá ou pasado mañá);
   b) de Andrés Trapiello: optamos por fragmentos dos seus diarios que iremos propoñendo dentro dun tempo (non moito) neste blog. Desgraciadamente non hai na rede fragmentos dos diarios, e as entradas do seu blog saben a pouco. Non obstante nas bibliotecas de Coruña, especialmente na González Garcés de Elviña (que en xullo-agosto só abre polas mañás e de luns a venres, ollo) hai moitos destes dezasete volumes. Paciencia.
       

No hay comentarios:

Publicar un comentario