Mostrando entradas con la etiqueta PIGLIA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PIGLIA. Mostrar todas las entradas

miércoles, 18 de abril de 2012

Chéjov e Bastien Vivès


"Di chi non è convinto/ che la rumba sia soltanto/ un´allegria del tango.../ Dancing..."

Dixemos xa demasiadas veces que aquí pretendemos comprender e disfrutar mellor as lecturas buscando comparacións entre autores (sexan escritores ou autores de cómics: non xerarquizamos; non somos académicos), aínda que ás veces metamos a gamba. Por iso e porque lemos a Vivès xunto con Chéjov a nosa alma reclama algo sobre éste, p. ex. Tres perlas:
1) Qué di en Curso de literatura rusa (Zeta Bolsillo, 2009) sobre Chéjov o tamén escritor ruso (que acabou escribindo en inglés) Nabokov, autor da famosa novela Lolita: “La historia está contada con la mayor naturalidad (…) como cuando una persona le va contando a otra las cosas más importantes de su vida, despacio, pero sin interrupción, en voz más bien baja. (…) La caracterización, exacta y rica, está lograda mediante la selección cuidadosa y la distribución atenta de algunos rasgos mínimos pero salientes, con un absoluto desdén de la descripción sostenida, la repetición y el énfasis fuerte de los autores corrientes. En tal o cual descripición se escoge un único detalle para iluminar la totalidad del ambiente. (…) No hay una moraleja ni un mensaje particulares. (…) En realidad la historia no termina, porque mientras las personas sigan vivas no hay conclusión posible y definida de sus conflictos, sus esperanzas o sus sueños. (…) El narrador parece poner mucho empeño en aludir a minucias, que en otro tipo de relato serían postes indicadores que denotasen giros de la acción; (…) pero precisamente porque esas minucias carecen de contenido son importantísimas para reflejar el ambiente real de esta historia” (pp. 462-3). Algo atrás Nabokov escribía: “Chéjov fue el primer escritor en apoyarse tanto en las corrientes subterráneas de la sugerencia para comunicar un contenido concreto” (p. 444), o “Su léxico es pobre, su combinación de palabras casi trivial; (…) su estilo literario acudía a las fiestas en traje de diario. Por eso es un buen ejemplo que aducir cuando se intenta explicar que un escritor puede ser un artista perfecto sin ser excepcionalmente brillante en su técnica verbal ni estar excepcionalmente preocupado por la flexión de sus frases. (…) Lo mágico está en que (…) Chéjov conseguía dar una impresión de belleza artística muy superior a la de muchos escritores que creían saber lo que es la prosa rica y bella. Lo hacía manteniendo todas sus palabras a la misma luz moderada y con el mismo tinte exacto de gris, un tinte que está a medio camino entre el color de una empalizada vieja y el de una nube baja” (446-7). Isto último podemos talvez aplicalo en xeral a artistas como Chet Baker (como cantante), Hugo Pratt (é un erro valorar os seus debuxos olvidando que non é un debuxante artístico, senón un autor de cómics), ou grupos ou músicos de rock´n´roll que non son virtuosos nin falta que fai (aquí tendemos a pensar que ser virtuosos no debuxo ou no cante ou na música non soe ser bo no cómic nin no r´n´r): Stones, Kinks, Animals, Doors, Lou Reed, etc. Ben é certo que Vivès si é un gran virtuoso do debuxo, pero á vez é dado a traballar deprisa e descuidadamente (non sempre respecta as debidas proporcións das partes de anatomía dos personaxes, certos debuxos parecen só esbozados, afortunadamente os recadros das viñetas están feitos a man, e non con regra, etc.), o que evita desembocar en debuxos excesivamente relamidos e académicos (como fan outros como Manara ou o mesmo Moebius);

2) se pinchas aquí podes ver un extracto dun artigo do escritor Andrés Ibáñez sobre Chéjov que non ten desperdicio e tamén ilumina, cremos, o album de Vivès;

3) finalmente, Piglia no artigo xa comentado en entradas anteriores facía unha referencia esencial a Chéjov que podemos volver a ver (é moi breve): pinchemos aquí.

Con todo isto podemos ter unha idea da forma de narrar de Chéjov, que á vez facilita a lectura dos tres contos escollidos del, e a relectura e comprensión en maior profundidade do cómic de Vivès. Que Vivès non lera nunca a Chejov (cousa que é posible pero dubidosa) non significa que non teña nada que ver con el: pensamos que as similitudes son visibles porque o chejoviano pode flotar no ambiente aínda que Vivès ou a súa tía non coñezan ao ruso... Pero se alguén pensa que non, non ten máis que dicilo aquí: é gratis e non engorda.

martes, 24 de enero de 2012

Salinger, Tobias Wolff, Carver, Piglia: bibliografía

Salinger: a súa famosa novela, tanto en galego como castelán, a tes na nosa biblioteca, e practicamente en calquera biblioteca (é moi coñecida): El guardián entre el centeno/O víxía no centeo, en Alianza ou Edhasa en español, en Xerais en galego. Para bibliografía sobre os seus contos, que por outro lado tes na rede en inglés e castelán, pincha aquí.
Tobias Wolff: todo o publicado en castelán está editado por Alfaguara. Ver o seu catálogo pinchando aquí. (Ten presente que T W é fundamentalmente un escritor de relatos, polo que outras obras non soen estar á altura, agás a excepcional Vida de este chico, texto autobiográfico que pasa para moitos como unha novela que en realidade non é). Na nosa biblio tes este libro, e unha novela súa, e de momento un libro de relatos dos máis recoñecidos: Cazadores en la nieve. Noutras bibliotecas é normal ver obras súas. Para máis información, na rede hai moito del e sobre el, e na parte da dereita deste blog tes enlaces para os clubs de lectura de fai anos ("Relatos norteamericanos", "Vida de este chico", "Vieja escuela", onde verás moito, non todo malo).
Carver: Os contos deste autor están editados en varios volumes por Anagrama, na súa colección de baixo precio. Nas bibliotecas abundan os seus libriños, aínda que a nosa aínda está sen sequera un (de momento). Tamén ten poemas en máis dunha editorial (Visor, Bartleby), e tamén na propia rede: basta buscar un pouco.
Piglia: O monstro das galletas deste blog ten tamén unha obra detrás: novela, ensaio, contos... Ten o atractivo vicion de mesturar ficción e iso que a xente dá en chamar "realidade". Podes ver algo sobre a súa obra aquí.

lunes, 23 de enero de 2012

Salinger e Tobias Wolff (e Carver): Reunión II (23.1.12)

Hoxe tivemos a nosa reunión II para falar dos contos escollidos de Salinger, Wolff e Carver, se ben deste último nada dixemos, en relación con Piglia e Tomine. Estivemos seis persoas.
Primeiro abordamos "El hombre que ríe", do cal había un acordo sobre a súa dificultade e o seu escuro sentido. Para alguén iso era un inconveniente e unha razón para preferir o de Wolff; para outros, non. Saíu naturalmente unha referencia, se ben breve, á famosa novela de Salinger "El guardián entre el centeno/O vixía no centeo", mais parece que a C. non lle gustara no seu momento ese libro. Tamén falamos de por que ese extraño título, e por que o chico tense que relacionar co personaxe de fantasía na mente do lector. Victor Hugo e a súa novela da que falamos en entradas anteriores e os contos que Salinger contaba aos seus fillos é a primeira resposta (por certo, ás veces me pregunto se este conto de "El hombre..." terá que ver coa separación de Salinger e a nai dos fillos de ambos, contada a eses dous nenos oral e escuramente a través dun conto moi parecido a éste...); a segunda hai que preguntársela a Piglia, e ás máscaras do conto de Salinger. Falamos tamén da hipótese de Kar sobre o posible aborto, que non parece probable aos presentes, e da escuridade dos motivos reais da ruptura.
Aparentemente o conto de Wolff ("Dos chicos y una chica") gustou máis en xeral. Falamos do final aberto, de se queda ou non con Gilbert (houbo disparidade de criterios), ou de se ela estaba realmente namorada de Gilbert (C. dicía que non). Tamén dese extraño final co valo e as pinturas branca e vermella, que deu que falar na reunión... O carácter dos tres personaxes e as reflexións e motivos de Gilbert levaron tamén certo tempo.
De Piglia falamos, pero sen nomealo (é tabú); de Tomine si falamos utilizando o seu nome: houbo un acordo xeral do parecido da forma de narrar de Salinger ou Wolff e a de Tomine: finais abertos, dobre historia pigliana, ambigüidade calculada, etc. Tamén as imaxes, engadiríamos agora: as imaxes no cómic de Tomine claro que as hai (imaxes-forza, queremos dicir: a man no chan, o cazo coa auga fervendo, etc.), pero nas historias destes dous escritores ou na de Carver, de quen non se falou porque non había persoas que tiveran que lelo, tamén: a máscara, os cocheciños de nenos...; a pintura, o valo, o coche, a mesa de La Luna...; as tres copas e as tres rosas, o corcho... As imaxes brilan coa súa presencia nos relatos de Tomine, Salinger, Wolff ou Carver (por certo, Piglia tamén escribe contos, e novelas).
Pronto, a Entrega III.

miércoles, 18 de enero de 2012

Convocatoria da reunión II sobre Salinger e Wolff (etc.)

Teremos pois a reunión segunda o próximo luns, día 23 de xaneiro, ás 11:00 (recreo) no lugar da outra vez.
Falaremos dos contos escollidos ("El hombre que ríe", "Dos chicos y una chica", ou ben "Tres rosas amarillas" e "Intrépidos pilotos" para certas persoas que xa leran os outros anos atrás), en relación cos relatos de Tomine, lembra. Se podemos botar man das tese de Piglia, sería bo para todos , penso.
Recordo a todos a conveniencia de ler as entradas e sobre todo os comentarios dos membros deste club, para mellor entrar nos contos, e a necesidade de que todos deixemos algo por escrito neste blog, porque formamos algo así como un colectivo de algo, ¿non?
Teño a intención (oh, si) de contestar a todos os comentarios que de momento están sen contestación antes do luns. A ver se hai alguén por aquí...
Sen máis polo de agora. Un saúdo.

lunes, 2 de enero de 2012

Piglia (o regreso): como matar un conto de Salinger a pigliazos,ou de Wolff (ou de Carver ou quen toque)

Temos atrás unha entrada dedicada a Piglia e Tomine: preme aquí. Agora trátase de aplicar a droga pigliana aos contos de Salinger, Wolff ou Carver.



¿Como? Fácil. Primeiro volve a ler esa entrada de Piglia, e toma nota das teses.


Logo colle o conto de Salinger no que hai dúas historias (a da parella e a do conto que el conta aos nenos que coida). Agora numera cada unha desas historias cun número, e así temos a "historia un" (H1) e a "historia dous" (H2), e comezas a botar fume: ¿que relación hai entre ambas?; ¿realmente está a contar a "historia un" coa "dous", ou viceversa, e de que modo?; ¿ten algo de razón Piglia, ou deberían abandoarlo no deserto cuberto de brea e plumas? Proba. A ver...


Agora "Dos chicos y una chica", de Wolff: probablemnte non é tan fácil de percibir dúas historias tan diferenciadas como no relato de Salinger, pero podes intentalo: ¿a H1 é talvez o obvio achegamento progresivo do rapaz á noiva do seu amigo que se ve xa na superficie, e a H2 late máis ben debaixo da pel do relato superficial e tarda un máis tempo en recollecela, que non en sentila ou intuila...? A ver que sae coa axuda de Piglia.


(E agora para "os alternativos" que len outros contos: en "Intrépidos pilotos", de Wolff, a H1 pode ser a busca de dous rapaces dunha lona ou obxecto para construír un avión na casa dun antigo amigo dun deles, mentres que a H2 vai debuxándose a pouquiños e ten que ver con esa antiga amizade... Poden saír cousiñas da man de Piglia. E con "Tres rosas amarillas", de Carver, non debe de ser fácil, pois o conto é tan bo que dificilmente se deixa reducir ao esquema de Piglia ou de calquera, pero por poder, pódese facer un intento: ¿cal é a H1?; ¿cal a H2?; ¿hai realmente dúas?; ¿unha delas é a morte de Chéjov, narrada polo seu discípulo que sabe que morrerá tamén pouco despois, o estadounidense Carver?, ¿e se é así, cal é a H2 entón...?).



Polo demais, lembra que se trata de relacionar estes contos de agora cos de Tomine, botando man da autopista do señor Piglia.





(Á volta de vacacións marcamos xa o día da reunión II. Boa caza).

sábado, 31 de diciembre de 2011

De Salinger e Tobias Wolff (e Carver)



Para ler o conto de Salinger precisamos talvez ter certa información sobre este autor e o título do relato. Se premes aquí podes ler unha entrada doutro blog que fala do segundo, con outros enlaces por se queres seguir mirando e mirando... E se queres ter información sobre Salinger como escritor e persoa, preme aquí e lerás o recente artigo do escritor Andrés Ibáñez publicado en "Revista de Libros" de outubro pasado (en calquera biblioteca pública) e visible na rede. O artigo é moi bo e didáctico, se ben non engade información nova, e por outro lado seguimos aínda esperando a que alguén se atreva dunha vez a dicir claramente que o personaxe de "The Catcher in the Rye" ("O vixía no centeo", "El guardián entre el centeno") non ten nada de inocente, senón unha visión do sexo e do mundo dos adultos ben turbia, pese aos tópicos repetidos desde fai anos, pensamos nós. (Para ter máis información sobre esta novela de Salinger que tes na nosa biblio, preme aquí).

E se agora queres ter información sobre o escritor estadounidense Tobias Wolff (aínda vivo e creativo), preme aquí e déixate levar... Se queres certa información sobre o relato "Dos chicos y una chica", preme aquí. (E se queres máis sobre T. Wolff, pincha na lista de blogs que tes a dereita deste blog noso onde di "Relatos norteamericanos", e unha vez dentro, sobre a etiqueta WOLFF).

(Sobre Carver temos enlaces nas entradas anteriores, se o teu caso é dos que leron fai anos estes contos e buscan a "alternativa" proposta, como dicimos, nas entradas anteriores).


En breve outra entrada para insistir na proposta de lectura coas teses de Piglia na man, por se non sabes como tirar...


Ah: bo ano.

viernes, 23 de diciembre de 2011

Salinger e Tobias Wolff (Entrega II)


ENTREGA II: J. D. Salinger e Tobias Wolff:
- Contos escollidos: “El hombre que ríe” e “Dos chicos y una chica”, respectivamente.
Esta Entrega II quere ser a “continuación” da dos relatos de Tomine, pois buscamos unha
comparación, un contraste.
“¿Ten algún consello para os novos cineastas?”, preguntábanlle ao director de cine Robert
Bresson no documental “El camino a Bresson” (1984), e éste respondía “Rematarei cunha bela frase de Stendhal: Son as outras artes as que me ensinaron a escribir”.
É un tópico entre certos aficcionados aos cómics crer que para coñecer certo autor de cómics (p. ex., Tomine) hai que ter en conta a influencia doutros autores de cómics nel (nese caso, Schulz, Crumb, Clowes...), pero achegándonos a idea de Bresson aquí pensamos máis ben que un autor de cómics, de literatura, de films, etc., recibe as súas influencias de aquí e alá, e impórtalle ben pouco as clasificacións en xéneros ou medios, e así sucede cun Tomine que probablemente está tan influído por escritores como Carver, Salinger, Chéjov, Joyce ou Hemingway, como por debuxantes como os citados. A forma de contar de Tomine xa estaba presente neses escritores moito antes, e Tomine pode ser tamén entendido dentro desa outra tradición. O aficcionado aos cómics que só le cómics en realidade nin é tan amante dos cómics como pretende, nin é demasiado interesante: non coñecemos ningún autor de cómics realmente interesante que non sinta atracción pola literatura ou por certo tipo de cine que non sexa o comercial.
Cos relatos agora escollidos pretendemos:
a) que sexas tan amable de ter en conta as teses de Piglia (ver a entrada do blog dedicada a el, por favor);
b) que busques relacións, parecidos, diferencias, etc., coas historias de Tomine.
Por todo isto cremos necesario visitar este blog do club de vez en cando e incluso deixar
comentarios nel (anónimos, se queres), e contestar aos outros comentarios escritos polos demais. Así o blog e o club crece...

PS I: En breve, no que queda deste mes de decembro, incluiremos aquí un par de entradas con información complementaria -mais non excesiva, que non cunda o pánico- sobre Salinger e o seu conto, e obias Wolff e o seu.
PS II: Hai certos membros deste club que xa leron ambos contos no club dedicado fai anos a "Relatos norteamericanos", polo que propoñemos outros dous relatos alternativos nunha próxima entrada.

miércoles, 21 de diciembre de 2011

Tomine: Reunión I (19.12.11)


Este luns 19 de decembro tivemos a nosa primeira reunión. Estivemos seis persoas para falar dos dous relatos de Tomine.

Comezamos preguntándonos unha vez máis se "faltaba" algo nesas historias (un final, unha conclusión, un fío a seguir, unha estrutura completa de principio a fin), e cremos que chegamos a un punto de vista compartido sobre isto: non falta nada; trátase dun tipo de relatos distinto ao tradicional (plateamento, nó, desenlace), e desde logo tampouco se trata dunha historia de feitos heroicos. Non é iso e quedou claro. Tamén quedou claro, pensamos, que a lectura das teses de Piglia non foi feita coa calma necesaria ou simplemente foi obviada, o que aquí consideramos un erro pois impide una lectura máis rica de Tomine ou dos relatos de Salinger e Tobias Wolff cos que seguiremos na Entrega II. Considerando pois que os relatos de Tomine deben ser vistos á luz do que Piglia chama "versión moderna del cuento" (fronte ao "cuento clásico" de Poe ou Quiroga), Tomine non é un torpe contador de historias ás que algo lles falta, senón un contador hábil que pretende mostrar a ambigüidade da vida dos humanos gracias, como dicía C. na reunión, a que sabe escoller qué parte ou fragmento desas vidas escoller ou recortar. (Para profundizar algo máis nisto propoñemos as visitas a dúas entradas dun blog doutro club de fai anos: pincha aquí... e aquí).

Falamos tamén da linguaxe do cómic que tan ben domina este autor: do xogo dos flash-backs que non todos collimos á primeira, das diferencias entre as dúas historias (con textos de apoio unha, e máis baseada na imaxe a segunda), da proporción de grises/negros/brancos nas viñetas e de se evitar a cor dá bos resultados, da personalidade de Donovan e Dylan... Sobre isto foron ditas bastantes cousas, como que a suposta relación inicial entre elas non parece xa tal ao final, ou como que persoas como elas con relacións así entre si ou cos seus pais é frecuente na vida fóra das viñetas. A historia dous xerou máis ben, ademais de comentarios de orde estético ou de linguaxe do cómic, un certo debate sobre o que pasaría "despois" entre el e ela... Mai iso non debe desconcertarnos: o que Tomine quería contar é o que conta nesas páxinas, non o que inxenuamente alguén poda pensar nun principio que "falta". Podemos engadir estas palabras do propio Tomine: "Gústanme as historias que parecen terminar no momento xusto, pero que non te obrigan a que te tragues unha resolución pechada. Non hai por que explicalo todo, debería bastar con que che deran as pistas suficientes, algo que che permirta seguir pensando sobre ela".

Á outra C da reunión a penas lle dimos tempo para que falara da maneira de enmarcar e compoñer as imaxes e a disposición das viñetas na páxina..., pero haberá outras oportunidades con outros autores.

Repartimos os textos da Entrega II (ver entrada seguinte a ésta) e desaparecimos dispersándonos polos diferentes puntos do IES... e máis alá.

domingo, 11 de diciembre de 2011

Adrian Tomine e o "distanciamento"


Certos autores intentan emocionar directa e rapidamente ao lector ou espectador. En cine coa música e a sucesión de planos curtos a ritmo trepidante que afogan ao espectador nunha voráxine... “audiovisual”. En cómic (superheroes, manga masificado, cómics de factoría para nenos...) algo parecido con planificacións de vértigo e cambios violentos de puntos de vista, grandes onomatopeias, xestos faciais acusados en primeiro plano, cores rechamantes, etc. Incluso aficcionados ao cómic, mais un punto inxenuos, chegan a crer que o dominio destas técnicas é a proba da calidade dun autor (cando os feitos din que calquera patochada das “Witch” ou de “Gerónimo Stilton” levan dentro toneladas disto e non valen nada).
Outros autores escollen outra vía. Dentro destes, algúns fan un percorrido aparentemente absurdo: buscar a emoción... polo “distanciamento”. Pensamos que Tomine fai iso, talvez por influencia de Daniel Clowes, que vivía preto da súa casa (se ben Tomine no comezo debuxaba ao modo de Mazzuchelli, con trazos grosos e cálidos, logo recolle o estilo de Clowes, de trazo delgado e tramados mecánicos que vemos nestas dúas historias). Tomine busca ese distanciamento do lector non para que éste se desentenda dos personaxes e emocións do relato: presenta situacións, vivencias, etc., “distanciadamente” para “retirarse” el (o autor) e evitar o subliñado excesivo propio de quen menosprecia ao lector e así dar cancha a ese lector activo (intelixente, intuitivo: vivo) que acabe vivindo esas emocións, sentimentos ou frustracións de xeito máis intenso e “verdadeiro” (perdón pola expresión: sei que é de mala educación) que nos casos dos que falabamos no parágrafo I. Es ti quen debe dicir se esto é certo ou conseguido por Tomine...
¿Como conseguiría ese “efecto” polo “distanciamento” nestes dous relatos nosos?: 1) renunciando á cor; 2) utilizando grises con tramados mecánicos, non manuais (que serían máis cálidos, como vemos en Crumb, p. ex.); 3) escribindo-debuxando as onomatopeias dese modo tan simple e austero; 4) debuxando eses fondos e obxectos dese modo tan sobrio e anodino (mobles, veirarúas, vasos...); 5) recorrendo a xestos faciais e linguaxe corporal que dan esa imaxe de “contención” ou ás veces de “frialdade” aparente; 6) incluído ás veces esas viñetas tan súas (como as dúas últimas da p. 3 de “D&D”, ou a das mans da p. 7, ou a da lámpara da 9, ou a do Sol na derradeira, ou xa en “Constipado...”, a derradeira da p.3, ou a segunda e catro últimas da derradeira páxina) que parecen mostrar o tempo detido, ou un baleiro envolvente, ou “o fóra de campo”, ou a mirada do personaxe, ou algo afortunadamente indefinible con palabras; 7) o mantemento do plano en “Constipado...” en varias ocasións (p.6, p.7, p.9, con viñetas case repetidas); 8) os silencios; 9) a ¿aparente? falta de acción; 10) escoller esa paxinación-viñetización de tres por tres e rectángulos verticais todos iguais en “Constipado...” buscando unha homoxeneidade-obxectividade-estandarización que contrasta cos sentimentos revoltos dos personaxes; 11) ¿etc.?
Todo isto poderíamos relacionalo, por descontado, con esas historias non convencionais escollidas por Tomine. Mais non queremos repetirnos: remitímonos outra vez a Piglia e a algún comentario dos escritos estes días...
¿Opinións, críticas mordades, tomates...?

sábado, 10 de diciembre de 2011

Adrian Tomine e o "flash-back"


Hai autores que recorren frecuentemente aos “flash-backs” (en literatura, cine, cómic) e outros que non. Hai quen sabe facelo e quen non, e ás veces incluso un maduro Taniguchi que os resolve moi ben en “Barrio lejano”, mete clamorosamente a pata en “Un zoo en invierno” (e de que espantosa forma), porque as máis das veces é un mal recurso de mal narrador que ten un problema de encaixe que non sabe resolver senón cun “flash” metido con calzador. Tomine é amigo de utilizalos, e polo regular moi ben. ¿Por que recorre a eles?
¿E por que non, se todos o facemos continuamente e el fala diso? Estamos almorzando e esquecemos a tostada para pensar no soño da noite, e logo saímos a rúa e o coche aparcado recórdanos o do noso avó e pensamos nos paseos con el, e despois no bus a chica sentada lévanos á cara da nosa primeira noiva, e así. Todos os santos días: unha mestura de presente e pasados que son... o noso presente. Somos tempo, e o tempo non é lineal, nin o reloxo, nin o tempo das clases de física matemática.
No relato “Dylan & Donovan” hai tres “flashbacks”: 1) o primeiro lévanos da ventanilla do coche ao instituto (entre ambas viñetas parece haber certo parecido: nubes , horizontalidade) e paséanos pola soedade e incomunicación da en principio obxecto de protección pola narradora; 2) o segundo faise a través do relato do diario de Donovan, e o punto de vista cambia co texto, pois Dylan aparece na cama e narra Donovan (cando remata chora Dylan, a pretendida protectora...); 3) o derradeiro é só dunha viñeta na que Dylan, que retoma a narración, lembra a frustrada relación cun rapaz do instituto (¿Dylan a protectora...?). Nos dous últimos polo tanto parece que a paisaxe varía e non sabemos se Piglia comeza a facer das súas... En calquera caso, o fío entre “o presente” e eses fogonazos do pasado conséguese gracias ás palabras do texto de apoio (Dylan narra ou o diario, e así o “flash” queda encaixado).
No relato “Constipado de seis días” están mellor resoltos. Ao carecer de textos de apoio Tomine baséaos só na imaxe e diálogos cunha sutileza infrecuente nun autor tan novo como era. Hai dous: 1) na páx. 3 “saltamos” desde a cama do enfermo á mesma cama... en verán: sabémolo polo ventilador e a camiseta corta dela. Entre a mirada do enfermo na p. 2 e a viñeta I da 3 simúlase un plano/contraplano que só é na memoria del. Na p. 4 córtase violentamente co ruído do cepillo de dentes botado por ela na papeleira do baño, e queda así vencellado aos golpes dela "agora" para entrar en casa (cousa á parte é se esta viñeta da papelleira debería estar na páxina anterior, pero as páxinas de nove viñetas todas iguais estilo "cómic book" ten os seus inconvenientes, e non só neste caso nesta historia, como diremos ao final desta entrada); 2) o outro nace na p.8, da cara dela durmindo á cara dela na cama con el, antes do “flash” do ventilador, cousa que sabemos polo diálogo no que se fala de compralo. Este flash é do comezo, feliz e non conflitivo como o anterior. Queda ademais encadrado “dentro” do vaso de auga na man del e, non o deixemos pasar, pola aparición dese simbólico amanecer... Engadimos agora o soño, que non é flash-back, desde logo, pero xoga o seu papel na complexización de niveis narrativos: media entre a despedida nocturna deles para durmir en sitios distintos, e o despertar del ao amanecer xa recuperado “e sen gañas xa de morrer”. O significado do soño deixámolo aquí no aire, se é que o ten... (E de modo similar deixamos agora a pertinencia ou non da última viñeta da p.6, ou a derradeira do relato).
¿Opinións...?