Mostrando entradas con la etiqueta SALINGER. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta SALINGER. Mostrar todas las entradas

domingo, 5 de febrero de 2012

Kafka, Clowes, a densidade tipográfica e o atentado tipográfico

O que máis chama a atención do lector dos contos recentemente deixados atrás (de Salinger, Wolff, Carver) unha vez se ve obrigado a entrar na lectura de “O artista da fame”, de Kafka, non é o contido, o estilo, os adxectivos ou a extensión das frases, senón... senón a densidade tipográfica do texto. Se miramos atrás (Salinger, Wolff, etc.) atopamos contos cheos de diálogo frecuentemente sinalado con puntos e á parte e guións, parágrafos claramente diferenciados, etc. Aquí son contadísimos os puntos e á parte: só ao final Kafka sinala cun espacio en branco equivalente a unha ou dúas liñas que hai unha “segunda parte”, a final, no relato (morte do artista, pantera). Os poucos diálogos que inclúe o relato están mesturados entre
comiñas co resto da redación.
Se vemos agora os relatos de Salinger , Carver ou Wolff, notaremos que Carver distingue varias
partes nun conto dunha extensión similar, e desde logo hai bastantes puntos e á parte. Salinger distingue igualmente varias seccións, con numerosos puntos e á parte e bastante diálogo precedido de guión. O caso de Wolff xa vai máis alá: non utiliza neste conto o guión nos diálogos, pero si o punto e á parte, e non precisamente poucos... ¿Será todo isto produto da casualidade e Kafka simplemente non distingue moitos parágrafos nin partes no relato “porque si”, sen máis? ¿Ou será máis ben unha forma determinada de escribir buscada a posta coa pretensión de lograr concretos efectos que doutro modo non serían conseguibles? Mais..., en tal caso, ¿que efectos busca producir? ¿Para que...?
Non podemos negar, en calquera caso, que tal densidade tipográfica kafkiana probablmente dificulte a lectura e faga fuxir a certo tipo de lectores... pouco... ¿"motivados"...?


En canto a Clowes, o seu cómic leva bastante texto tamén, pois o protagonista narra a súa historia en forma de “diario persoal” (teoricamente non publicado, como se ve na viñeta IV da páx. 2), pero falaremos agora doutra cousa: en tempos os debuxantes ou un rotulista profesional rotulaban a man os textos, co que a harmonía entre debuxo e texto quedaba asegurada (polo menos en moitso casos: noutros era e é para botar a correr e non parar, como en certa edición española de Krazy Kat, de Herriman). Logo apareceu o texto conseguido mecanicamente (en España a editorial Bruguera asasinou moitos álbumes de Astèrix ou Lucky Luke deste xeito): era espantoso. Agora hai debuxantes que seguen a facelo manualmente, como Crumb, e así é que dicimos aquí que no cómic os debuxos se escriben (viñetas a viñeta...) e as palabras se debuxan, pois onomatopeias e textos son cuidadosamente rotulados-debuxados. Nos últimos tempos
sen embargo hai unha terceira posibilidade que se extende: a rotulación é mecánica pero baseada no deseño das letras previamente debuxadas-rotuladas a man polo propio debuxante. Deste
modo Spiegelman (autor de Maus) deseña a súa propia rotulación na súa casa que será despois utilizada e conseguida mecanicamente por editoriais de varios países...
¿Fai Clowes así? Probablemente, pero o caso é que a edición que utilizamos, a de La Cúpula, bota
man da súa propia rotulación mecánica, que se pode comparar con outras edicións, e desde logo non é a escollida orixinalmente polo autor nin feita a partires da súa man. Cremos que non é unha
rotulación moi conseguida, e que o cómic de Clowes “perde” deste modo. Detalles, se se quere, pero importantes...

martes, 24 de enero de 2012

Salinger, Tobias Wolff, Carver, Piglia: bibliografía

Salinger: a súa famosa novela, tanto en galego como castelán, a tes na nosa biblioteca, e practicamente en calquera biblioteca (é moi coñecida): El guardián entre el centeno/O víxía no centeo, en Alianza ou Edhasa en español, en Xerais en galego. Para bibliografía sobre os seus contos, que por outro lado tes na rede en inglés e castelán, pincha aquí.
Tobias Wolff: todo o publicado en castelán está editado por Alfaguara. Ver o seu catálogo pinchando aquí. (Ten presente que T W é fundamentalmente un escritor de relatos, polo que outras obras non soen estar á altura, agás a excepcional Vida de este chico, texto autobiográfico que pasa para moitos como unha novela que en realidade non é). Na nosa biblio tes este libro, e unha novela súa, e de momento un libro de relatos dos máis recoñecidos: Cazadores en la nieve. Noutras bibliotecas é normal ver obras súas. Para máis información, na rede hai moito del e sobre el, e na parte da dereita deste blog tes enlaces para os clubs de lectura de fai anos ("Relatos norteamericanos", "Vida de este chico", "Vieja escuela", onde verás moito, non todo malo).
Carver: Os contos deste autor están editados en varios volumes por Anagrama, na súa colección de baixo precio. Nas bibliotecas abundan os seus libriños, aínda que a nosa aínda está sen sequera un (de momento). Tamén ten poemas en máis dunha editorial (Visor, Bartleby), e tamén na propia rede: basta buscar un pouco.
Piglia: O monstro das galletas deste blog ten tamén unha obra detrás: novela, ensaio, contos... Ten o atractivo vicion de mesturar ficción e iso que a xente dá en chamar "realidade". Podes ver algo sobre a súa obra aquí.

lunes, 23 de enero de 2012

Salinger e Tobias Wolff (e Carver): Reunión II (23.1.12)

Hoxe tivemos a nosa reunión II para falar dos contos escollidos de Salinger, Wolff e Carver, se ben deste último nada dixemos, en relación con Piglia e Tomine. Estivemos seis persoas.
Primeiro abordamos "El hombre que ríe", do cal había un acordo sobre a súa dificultade e o seu escuro sentido. Para alguén iso era un inconveniente e unha razón para preferir o de Wolff; para outros, non. Saíu naturalmente unha referencia, se ben breve, á famosa novela de Salinger "El guardián entre el centeno/O vixía no centeo", mais parece que a C. non lle gustara no seu momento ese libro. Tamén falamos de por que ese extraño título, e por que o chico tense que relacionar co personaxe de fantasía na mente do lector. Victor Hugo e a súa novela da que falamos en entradas anteriores e os contos que Salinger contaba aos seus fillos é a primeira resposta (por certo, ás veces me pregunto se este conto de "El hombre..." terá que ver coa separación de Salinger e a nai dos fillos de ambos, contada a eses dous nenos oral e escuramente a través dun conto moi parecido a éste...); a segunda hai que preguntársela a Piglia, e ás máscaras do conto de Salinger. Falamos tamén da hipótese de Kar sobre o posible aborto, que non parece probable aos presentes, e da escuridade dos motivos reais da ruptura.
Aparentemente o conto de Wolff ("Dos chicos y una chica") gustou máis en xeral. Falamos do final aberto, de se queda ou non con Gilbert (houbo disparidade de criterios), ou de se ela estaba realmente namorada de Gilbert (C. dicía que non). Tamén dese extraño final co valo e as pinturas branca e vermella, que deu que falar na reunión... O carácter dos tres personaxes e as reflexións e motivos de Gilbert levaron tamén certo tempo.
De Piglia falamos, pero sen nomealo (é tabú); de Tomine si falamos utilizando o seu nome: houbo un acordo xeral do parecido da forma de narrar de Salinger ou Wolff e a de Tomine: finais abertos, dobre historia pigliana, ambigüidade calculada, etc. Tamén as imaxes, engadiríamos agora: as imaxes no cómic de Tomine claro que as hai (imaxes-forza, queremos dicir: a man no chan, o cazo coa auga fervendo, etc.), pero nas historias destes dous escritores ou na de Carver, de quen non se falou porque non había persoas que tiveran que lelo, tamén: a máscara, os cocheciños de nenos...; a pintura, o valo, o coche, a mesa de La Luna...; as tres copas e as tres rosas, o corcho... As imaxes brilan coa súa presencia nos relatos de Tomine, Salinger, Wolff ou Carver (por certo, Piglia tamén escribe contos, e novelas).
Pronto, a Entrega III.

miércoles, 18 de enero de 2012

Convocatoria da reunión II sobre Salinger e Wolff (etc.)

Teremos pois a reunión segunda o próximo luns, día 23 de xaneiro, ás 11:00 (recreo) no lugar da outra vez.
Falaremos dos contos escollidos ("El hombre que ríe", "Dos chicos y una chica", ou ben "Tres rosas amarillas" e "Intrépidos pilotos" para certas persoas que xa leran os outros anos atrás), en relación cos relatos de Tomine, lembra. Se podemos botar man das tese de Piglia, sería bo para todos , penso.
Recordo a todos a conveniencia de ler as entradas e sobre todo os comentarios dos membros deste club, para mellor entrar nos contos, e a necesidade de que todos deixemos algo por escrito neste blog, porque formamos algo así como un colectivo de algo, ¿non?
Teño a intención (oh, si) de contestar a todos os comentarios que de momento están sen contestación antes do luns. A ver se hai alguén por aquí...
Sen máis polo de agora. Un saúdo.

lunes, 2 de enero de 2012

Piglia (o regreso): como matar un conto de Salinger a pigliazos,ou de Wolff (ou de Carver ou quen toque)

Temos atrás unha entrada dedicada a Piglia e Tomine: preme aquí. Agora trátase de aplicar a droga pigliana aos contos de Salinger, Wolff ou Carver.



¿Como? Fácil. Primeiro volve a ler esa entrada de Piglia, e toma nota das teses.


Logo colle o conto de Salinger no que hai dúas historias (a da parella e a do conto que el conta aos nenos que coida). Agora numera cada unha desas historias cun número, e así temos a "historia un" (H1) e a "historia dous" (H2), e comezas a botar fume: ¿que relación hai entre ambas?; ¿realmente está a contar a "historia un" coa "dous", ou viceversa, e de que modo?; ¿ten algo de razón Piglia, ou deberían abandoarlo no deserto cuberto de brea e plumas? Proba. A ver...


Agora "Dos chicos y una chica", de Wolff: probablemnte non é tan fácil de percibir dúas historias tan diferenciadas como no relato de Salinger, pero podes intentalo: ¿a H1 é talvez o obvio achegamento progresivo do rapaz á noiva do seu amigo que se ve xa na superficie, e a H2 late máis ben debaixo da pel do relato superficial e tarda un máis tempo en recollecela, que non en sentila ou intuila...? A ver que sae coa axuda de Piglia.


(E agora para "os alternativos" que len outros contos: en "Intrépidos pilotos", de Wolff, a H1 pode ser a busca de dous rapaces dunha lona ou obxecto para construír un avión na casa dun antigo amigo dun deles, mentres que a H2 vai debuxándose a pouquiños e ten que ver con esa antiga amizade... Poden saír cousiñas da man de Piglia. E con "Tres rosas amarillas", de Carver, non debe de ser fácil, pois o conto é tan bo que dificilmente se deixa reducir ao esquema de Piglia ou de calquera, pero por poder, pódese facer un intento: ¿cal é a H1?; ¿cal a H2?; ¿hai realmente dúas?; ¿unha delas é a morte de Chéjov, narrada polo seu discípulo que sabe que morrerá tamén pouco despois, o estadounidense Carver?, ¿e se é así, cal é a H2 entón...?).



Polo demais, lembra que se trata de relacionar estes contos de agora cos de Tomine, botando man da autopista do señor Piglia.





(Á volta de vacacións marcamos xa o día da reunión II. Boa caza).

sábado, 31 de diciembre de 2011

De Salinger e Tobias Wolff (e Carver)



Para ler o conto de Salinger precisamos talvez ter certa información sobre este autor e o título do relato. Se premes aquí podes ler unha entrada doutro blog que fala do segundo, con outros enlaces por se queres seguir mirando e mirando... E se queres ter información sobre Salinger como escritor e persoa, preme aquí e lerás o recente artigo do escritor Andrés Ibáñez publicado en "Revista de Libros" de outubro pasado (en calquera biblioteca pública) e visible na rede. O artigo é moi bo e didáctico, se ben non engade información nova, e por outro lado seguimos aínda esperando a que alguén se atreva dunha vez a dicir claramente que o personaxe de "The Catcher in the Rye" ("O vixía no centeo", "El guardián entre el centeno") non ten nada de inocente, senón unha visión do sexo e do mundo dos adultos ben turbia, pese aos tópicos repetidos desde fai anos, pensamos nós. (Para ter máis información sobre esta novela de Salinger que tes na nosa biblio, preme aquí).

E se agora queres ter información sobre o escritor estadounidense Tobias Wolff (aínda vivo e creativo), preme aquí e déixate levar... Se queres certa información sobre o relato "Dos chicos y una chica", preme aquí. (E se queres máis sobre T. Wolff, pincha na lista de blogs que tes a dereita deste blog noso onde di "Relatos norteamericanos", e unha vez dentro, sobre a etiqueta WOLFF).

(Sobre Carver temos enlaces nas entradas anteriores, se o teu caso é dos que leron fai anos estes contos e buscan a "alternativa" proposta, como dicimos, nas entradas anteriores).


En breve outra entrada para insistir na proposta de lectura coas teses de Piglia na man, por se non sabes como tirar...


Ah: bo ano.

viernes, 23 de diciembre de 2011

Salinger e Tobias Wolff (Entrega II)


ENTREGA II: J. D. Salinger e Tobias Wolff:
- Contos escollidos: “El hombre que ríe” e “Dos chicos y una chica”, respectivamente.
Esta Entrega II quere ser a “continuación” da dos relatos de Tomine, pois buscamos unha
comparación, un contraste.
“¿Ten algún consello para os novos cineastas?”, preguntábanlle ao director de cine Robert
Bresson no documental “El camino a Bresson” (1984), e éste respondía “Rematarei cunha bela frase de Stendhal: Son as outras artes as que me ensinaron a escribir”.
É un tópico entre certos aficcionados aos cómics crer que para coñecer certo autor de cómics (p. ex., Tomine) hai que ter en conta a influencia doutros autores de cómics nel (nese caso, Schulz, Crumb, Clowes...), pero achegándonos a idea de Bresson aquí pensamos máis ben que un autor de cómics, de literatura, de films, etc., recibe as súas influencias de aquí e alá, e impórtalle ben pouco as clasificacións en xéneros ou medios, e así sucede cun Tomine que probablemente está tan influído por escritores como Carver, Salinger, Chéjov, Joyce ou Hemingway, como por debuxantes como os citados. A forma de contar de Tomine xa estaba presente neses escritores moito antes, e Tomine pode ser tamén entendido dentro desa outra tradición. O aficcionado aos cómics que só le cómics en realidade nin é tan amante dos cómics como pretende, nin é demasiado interesante: non coñecemos ningún autor de cómics realmente interesante que non sinta atracción pola literatura ou por certo tipo de cine que non sexa o comercial.
Cos relatos agora escollidos pretendemos:
a) que sexas tan amable de ter en conta as teses de Piglia (ver a entrada do blog dedicada a el, por favor);
b) que busques relacións, parecidos, diferencias, etc., coas historias de Tomine.
Por todo isto cremos necesario visitar este blog do club de vez en cando e incluso deixar
comentarios nel (anónimos, se queres), e contestar aos outros comentarios escritos polos demais. Así o blog e o club crece...

PS I: En breve, no que queda deste mes de decembro, incluiremos aquí un par de entradas con información complementaria -mais non excesiva, que non cunda o pánico- sobre Salinger e o seu conto, e obias Wolff e o seu.
PS II: Hai certos membros deste club que xa leron ambos contos no club dedicado fai anos a "Relatos norteamericanos", polo que propoñemos outros dous relatos alternativos nunha próxima entrada.

miércoles, 21 de diciembre de 2011

Tomine: Reunión I (19.12.11)


Este luns 19 de decembro tivemos a nosa primeira reunión. Estivemos seis persoas para falar dos dous relatos de Tomine.

Comezamos preguntándonos unha vez máis se "faltaba" algo nesas historias (un final, unha conclusión, un fío a seguir, unha estrutura completa de principio a fin), e cremos que chegamos a un punto de vista compartido sobre isto: non falta nada; trátase dun tipo de relatos distinto ao tradicional (plateamento, nó, desenlace), e desde logo tampouco se trata dunha historia de feitos heroicos. Non é iso e quedou claro. Tamén quedou claro, pensamos, que a lectura das teses de Piglia non foi feita coa calma necesaria ou simplemente foi obviada, o que aquí consideramos un erro pois impide una lectura máis rica de Tomine ou dos relatos de Salinger e Tobias Wolff cos que seguiremos na Entrega II. Considerando pois que os relatos de Tomine deben ser vistos á luz do que Piglia chama "versión moderna del cuento" (fronte ao "cuento clásico" de Poe ou Quiroga), Tomine non é un torpe contador de historias ás que algo lles falta, senón un contador hábil que pretende mostrar a ambigüidade da vida dos humanos gracias, como dicía C. na reunión, a que sabe escoller qué parte ou fragmento desas vidas escoller ou recortar. (Para profundizar algo máis nisto propoñemos as visitas a dúas entradas dun blog doutro club de fai anos: pincha aquí... e aquí).

Falamos tamén da linguaxe do cómic que tan ben domina este autor: do xogo dos flash-backs que non todos collimos á primeira, das diferencias entre as dúas historias (con textos de apoio unha, e máis baseada na imaxe a segunda), da proporción de grises/negros/brancos nas viñetas e de se evitar a cor dá bos resultados, da personalidade de Donovan e Dylan... Sobre isto foron ditas bastantes cousas, como que a suposta relación inicial entre elas non parece xa tal ao final, ou como que persoas como elas con relacións así entre si ou cos seus pais é frecuente na vida fóra das viñetas. A historia dous xerou máis ben, ademais de comentarios de orde estético ou de linguaxe do cómic, un certo debate sobre o que pasaría "despois" entre el e ela... Mai iso non debe desconcertarnos: o que Tomine quería contar é o que conta nesas páxinas, non o que inxenuamente alguén poda pensar nun principio que "falta". Podemos engadir estas palabras do propio Tomine: "Gústanme as historias que parecen terminar no momento xusto, pero que non te obrigan a que te tragues unha resolución pechada. Non hai por que explicalo todo, debería bastar con que che deran as pistas suficientes, algo que che permirta seguir pensando sobre ela".

Á outra C da reunión a penas lle dimos tempo para que falara da maneira de enmarcar e compoñer as imaxes e a disposición das viñetas na páxina..., pero haberá outras oportunidades con outros autores.

Repartimos os textos da Entrega II (ver entrada seguinte a ésta) e desaparecimos dispersándonos polos diferentes puntos do IES... e máis alá.

miércoles, 23 de noviembre de 2011

No comezo:



Boas:
Damos comezo a este club de lectura e blog novo deste curso 2011-12. Como cada ano, teremos dous subgrupos: os que polo IES estamos e nos reuniremos de cando en vez (catro ou cinco), e dúas persoas (ata agora) que estarán con nós vía internet e gracias a este blog onde todos podemos encontrarnos e introducir os nosos comentarios nas sucesivas entradas, sexan firmados ou anonimamente. Cabe a posibilidfade, como xa sucedeu noutros clubs, de que alguén chegue a este blog "por azar" e quede con nós. Ás veces pasa, e é agradable. Por iso dicimos que este club é "aberto" na nosa cabeceira de blog.

¿Que pretendemos? Basicamente ler certos cómics e relacionalos coa literatura (con relatos, fragmentos de novelas, etc.) buscando semellanzas, diferencias, mutuas influencias, coincidencias sorprendentes, etc. (Desde logo a idea non é ler burdas adaptacións de libros en cómics facilones: iso, non).

¿Que tipo de cómics? Queremos saír do tópico e ler outros autores talvez non coñecidos polo gran público pero non por iso menos interesantes: cómic "indie" (ou "alternativo", antes chamado "underground") con autores como Tomine, Clowes ou Crumb; autores dificilmente clasificables como autores de cómics, ou de literatura, ou de libros ilustrados, ou de ilustradores de libros, como Gorey; autores de cómics ben coñecidos por todos (?) e ao mesmo moi ricos en posibilidades nun club como éste, tales como Hugo Pratt (un dos mellores de todos os tempos) ou Schulz (non sempre valorado como se debe); novos autores con técnicas de debuxo tamén novas e historias que se saen do sempre-visto-no-cómic, como B. Vivès; etc.

¿Que tipo de escritores ou obras literarias? Unha larga lista de posibilidades: Borges, Kafka, a mesma Biblia (non necesariamente enteira, gracias), Franzen, Salinger, Tobias Wolff e mil máis.

Polo de agora máis nada. Pronto daremos oportunidade a quen queira de participar neste blog tamén escribindo as súas propias entradas (non é obrigatorio: nada o é aquí).
Vale.