Mostrando entradas con la etiqueta HOCKNEY. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta HOCKNEY. Mostrar todas las entradas

martes, 1 de mayo de 2012

Vivès como debuxante


  Queremos hoxe rematar con estas entradas dedicadas a Vivès falando do seu estilo como debuxante, da súa maneira de debuxar e de colorear. A verdade é que non sempre as súas obras están resoltas igualmente, tanto no debuxo, como na cor, por iso centrarémonos no album que nos ocupa.
   Neste album, "El gusto del cloro", as cores son frías e monótonas na piscina (negros, turquesas non moi vivos, marróns e morados non moi rechamantes, algún azul). No fisio as cores cambian algo, sen ser moi vivas (como si noutras obras de Vivès, onde os laranxas e vermellos son frecuentes, especialmente os álbumes pintados en papel): verdes, azuis, rosa, a pel escura do fisioterapeuta, que pode ser talvez norteafricano. Aí "arriba" son en calquera caso máis cálidos que na piscina-vestiario. Esa coloración, como vimos nunha entrada anterior en vídeo, é conseguida na tableta gráfica con algún programa como Photoshop ou similar, e iso fai que sexa deste modo peculiar, pois cando Vivès colorea con ceras ou pinturas o estilo cambia bastante, loxicamente, e a plasticidade é ben distinta. Este albunm non sería o que é se non fora pola tableta e este modo de coloración. Noutra obra, neste caso levada xunto con ouitro autor, "Por el Imperio", a coloración destaca pola súa calidade, con resultados distintos aos conseguido neste album que non ocupa, onde Vivès claramanete decide limitar a paleta. Alquén dirá que non podía facer outra cosa, pois está nunha piscina coas cores propias. Non estamos de acordo: nas piscinas de todas partes a xente leva bañadores, gorros, gafas, toallas ou chanclas de moitas cores, e non falemos de sillas ou nos vestiarios. Si hai certa limitación buscada, pensamos. Busa certa monotonía, que só rompe cando estamos no fisio ou saímos dos vestiarios e os personaxes están vestidos, fóra da auga, con conversacións rápidas e actitudes esquivas. Esa monotonía busca certo efecto, claro: forma parte da narración ou da atmósfera do non narrado dentro do narrado, ou envolvendo ao narrado, non sei.
   Se falamos do modo de debuxar, comecemos afirmando o obvio: Vivès é un debuxante virtuoso, e o seu dominio da anatomía humana é abraiante. Certo que utiliza fotos (estamos comvencidos vistos os escorzos, agradecimentos ao final, etc.), peto non copia "friamente" como outros (Manara, p. ex., que é un caso especialmente desesperante): sabe facelo, e os debuxos non quedan pois hieráticos, como posando, senón dinámicos. En parte iso é conseguido pola súa tendencia a debuxar rápido e de forma nada relamida: deixa frecuentemente os debuxos case esbozados, como sen terminar. Iso ten dobre cara: por un lado sitúase na cancha de autores como Hugo Pratt, Robert Crumb ou Chester Brown, pouco dados a facer cómics con debuxos demasiado perfectos e académicos. Xa falamos diso: un exceso de academicismo pensamos que non é bo para este medio (polo mesmo que Plácido Domingo non debría cantar tangos, ou a Filarmónica X non debería versionear aos Stranglers, poñamos por caso), e cando un debuxante virtuoso como Moebius cae niso o resultado polo regular é un cómic con debuxos moi académicos e perfectiños, si, pero "kitch" (hortera, en cristiano). Vivès con esta tendencia ao non acabamento, á rapidez, evita ese vicio que crea asombro non afeccionados inxenuos pero perxudica ao resultado final (expresividade, boa narración) e acabaría no debuxo "bonito" e relamido. Pero está a outra cara, porque Vivès ás veces pásase ata o punto de deixar certos debuxos soamente esbozados. Non falamos de debuxar á chica cos hombros demasiado grandes, ou un nariz demasiado respingón, senón de debuxar señores na p. 11 e na 58 de tal xeito que o lector dubide (polo menos dubide) sobre se é ou npn é o mesmo home (nós cremos que non é o mesmo home, por certo).
   Podemos engadir que é un autor dunha raza especial: dos que fan os recadros das viñetas a man, como Crumb, Chester Brown e tantos outros. Logo están os que sempre fan ese recadros con regra. Ben, ese detalle, como o detalle de seguir escribindo as letras (rotulación) el mesmo, como Crumb, e como vemos que fai Vivès no vídeo xa comentado, é un detalle agradable, sobre todo nun autor que traballa xa fundamentalemnte na tableta e o ordenador. Ese detalle "non mecanizador" enriquece o resultado e engorda esa expresividade non académica e antiperfeccionista que di moito ao seu favor.
   Pensamos bastante en qué autores poderían estar detrás del, a modo de influencias... Mais non coñecemos a Vivès o suficiente, e se hai algún mentor non somos aínda quen de atopar o seu nome. Buscamos nas entrevistas na rede con el, pero a verdade é que son bastante pobres, non sei se polo entrevistador ou por el mesmo, que tende á resposta breve. Que el diga sentirse moi influido polas Tartarugas Ninja ou "Star Wars", a verdade é que dan ganas de pensar que está de broma (por Deus). Si podemos sen embargo intentalo con dous nomes e ver se os demais están de acordo ou que: 1) Alex Varenne, o debuxante francés xa coñecido en España desde fai moitos anos, recorda en algunha medida a Vivès (ou mais ben ao contrario). ¿En que?: nas súas manchas negras non debuxos cando Vivès debuxa en branco, negro e gris ("Polina", p. ex.), pero tamén nos sombreados grises, e desde logo nese erotismo demasiado presente e explícito en ambos autores como para non ser visto (non no album escollido por nós, claro). Evitamos enlaces a posta: isto é un blog dun IES; 2) por outra parte, o pintor Hockney, do que xa falamos, ten unha forma de colorear certos debuxos con pinturas de cores que é algo parecido ao que fai Vivès cando colorea sobre papel (e non só nos debuxos de lápis: comparemos isto, con isto outro). Ademais, Hockney é xa un dos pintores que están utilizando con toda naturalidade a tableta gráfica ou iPad. Non afirmamos influencia algunha, pois non sabemos: só sinalamos a coincidencia, e que cada quen mire, a ver...
   Aquí tedes un enlace cun único debuxo de Varenne onde talvez non se aprecia o que queremos dicir, pero vaia... Aquí un con debuxos de Vivès sobre papel, con ceras, pensamos. Aquí un enlace  (e aquí outro máis) a un artigo de "El País" no que se fala de artistas metidos no mundo da tableta de marras, Hockney incluído. E aquí temos vídeo ou vídeos de Hockney pecando na tableta (iPad).
 
   Damos pois por rematado isto, en certa medida. Hora de pensar na próxima reunión. E despois hai que falar da derradeira, que non será sobre Schulz e Koestler como tíñamos pensado, senón sobre Robert Crumb e Andrés Trapiello, nada menos. Se a xente está pola labor, naturalmente...

miércoles, 4 de abril de 2012

"El gusto del cloro": o espacio II (o espacio que "pecha")

""Un símbolo se mueve siempre en lo general y, por precisa que sea su
traducción, un artista no puede restituirle sino el movimiento: no hay
traducción literal. (...) Un símbolo supera siempre a quien lo usa y le hace
decir en realidad más de lo que él tiene conciencia de expresar" (A. Camus)
Seguimos co espacio, agora desde outra perspectiva:
O escenario da historia é sempre o interior (non hai exteriores: rúas, nubes ou vento; só clínica, vestiario e piscina). Recurrir a este espacio, a piscina pública, non é orixinal de Vivès: xa a literatura francesa dos últimos tempos e anterior a este album bota man dese recurso (en Francia non abondan os ximnasios como aquí, pero si as piscinas), e incluso no film de Rohmer “El amigo de mi amiga” (1987) hai unha importante escena ou par delas na piscina, se ben hai logo moitos exteriores, aínda que o parecido segue: Rohmer trata nela a influencia do espacio”pechado” (acotado, máis ben) dunha urbanización do extrarradio na vida de cada día dos catro personaxes (encontros azarosos, relacións entre eles determinadas por ese espacio, etc.). Algo diso hai no cómic de Vivès. O argumento é bastante simple en apariencia (se olvidamos agora a doblez das historias "chejovianas"): chico coñece a chica na piscina; el intenta conseguir unha relación con ela, e ésta un día parece estar disposta. Todo queda no aire , pero finalmente non será senón frustración del xa que ela desaparece sen explicacións . Todo isto entre unha cuberta con ela de costas e el semisubmerso, e unha contracuberta onde os lentes (comprados por recomendación da chica) caen ao fondo da piscina: 1) atracción e esperanza, e 2) frustración final. Punto.
Agora ben, a historia comeza na clínica, e en tres viñetas (p. 4, II-II-IV) o rapaz é visto desde arriba (contrapicado). Logo sae ás escaleiras do edificio do fisio. A continuación, piscina, pero arriba. Despois baixa aos vestiarios. Logo, auga. Na auga tomará contacto con ela, pero vemos que el síntese mellor buceando que nadando (p. 69-70, 73, 87-89, 90-93 e páxs. finais do album), mentres que ela di o contrario (81), se ben logo nas 91-93 baixa e é o clímax da historia: ela, que non ten nome, como todos neste album, di esa misteriosa frase... debaixo da auga, buceando, e todas as esperanzas del dispáranse. O que el consegue baixo a auga, esas palabras indescifrables, fóra dela non, pois en 94-96 ela négase a falar, e xa non a verá máis: consegue atraela no submundo, pero fóra volve a irse... para sempre. Chega despois o plantón sistemático dela (catro mércores), que non volve nunca máis, cando prometera explicar o contido da frase. Nas páxinas finais el parece a piques de conseguir o seu propio reto: atravesar a piscina buceando, pero na súa imaxinación (isto é unha interpretación: xa volveremos sobre ela), el cre vela na superficie, mais non chega a alcanzala.
Se paramos aquí pódese dicir que en certo modo, e espacialmente, a historia é un descenso desde a clínica, pasando pola parte superior da piscina, ata a superficie da auga, e chegando finalmente ao fondo da piscina. Un descenso aos “infernos” (¿Odiseo, Orfeo e Eurídice, Heracles...?: non debemos subestimar o inconsciente de Vivès en particular nin o dos occidentais en xeral). No fondo da piscina el síntese ben, a gusto; móvese mellor que na superficie. Mais nesta está todo o mundo, incluída ela. Ela baixa uns segundos ao seu mundo subacuático e hai unha certa esperanza e unha promesa de explicación. Pero nunca chega, co cal o mundo subacuático tamén é o da soedade. De aí a frustración final e que bote ao fondo os lentes relacionados con ela. ¿Era ela ao final (118-124) só produto da súa imaxinación? Cremos que si: non volve a cabeza cando a saca ao final, e sería o lóxico se ela estivera realmente; non deixamos de ver á chica desde o seu punto de vista subacuatico nas páxinas finais, co cal Vivès parece suxerir que o rapaz mira e imaxina: non temos viñetas nas que ela sexa vista desde a superficie ou en contrapicado, desde outro punto de vista que non sexa o del. Ademais, a falta de aire no seu esforzo por bucear tanto tempo podía producir ese efecto, o de ver o que non é. A páxina final no fisio, que é un flash-back de cando tiña esperanzas e lentes, pode entenderse como unha forma de contrastar o frustrante final coas esperanzas perdidas: a contracuberta coa cuberta do album. Queda por explorar por que esa páxina en branco dobre (132-133) que polo menos na versión española non están numeradas, o que despista aínda máis, pero iso deixámolo para outra entrada...
Agora só rematar con outra imaxe: a derradeira viñeta. Aí témolo visto desde abaixo, xusto ao contrario que na p.4 do comezo, o que reforza a lectura como “descenso” desde a clínica, aínda que estea de novo nela. Nesta derradeira viñeta parece ser visto “desde o fondo”, non desde arriba. ¿O fondo de que? Talvez é el mesmo no borde da piscina da p. 132 mirándose a si mesmo desde abaixo, xa sen lentes... A camilla ten esa cor parecida a auga, un certo tono turquesa algo máis escuro que esas augas de piscina tan brillantes e claras do pintor David Hockney, pintor e debuxante que, vendo certos debuxos a cores sobre papel de Vivès, non sería de extrañar fora un dos seus favoritos... Mais..., mais esquecemos algo; algo importante: ¿lembramos a páxina 132? Ocupa unha viñeta a páxina completa, e el acaba de botar os lentes. Pois ben, agora ten os ollos completemante abertos, e mirando de frente (ao lector, parece). Pasamos dúas páxinas en branco (xa falaremos delas outro día) e estamos no flash-back co fisio... Nesa derradeira viñeta , nos tempos onde aínda tiña lentes, unhas lentes que non axudaban a ver xa que escurecían a visión máis que nada, ten os ollos completamente... pechados.
En calquera caso esta historia acaba como comeza, pechándose a maneira de círculo (fisio-fisio). Un peche sen embargo ambiguo (como toda a historia), xa que remata non no presente do borde da piscina, ou noutra visita ao fisio, senón no pasado (flash-back), e ese salto atrás produce certa inquietude no lector.