Mostrando entradas con la etiqueta CÓMIC UNDERGROUND. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CÓMIC UNDERGROUND. Mostrar todas las entradas
miércoles, 18 de julio de 2012
Robert Crumb, entrega VI (2): Crumb nas bibliotecas
Dada a dificultade de atopar o mellor de Crumb na rede propoñemos buscar nas bibliotecas públicas con un pouco de paciencia. Centrarémonos en dúas de Coruña cidade, a González Garcés (Elviña) e a municipal do Fórum (Parque Europa). Ambos catálogos visibles na rede (escribe bibliotecaspublicas, así, todo xunto, e logo escribe Coruña, e saen tres: a da Deputación, xunto ao Teatro Rosalía, que ten tamén algo de Crumb, a GG e as Municipais de Coruña, onde podes escoller a proposta, "Fórum", se ben hai moitas máis). Lermbra que existen dúas cousas importantes para ti: o servicio interbibliotecario (poden traer para ti doutra biblio o que pidas, incluso desde a da o do teu barrio, probablemente) e as compras da propia biblio que habitualmente frecuentas, se cubres o impreso correspondente (pregunta alí).
Propoñemos de RC cinco álbumes atopables todos nas biblios ditas (Fórum e GG, e recorda que a comicteca da GG está na planta superior, no pasillo, e que no verán abre só polas mañás e non os sábados). Advertimos que todos eles son para MAIORES DE DEZAOITO ANOS, e por iso están na seccción de adultos desas biblios, pero ben é certo que os membros deste club que aínda quedan nel, se hai alguén, son todos maiores desa idade:
1) "Obras completas-5. Crumb. El gato Fritz", La Cúpula. Xa falamos desta serie, que remata coa morte do gatiño. Os comezos do noso autor: anos sesenta e principios dos setenta. Vemos a evolución gráfica de RC do rapidógrafo de liña fina e tramados verticais á utilización da plumilla clásica e os tramados propios do RC maduro. Humor, sátira e certas dosis de cinismo felino;
2) "Obras completas-6. Crumb. Mr. Natural. Los orígenes", La Cúpula. O famoso personaxe gurú borde de RC e os seus encontros co pobre Flakey Foont. De novo finais dos sesenta e principios dos setenta (La Cúpula ten outros douis volumes deste personaxe, con historias posteriores), e de novo sátira, humor e cinismo, agora barbudo. Crea adicción;
3) "Obras completas-1. Crumb. Mis problemas con las mujeres", La Cúpula: o que non puidimos atopar na rede, historias autobiográficas de RC, témolo neste e outros volumes de La Cúpula, e xa comentamos que son os relatos máis tipicamente crumbianos, e para moitos o mellor da súa obra. É algo forte, e para adultos: lembra que RC é todo o que queiras... menos un autor politicamente corrrecto e apto para todos os públicos. Dito isto, "That´s life", de 1975, abre o tomo: unha historia dun bluesman e un disco, e a busca dese disco por un coleccionista moitos anos despois que fai o papel de alter ego de RC. O album remata con outras dúas historias de bluesmen xa comentadas atrás ("Patton" é unha), pero o mellor do volume é o do medio: esas historias nas que RC é o protagonista (menos nunha, mais aínda así case parece el de novo). Duro, pero moi bo. O estilo gráfico xa é o propio do RC maduro, pero nas dúas últimas de bluesmen recordemos que está probando a utilización do pincel en maior grao, e unha forma de encadrar, polo menos na penúltima, un tanto máis convencional do natural en RC;
4) "Obras completas-2. Crumb. Si yo fuera rey", La Cúpula: máis relatos autobiográficos e máis dureza, ollo. En "Footsie", de 1987, está de novo nese período de maior utilización do pincel do que é habitual nel;
5) "Obras completas-3. Crumb. La historia de mi vida", La Cúpula: máis do mesmo, con algumhas cousas máis e entre elas a historia sobre Philip K. Dick, agora en castelán (lembra, período de máis pincel).
Pois iso: un pasa polas biblios polo que sexa, e de paso busca algo de Crumb. Ésa é a idea desta entrada. Claro que hai moitas máis cousas (ilustracións, libros, portadas de discos, etc.), pero queríamos dar unha lista do facilmente atopable de RC en biblios e que ao mesnmo tempo dea unha imaxe do autor que sirva para quen quere ter un primeiro contacto cun dous máis importantes autores de cómics dos últimos cincuenta anos a nivel mundial, e desde logo o pai do cómic underground, alternativo e autobiográfico, sen dúbida.
miércoles, 4 de julio de 2012
Entrega VI: Robert Crumb e Andrés Trapiello
(Seguimos).
Robert Crumb (1943, EE UU, actualmente residente en Francia) é máis ou menos da mesma idade que Bob Dylan, Lou Reed, Mick Jagger ou Jimi Hendrix (se estivera vivo). Autores todos eles dados a coñecer nos sesenta, aínda que moitos aínda dando a lata. Tamén el, pero no mundo do cómic.
De familia numerosa católica, estivo desde neno moi pegado ao seu irmán maior Charles (morto por suicidio en 1993, probablemnte polos seus problemas mentais). Desde críos ambos lían e debuxaban cómics obsesivamente.
Nos primeiros sesenta RC consegue adicarse profesionalmente á ilustración e os cómics, e máis ou menos na época dos hippies, despega como autor "underground" (o chamado cómic underground nace e se desenvolve sobre todo con el). Nunca foi hippie, nin amante do rock, pero os "fanzines" da época e o seu coñecido personaxe o gato Fritz (do cal hai pouco recomendable película, da cal RC renega, e se comprende) coinciden no tempo co hippismo e o rock asociado a aquel movemento.
Nos sesenta revoluciona o cómic estadounidense e mundial, e a súa pegada non ten fin...
Desde eses anos da moda hippie aborda cunha entonces inhabitual franqueza escenas e historias directamente relacionadas co sexo. E co tempo será un dos primeiros autores de cómics en tratar os riscos do progreso tecnolóxico e os desastres ecolóxicos ( o seu breve cómic sobre a historia de EE UU é moi famoso). A súa filía pola música tradicional norteamericana queda patente en numerosas historias e ilustracións adicadas ás vidas de bluesmen, ou a busca, compra e colección de vellos discos, cando non versións gráficas de antigas cancións. O gusto polo antigo (discos,. música, mobles, roupa, forma de debuxar cómics, instrumentos de debuxo, etc.) e o rexeitamento do "novo" vese a cada paso nas súas historias e ilustracións. As historias do xénero "funnies animals", con tanta tradición en EE UU e que aquí chegaron sobre todo pola vía Disney (Donald, Mickey, etc.), son típicas do primeiro RC. Tal gusto era compartido co seu irmán Charles e ás veces historias de "funnies animals" do famoso RC eran en realidade reelaboracións das feitas na infancia en colaboración con Charles. Mais talvez (hummm...) as máis valoradas por case todos os seus lectores sexan as historias de natureza autobiográfica, de tantísima influencia posterior en América e fóra dela, relatos que cabe entender loxicamente como unha re-elaboración a partir da súa propia vida (vexamos máis adiante o que diremos dos diarios de Trapiello), inevitablemente mesturada coa súa imaxinación e a rebelde da casa de cada quen, a infiel memoria que fai da nosa "identidade" (¿uh?) o que lle dá a gana (afortunada-mente).. Aí temos escenas sexuais do afamado autor underground de educación católica con chocantes problemas coas mulleres antes e despois da fama (pero de cor ben distinta nese antes e nese despois, como se toma a molestia de... remarcar), familiares, recordos da infancia e xuventude, experiencias na súa profesión, análise da súa peculiar forma de ser e de pensar, e incluso, por que non, historias que transcorren no ámbito da súa imaxinación, sen por iso necesitar nós agora crear outra categoría, pois a imaxinación dun forma parte da vida dun (que lle pregunten se non a Don Quijote) e por conseguinte eses cómics son tamén de natureza autobiográfica. Neste tipo de cómics autobiográficos co propio debuxante como personaxe nas viñetas abre RC a porta a futuros cómics autobiográficos de autores hoxe tan recoñecidos do chamado "cómic indie", que non é senón o cómic underground de hoxe (Daniel Clowes, Chester Brown, Joe Matt, Julie Doucet ou o mesmísemo Art Spiegelman, etc.).
Andrés Trapiello (leonés, 1953, residente en Madrid desde 1975) nada ten que ver en principio con RC, e se é dubidoso que RC coñeza a AT, é pouco probable que AT saiba gran cousa de RC.
Dá igual: quedan desde agora presentados. O gusto é noso.
AT é escritor, tipógrafo, editor e debuxante afeccionado. Ten o seu propio blog que podes buscar ("Hemeroflexia"), pero nel hai máis ben escritos un tanto urxentes e de pouco calado en comparación cos seus libros. Como columnista tampouco destaca enormemente, cremos (revista semanal de "La Vanguardia"), e da súa labor como novelista e poeta nada diremos aquí. Tamén é autor de ensaios entre os cales queremos destacar su reeditado "Las armas y las letras" sobre os escritores españois (en xeral, desta ideoloxía ou a outra, ou a de máis alá) e a Guerra Civil. Moi bo libro tanto sobre literatura española como sobre a Guerra Civil. Pero o que realmente queremos destacar de AT son os seus diarios que ven publicando desde 1990 co título xeral de "Salón de los Pasos Perdidos. (Una novela en marcha)". O seu primeiro volume chamábase "El gato encerrado", e ata agora leva como dezasete tomos. No seu atractivo e refrescante blog, o escritor e filósofo heideggeriano-nietzscheano especializado en arte e estética Félix de Azúa chegou finalmente a dedicar unha entrada aos diarios de AT (¡e mira que tardou o barcelonés...!) que podes ver aquí se pinchas e talvez sirva para meterte algo mellor no mundo deses diarios. Eses diarios son publicados desde 1990 por Pre-Textos (e reeditados despois en versión barata por Destino) logo dun repouso de anos (é dicir, o que está a escribir este ano será editadounha vez corrixido dentro de cinco, máis ou menos).
E aí temos o punto de encontro con RC. Neses diarios atopamos temas, gustos e ideas semellantes, salvando as distancias, co estadounidense: ambos comparten o desprecio pola música rock e polos teóricos ou expertos na arte de vangarda, e comparten cada quen no seu medio un certo gusto ben sexa pola forma de debuxar cómics "de antes" ou pola forma de escribir novelas que algún crítico chamou "decimonónica" en sentido negativo, e que AT reivindicou, convertindo a crítica de negativa en positiva; o gusto de AT polo Rastro de Madrid e os libros vellos recorda ao de RC polo antigo e os discos vellos; o gusto pola natureza e a vida no campo vémolas en ambos autores; certas escenas da vida cotiá que amosan a súa conflictiva relación cos seus fillos atopámolas igualmente nos cómics de RC e nos diarios de AT; os paseos polas rúas madrileñas do leonés son comparables en certo modo cos debuxos de RC de rúas e casas de San Francisco, Harlem, Bulgaria ou Francia; e desde logo non queremos esquecer esas escenas nos que ambos, cada quen no seu estilo e medio, describen os seus encontros con mulleres (salvando desde logo os... eerrr, ¿estilos e medios? ¿Ah?). Etcétera: as diferencias deixámolas para outro día.
Dicíamos máis arriba cando falabamos das historias autobiográficas de RC que tales historias son indisociables da labor non sempre consciente da imaxinación do autor, e da súa non sempre fiel memoria. Non cremos que suceda de forma distinta nun novelista cervantino como AT, e o feito de que subtitule o "Salón de los Pasos Perdidos" como unha... "novela" en marcha di moito sobre isto. ¿"Novela"? Novela, si. Xa falaremos...
Obras propostas:
a) De Robert Crumb: optamos por fragmentos ou historias breves atopables todas na rede (enlaces das mesmas, na próxima entrada deste blog, mañá ou pasado mañá);
b) de Andrés Trapiello: optamos por fragmentos dos seus diarios que iremos propoñendo dentro dun tempo (non moito) neste blog. Desgraciadamente non hai na rede fragmentos dos diarios, e as entradas do seu blog saben a pouco. Non obstante nas bibliotecas de Coruña, especialmente na González Garcés de Elviña (que en xullo-agosto só abre polas mañás e de luns a venres, ollo) hai moitos destes dezasete volumes. Paciencia.
Etiquetas:
AZÚA,
BOB DYLAN,
CERVANTES,
CHARLES CRUMB,
CHESTER BROWN,
CLOWES,
CÓMIC UNDERGROUND,
CRUMB,
DON QUIJOTE,
DOUCET,
FANZINES,
HENDRIX,
HIPPIES,
LOU REED,
MATT,
MICK JAGGER,
MÚSICA,
SPIEGELMAN,
TRAPIELLO
jueves, 26 de enero de 2012
Clowes, Kafka e os campións mundiais de bádminton
Fai xa un certo número de anos Daniel Clowes (EE UU, 1961) equiparou a popularidade dun autor de cómics famoso coa do campión do mundo de... bádminton. (¿Por que?).Temos aquí e agora o relato de Kafka Un artista da fame, escrito en 1922 e revisado en 1924, pouco antes da súa morte. Cando Kafka está a facer esa revisión cara a súa publicación, póstuma, con outros contos como Primeira dor (Un artisata do trapecio), A mulleriña, etc., o escritor checo enfermo de tuberculose se comunicaba escribindo notas, pois non podía falar, e case non podía comer.
Se queres saber máis disto temos na nosa biblio un libro-cómic escrito por D. Z. Maiorowitz e ilustrado e debuxado por Crumb, un autor de cómics underground de recoñecida fama, se ben non é neste libriño onde Crumb demostra todo o seu talento... Nesta obra, Kafka, publicada en España por La Cúpula, podes atopar un montón de información sobre a vida de Kafka, a obra e interpretación desta, ademais de ilustracións e incluso cómics sobre escenas da súa vida ou versións -non moi logradas, todo hai que dicilo- de fragmentos das súas novelas ou de contos.
Se visitas a rede podes encontrar moito tamén alí sobre este escritor checo de orixe xudía e que escribía en alemán, nado en realidade aínda no Imperio Austrohúngaro no ano 1883 (morreu aos trinta e nove anos, en 1924, de tuberculose).
Se falamos do conto "moderno" (ou sexa, do contemporáneo, do que nace co francés Maupassant e sobre todo o ruso Chéjov no XIX), hai quen di que éste ábrese en dúas vías: a que de Chéjov ou Joyce, pasando por Hemingway e Cheever, chega ata Carver, ou Richard Ford, ou Tobias Wolff e Munro...; e a outra, a de Kafka, que leva logo a autores como o arxentino Borges. Se ben certas historias de Clowes foron comparadas coas de Richard Ford ou Carver (e co cine de Lynch, por certo), a nós parécenos que polo menos a que del nos ocupa agora, Caricatura (de 1995, cando ten trinta e catro anos) está máis ben dentro da segunda vía... Claro que eso se pode discutir, por descontado...
Etiquetas:
BORGES,
CARVER,
CHÉJOV,
CLOWES,
CÓMIC UNDERGROUND,
CRUMB,
HEMINGWAY,
JOYCE,
KAFKA,
LYNCH,
MAIROWITZ,
MAUPASSANT,
MUNRO,
RICHARD FORD,
WOLFF
Suscribirse a:
Entradas (Atom)

