Mostrando entradas con la etiqueta DICK. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta DICK. Mostrar todas las entradas
miércoles, 18 de julio de 2012
Robert Crumb, entrega VI (2): Crumb nas bibliotecas
Dada a dificultade de atopar o mellor de Crumb na rede propoñemos buscar nas bibliotecas públicas con un pouco de paciencia. Centrarémonos en dúas de Coruña cidade, a González Garcés (Elviña) e a municipal do Fórum (Parque Europa). Ambos catálogos visibles na rede (escribe bibliotecaspublicas, así, todo xunto, e logo escribe Coruña, e saen tres: a da Deputación, xunto ao Teatro Rosalía, que ten tamén algo de Crumb, a GG e as Municipais de Coruña, onde podes escoller a proposta, "Fórum", se ben hai moitas máis). Lermbra que existen dúas cousas importantes para ti: o servicio interbibliotecario (poden traer para ti doutra biblio o que pidas, incluso desde a da o do teu barrio, probablemente) e as compras da propia biblio que habitualmente frecuentas, se cubres o impreso correspondente (pregunta alí).
Propoñemos de RC cinco álbumes atopables todos nas biblios ditas (Fórum e GG, e recorda que a comicteca da GG está na planta superior, no pasillo, e que no verán abre só polas mañás e non os sábados). Advertimos que todos eles son para MAIORES DE DEZAOITO ANOS, e por iso están na seccción de adultos desas biblios, pero ben é certo que os membros deste club que aínda quedan nel, se hai alguén, son todos maiores desa idade:
1) "Obras completas-5. Crumb. El gato Fritz", La Cúpula. Xa falamos desta serie, que remata coa morte do gatiño. Os comezos do noso autor: anos sesenta e principios dos setenta. Vemos a evolución gráfica de RC do rapidógrafo de liña fina e tramados verticais á utilización da plumilla clásica e os tramados propios do RC maduro. Humor, sátira e certas dosis de cinismo felino;
2) "Obras completas-6. Crumb. Mr. Natural. Los orígenes", La Cúpula. O famoso personaxe gurú borde de RC e os seus encontros co pobre Flakey Foont. De novo finais dos sesenta e principios dos setenta (La Cúpula ten outros douis volumes deste personaxe, con historias posteriores), e de novo sátira, humor e cinismo, agora barbudo. Crea adicción;
3) "Obras completas-1. Crumb. Mis problemas con las mujeres", La Cúpula: o que non puidimos atopar na rede, historias autobiográficas de RC, témolo neste e outros volumes de La Cúpula, e xa comentamos que son os relatos máis tipicamente crumbianos, e para moitos o mellor da súa obra. É algo forte, e para adultos: lembra que RC é todo o que queiras... menos un autor politicamente corrrecto e apto para todos os públicos. Dito isto, "That´s life", de 1975, abre o tomo: unha historia dun bluesman e un disco, e a busca dese disco por un coleccionista moitos anos despois que fai o papel de alter ego de RC. O album remata con outras dúas historias de bluesmen xa comentadas atrás ("Patton" é unha), pero o mellor do volume é o do medio: esas historias nas que RC é o protagonista (menos nunha, mais aínda así case parece el de novo). Duro, pero moi bo. O estilo gráfico xa é o propio do RC maduro, pero nas dúas últimas de bluesmen recordemos que está probando a utilización do pincel en maior grao, e unha forma de encadrar, polo menos na penúltima, un tanto máis convencional do natural en RC;
4) "Obras completas-2. Crumb. Si yo fuera rey", La Cúpula: máis relatos autobiográficos e máis dureza, ollo. En "Footsie", de 1987, está de novo nese período de maior utilización do pincel do que é habitual nel;
5) "Obras completas-3. Crumb. La historia de mi vida", La Cúpula: máis do mesmo, con algumhas cousas máis e entre elas a historia sobre Philip K. Dick, agora en castelán (lembra, período de máis pincel).
Pois iso: un pasa polas biblios polo que sexa, e de paso busca algo de Crumb. Ésa é a idea desta entrada. Claro que hai moitas máis cousas (ilustracións, libros, portadas de discos, etc.), pero queríamos dar unha lista do facilmente atopable de RC en biblios e que ao mesnmo tempo dea unha imaxe do autor que sirva para quen quere ter un primeiro contacto cun dous máis importantes autores de cómics dos últimos cincuenta anos a nivel mundial, e desde logo o pai do cómic underground, alternativo e autobiográfico, sen dúbida.
jueves, 12 de julio de 2012
Robert Crumb, entrega VI: algo de Crumb na rede
"When I´m not drawing, I´m NOTHING... So Keep Drawing Daddy-O, ´cause the
moment you stop, you´re nothing again!" (R. Crumb, 1975)
Perdón pola tardanza, pero non foi tan fácil atopar o que tíñamos pensado de Crumb na rede: parece ser que certas cousas foron borradas, e lamentablemente, pois unha delas era das que máis apetecía agora, sobre todo pensando en J.
OK. Por orde cronolóxica non demasiado rigurosa, propoñemos isto (é mudo ou está en inglés, pero se entende ben):
1) "Fritz, the cat", a gran serie dos anos sesenta; unha forma de ver como entende RC iso que dimos en chamar "funny animals". Presentamos aquí só o comezo da serie, con horripilante rotulación engadida (non é a de RC), e cos típicos debuxos do primeiro RC cos tramados verticais e a liña fina do rapidógrafo: pinchemos aquí (son dez páxinas: pasamos a seguinte pinchando sobre o gato que corre para a dereita, abaixo). Se queremos ver a saga completa, La Cúpula ten unha edición (non apta para menores, ollo) que podes atopar en calquera biblio pública indecente;
2) unha coñecida e breve historia (dos primeiros tempos) do personaxe Mr. Natural, creado nos sesenta por RC e aínda "vivo" (non como Fritz, que foi "matado"en 1972 por RC nunha famosa viñeta: quería desfacerse dunha serie que acababa con el). Lamentablemente está en YouTube "reconvertida" en non se sabe que, e con ruidiños: pedimos por favor sexa vista con paciencia e sen son. Se hai algo insoportable é ver cómics en tv ou vídeo con banda sonora: dá noxo. Pinchemos aquí;
3) outra famosa historia un tanto filosófica dunha páxina e dos primeiros tempos de RC, non moi ben reproducida. É muda. Pinchemos aquí...;
4) e "Stoned again!" ("Colgado de novo!"), outra máis deses tempos, muda e igualmente famosa (e mal reproducida, claro): pinchemos, queridos;
5) agora outra das máis famosas, "A short History of America", practicamente muda. Presentamos a menos mala de internet (hai outras peores, e incluso con viñetas engadidas a posteriori). Podes vela como serie de viñetas en columna aquí (pincha), e polo tanto deixando non se sabe onde a composición orixinal en catro páxinas "en branco e negro" de tres viñetas cada unha. Tamén podes vela en YouTube, e por favor quita o son, please: aquí. (A data que consta abaixo non é a do cómic, senón a dunha película sobre RC moi posterior: este cómic debe de ser dos setenta e poucos);
6) nesta páxina verás un montón de cousas de distintas épocas: a) as dúas últimas páxinas da historia chamada "That´s life" (1975), sobre a vida e morte dun bluesman e como un personaxe que representa a RC busca un vello disco del nunha casa rural dunha vella; b) logo vemos catro cancións versioneadas por RC, e unha delas dun Hendrix un tanto pasado; c) e logo damos un salto, pois "a" e "b" son dos setenta, e agora pasamos ao comezo dunha historia dun bluesman debuxada en 1984 e nun estilo diferente: neste momento RC probaba a debuxar con plumilla, si, pero tamén con pincel, e facendo uns encadres un tanto diferentes aos típicos del, máis convencinonais ou de comic-book. Esperemos que non sexa moi lioso: pincha e sobrevive;
7) nesta páxina (?) tíñamos localizada a excelente "That´s life", de 1975, pero desapareceu despois de ser gardada nos meus "favoritos". E logo din que non hai meigas... Intentei de mil formas atopar de novo esa historia, en inglés, pero completa, e nada. De todos xeitos está editada por La Cúpula no album "Crumb. Mis problemas con las mujeres", en calquera biblio pouco recomendable e nunca, nunca na sección infantil;
8) historia atípica de RC, outra vez con moito pincel, pois estamos en 1985 ou 86, e RC está aínda utilizando o pincel máis do normal e encadrando as viñetas de maneira pouco habitual nel, estilo comic-book ou en calquera caso máis convencionalmentre do que acostuma. Vai sobre a peculiar personalidade do escritor estadounidense de ciencia-ficción Philip K. Dick, moi versioneado no cine, aínda que non sempre ben (en "Blade runner", si, desde logo): pinchemos aquí. Se queres lela en castelán, en La Cúpula, no album "Crumb. La historia de mi vida". Nunca na sección infantil da túa biblio, xa sabes;
9) imos un pouquiño para atrás, a 1984: esta historia de doce páxinas é outra de tantas dedicadas aos bluesmen. Neste caso sobre C. Patton. O estilo é o xa dito: moito pincel nestes anos oitenta (non despois, que volvrá e a precindir del, polo menos nesa medida). Pincha aquí; se queres vela en castelán, no album "Mis problemas..." xa dito;
10) unha historia dunha páxina de Mr. Natural co seu amigo (?) Flakey Foont, quen pasa un período pelín existencialista. É de 1997. Se queres vela en castelán, La Cúpula ten polo menos tres volumes dedicados a Mr. Natural, mais xuraría polo brazo incorrupto do santo que queiras que non aparece en ningun deles. Podes buscar na biblio, sector Lectores Criminais;
11) unha sorpresiña, porque no fondo somos corazonciños románticos: de cando RC era bo e debuxaba postais de cumpreanos: pincha aquí. Se para quedar ben coa bibliotecaria queres buscar isto na sección Lectores Benpensantes Politicamente Correctos, olvídao, meu ben: non atopas isto na túa biblio nin rezando;
12) sorpresiña final: os debuxos de RC e do seu irmán maior, Charles, cando eran nenos. Ambos estaban obsesionados por "A Illa do Tesouro" de Stevenson, despois de ver a película. Especialmente Charles. Ben, pois pinchemos e vexamos iso, e máis cousas...
Nada máis por hoxe. En breve ofreceremos outras lecturas de Robert Crumb mellor escollidas para atopar na biblioteca, se é que deixan alí entrar aos lectores crimi... ¡Ups!, queremos dicir, aos lectores de Crumb.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)

