Mostrando entradas con la etiqueta MANARA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta MANARA. Mostrar todas las entradas

miércoles, 2 de mayo de 2012

O estilo de Vivès como debuxante e a tableta gráfica

"The West is the best..."

Ups! Sentímolo, pero quedou no peto algo na entrada anterior e necesitamos seguir dando a matraca. ¿Con que? Coa relación entre o debuxante (de cómics) e o instrumento de traballo que soe utilizar. Pensamos que o estilo non é só nin fundamentalmente por iso, pero que algo inflúe (ver a etimoloxía da palabra "estilo" axuda a entender qué pretendemos dicir aquí: pinchemos, pois).
   Consideramos, p. ex., que o estilo do debuxante Robert Crumb ten moito que ver coa plumilla que ten costume de utilizar (as plumillas, en realidade). Certo que nos comezos usaba o rapidógrafo, e que nun momento determinado probou co pincel, pero o seu é a plumilla. Non só porque toma como modelo os vellos cómics de DeBeck, Segar (o de Popeye nos bos tempos), Barks (do melloriño da factoría Disney, pouco coñecido e recoñecido aínda en España, pero chamado polo neno Robert Crumb e o seu irmán "o artista") ou o máis recente Basil Wolverton. Ben, todos  eles da época na que a plumilla mandaba, evidentemente (coa única competencia do pincel, máis difícil de gobernar, pero con grandes mestres por entonces como Caniff ou Eisner). Dito todo isto, consideramos que Crumb ten un estilo que tende ao tradicional: na vestimenta, na decoración e mobles da súa  casa, na música que escoita e toca, e tamén na súa maneira de debuxar (pese ás historias que inventa). Ese grosor do trazo, ese ir de trazo máis ben fino a outro de maior masa, é propio da pluumilla e non do rapidógrafo que parecía utilizar nos comezos, de liña igual e limpa en exceso para a expresión que pretendía. Os tramados tan seus tamén están vencellados a este instrumento que el ama. Aínda agora segue a "debuxar" (rotular) as letras das palabras dos seus cómics e ilustracións, e ás veces dos seus escritos ou prólogos. Eses trazos posúen a sús personalidade, e letra e debuxo quedan así xuntos e indiferenciables. Como nos vellos tempos dos banjos, os sombreiros de palla e ala plana, os discos de pizarra e os antiguos cómics. Crumb é un tradicional e un conservador  (segundo para qué , por suposto). Crumb é  as súas plumillas. O seu estilo está personificado nelas e na tinta china.
   ¿Que dicir agora do Hugo Pratt do final, dos últimos anos? Pois que ten un estilo moi propio indiferenciable non xa do pincel (que só utiliza para sombrear aquí ou alá, e non como nos comezos) nin da plumilla, que tamén abandoa, senón do rapidógrafo. Pratt nos últimos tempos traballaba moi deprisa (máis aínda que antes), e sobre cartulinas ou papeis rectangulares relativamente pequenos deseñados para el, e o rapidógrafo (un par deles de diferente grosor). Iso engade esa impresión de fluidez, elegancia, sutileza, rúbrica (sic), espontaneidade, etc. O que dicía Manara do seu estilo como debuxante nunha entrada pasada ten que ver con isto. Vexamos agora o estilo de Pratt dos comezos aquí, e agora o que chega despois, e finalmenter éste do que estamos a falar aquí, o do final: aquí. O seu estilo é o seu estilo (repetimos unha vez máis: non valorable desde a perspectiva do debuxo académico, "artístico", porque el non é un debuxante artístico, senón un grande debuxante "de cómics", de viñetas, de páxinas, de historias debuxadas), pero o rapidógrafo é xa indisociable dese estilo que chega ao seu zenit ao final, despois de moitos anos. Esa simplicidade non foi gañada nunha tómbola: débese a moitos anos arañando no papel. Pensamos que recurrir á rapidez e fluidez do rapidógrafo foi para el á vez unha liberación (comodidade, limpeza, trazo fino) e un descubrimento (atopou o seu instrumento). Outra cousa é que poidamos dicir o mesmo de tantos outros debuxantes de cómics que máis que usar o rapidógrafo abusan del, posiblemnte para ocultar certas deficiencias ou limitacións. En Pratt non hai tal: non pretende ocultar nada, senón "exhibir".
   E agora o noso protagonista: Cremos que Vivès mostra igualmente un certo estilo no seu medio, que é a tableta gráfica, o ordenador, Photoshop. Pode facer cousas en papel, certo, pero do mesmo xeito que Crumb vese a si mesmo na plumilla e a tinta china e o papel, e Pratt no rapidógrafo de trazo leve e sutil, Vivès vese na tableta, e aínda a coloración en tableta/ordenador parece ter máis consistencia que cando colorea en papel con ceras ou lápis de cor. Pode que o ordenador oculte ou faga desaparecer certas limitacións ou problemas que ten como coloreador, ou pode que el sinta intuitivamente que o ordenador é o instrumento que lle permite estar cómodo e natural cando debuxa, colorea ou rotula as letras dos diálogos dos seus cómics. Sexa como sexa, ese virtuosismo como debuxante, e esa tendencia sinalada na entrada anterior a non rematar de todo os debuxios, talvez por prisas (¿abúrrese acabando demasiado os debuxos, ou ten demasiadas ganas de "contar" e por iso non aguanta demasiado nunha viñeta?), talvez por evitar o debuxo relamido e kitch, casa ben con este instrumento que se extende entre debuxantes e pintores, ou o que antes dábase en chamar pintores, xa non sabe un...
   Por certo, os tres, Pratt, Crumb e Vivès, coinciden nalgo máis: os tres evitan os debuxos excesivamente acabados e "artísticos" cando debuxan cómics (outra cousa é cando están debuxando doutro modo, que poden). Crumb e Vivès coindicen ademais en debuxar a man os recadros das viñetas e rotular eles mesmos a man as letras dos diálogos. Pratt e Vivès coindicen na fluidez e espontaneidade do trazo, e na elegancia do mesmo (probablemnte Pratt acabaría tamén traballando co iPad por comodidade,se non estivera xa morto, para a nosa desgracia, claro).
   Acabamos: Vivés ten o seu propio blog, e cremos que con posibilidade de comunicarse con el por escrito (en francés, supoñemos, ou no idioma do Imperio). Aquí tedes o enlace, por se apetece: mete moitos debuxos e incluso cómics: pinchemo aquí.

martes, 1 de mayo de 2012

Vivès como debuxante


  Queremos hoxe rematar con estas entradas dedicadas a Vivès falando do seu estilo como debuxante, da súa maneira de debuxar e de colorear. A verdade é que non sempre as súas obras están resoltas igualmente, tanto no debuxo, como na cor, por iso centrarémonos no album que nos ocupa.
   Neste album, "El gusto del cloro", as cores son frías e monótonas na piscina (negros, turquesas non moi vivos, marróns e morados non moi rechamantes, algún azul). No fisio as cores cambian algo, sen ser moi vivas (como si noutras obras de Vivès, onde os laranxas e vermellos son frecuentes, especialmente os álbumes pintados en papel): verdes, azuis, rosa, a pel escura do fisioterapeuta, que pode ser talvez norteafricano. Aí "arriba" son en calquera caso máis cálidos que na piscina-vestiario. Esa coloración, como vimos nunha entrada anterior en vídeo, é conseguida na tableta gráfica con algún programa como Photoshop ou similar, e iso fai que sexa deste modo peculiar, pois cando Vivès colorea con ceras ou pinturas o estilo cambia bastante, loxicamente, e a plasticidade é ben distinta. Este albunm non sería o que é se non fora pola tableta e este modo de coloración. Noutra obra, neste caso levada xunto con ouitro autor, "Por el Imperio", a coloración destaca pola súa calidade, con resultados distintos aos conseguido neste album que non ocupa, onde Vivès claramanete decide limitar a paleta. Alquén dirá que non podía facer outra cosa, pois está nunha piscina coas cores propias. Non estamos de acordo: nas piscinas de todas partes a xente leva bañadores, gorros, gafas, toallas ou chanclas de moitas cores, e non falemos de sillas ou nos vestiarios. Si hai certa limitación buscada, pensamos. Busa certa monotonía, que só rompe cando estamos no fisio ou saímos dos vestiarios e os personaxes están vestidos, fóra da auga, con conversacións rápidas e actitudes esquivas. Esa monotonía busca certo efecto, claro: forma parte da narración ou da atmósfera do non narrado dentro do narrado, ou envolvendo ao narrado, non sei.
   Se falamos do modo de debuxar, comecemos afirmando o obvio: Vivès é un debuxante virtuoso, e o seu dominio da anatomía humana é abraiante. Certo que utiliza fotos (estamos comvencidos vistos os escorzos, agradecimentos ao final, etc.), peto non copia "friamente" como outros (Manara, p. ex., que é un caso especialmente desesperante): sabe facelo, e os debuxos non quedan pois hieráticos, como posando, senón dinámicos. En parte iso é conseguido pola súa tendencia a debuxar rápido e de forma nada relamida: deixa frecuentemente os debuxos case esbozados, como sen terminar. Iso ten dobre cara: por un lado sitúase na cancha de autores como Hugo Pratt, Robert Crumb ou Chester Brown, pouco dados a facer cómics con debuxos demasiado perfectos e académicos. Xa falamos diso: un exceso de academicismo pensamos que non é bo para este medio (polo mesmo que Plácido Domingo non debría cantar tangos, ou a Filarmónica X non debería versionear aos Stranglers, poñamos por caso), e cando un debuxante virtuoso como Moebius cae niso o resultado polo regular é un cómic con debuxos moi académicos e perfectiños, si, pero "kitch" (hortera, en cristiano). Vivès con esta tendencia ao non acabamento, á rapidez, evita ese vicio que crea asombro non afeccionados inxenuos pero perxudica ao resultado final (expresividade, boa narración) e acabaría no debuxo "bonito" e relamido. Pero está a outra cara, porque Vivès ás veces pásase ata o punto de deixar certos debuxos soamente esbozados. Non falamos de debuxar á chica cos hombros demasiado grandes, ou un nariz demasiado respingón, senón de debuxar señores na p. 11 e na 58 de tal xeito que o lector dubide (polo menos dubide) sobre se é ou npn é o mesmo home (nós cremos que non é o mesmo home, por certo).
   Podemos engadir que é un autor dunha raza especial: dos que fan os recadros das viñetas a man, como Crumb, Chester Brown e tantos outros. Logo están os que sempre fan ese recadros con regra. Ben, ese detalle, como o detalle de seguir escribindo as letras (rotulación) el mesmo, como Crumb, e como vemos que fai Vivès no vídeo xa comentado, é un detalle agradable, sobre todo nun autor que traballa xa fundamentalemnte na tableta e o ordenador. Ese detalle "non mecanizador" enriquece o resultado e engorda esa expresividade non académica e antiperfeccionista que di moito ao seu favor.
   Pensamos bastante en qué autores poderían estar detrás del, a modo de influencias... Mais non coñecemos a Vivès o suficiente, e se hai algún mentor non somos aínda quen de atopar o seu nome. Buscamos nas entrevistas na rede con el, pero a verdade é que son bastante pobres, non sei se polo entrevistador ou por el mesmo, que tende á resposta breve. Que el diga sentirse moi influido polas Tartarugas Ninja ou "Star Wars", a verdade é que dan ganas de pensar que está de broma (por Deus). Si podemos sen embargo intentalo con dous nomes e ver se os demais están de acordo ou que: 1) Alex Varenne, o debuxante francés xa coñecido en España desde fai moitos anos, recorda en algunha medida a Vivès (ou mais ben ao contrario). ¿En que?: nas súas manchas negras non debuxos cando Vivès debuxa en branco, negro e gris ("Polina", p. ex.), pero tamén nos sombreados grises, e desde logo nese erotismo demasiado presente e explícito en ambos autores como para non ser visto (non no album escollido por nós, claro). Evitamos enlaces a posta: isto é un blog dun IES; 2) por outra parte, o pintor Hockney, do que xa falamos, ten unha forma de colorear certos debuxos con pinturas de cores que é algo parecido ao que fai Vivès cando colorea sobre papel (e non só nos debuxos de lápis: comparemos isto, con isto outro). Ademais, Hockney é xa un dos pintores que están utilizando con toda naturalidade a tableta gráfica ou iPad. Non afirmamos influencia algunha, pois non sabemos: só sinalamos a coincidencia, e que cada quen mire, a ver...
   Aquí tedes un enlace cun único debuxo de Varenne onde talvez non se aprecia o que queremos dicir, pero vaia... Aquí un con debuxos de Vivès sobre papel, con ceras, pensamos. Aquí un enlace  (e aquí outro máis) a un artigo de "El País" no que se fala de artistas metidos no mundo da tableta de marras, Hockney incluído. E aquí temos vídeo ou vídeos de Hockney pecando na tableta (iPad).
 
   Damos pois por rematado isto, en certa medida. Hora de pensar na próxima reunión. E despois hai que falar da derradeira, que non será sobre Schulz e Koestler como tíñamos pensado, senón sobre Robert Crumb e Andrés Trapiello, nada menos. Se a xente está pola labor, naturalmente...

miércoles, 18 de abril de 2012

Chéjov e Bastien Vivès


"Di chi non è convinto/ che la rumba sia soltanto/ un´allegria del tango.../ Dancing..."

Dixemos xa demasiadas veces que aquí pretendemos comprender e disfrutar mellor as lecturas buscando comparacións entre autores (sexan escritores ou autores de cómics: non xerarquizamos; non somos académicos), aínda que ás veces metamos a gamba. Por iso e porque lemos a Vivès xunto con Chéjov a nosa alma reclama algo sobre éste, p. ex. Tres perlas:
1) Qué di en Curso de literatura rusa (Zeta Bolsillo, 2009) sobre Chéjov o tamén escritor ruso (que acabou escribindo en inglés) Nabokov, autor da famosa novela Lolita: “La historia está contada con la mayor naturalidad (…) como cuando una persona le va contando a otra las cosas más importantes de su vida, despacio, pero sin interrupción, en voz más bien baja. (…) La caracterización, exacta y rica, está lograda mediante la selección cuidadosa y la distribución atenta de algunos rasgos mínimos pero salientes, con un absoluto desdén de la descripción sostenida, la repetición y el énfasis fuerte de los autores corrientes. En tal o cual descripición se escoge un único detalle para iluminar la totalidad del ambiente. (…) No hay una moraleja ni un mensaje particulares. (…) En realidad la historia no termina, porque mientras las personas sigan vivas no hay conclusión posible y definida de sus conflictos, sus esperanzas o sus sueños. (…) El narrador parece poner mucho empeño en aludir a minucias, que en otro tipo de relato serían postes indicadores que denotasen giros de la acción; (…) pero precisamente porque esas minucias carecen de contenido son importantísimas para reflejar el ambiente real de esta historia” (pp. 462-3). Algo atrás Nabokov escribía: “Chéjov fue el primer escritor en apoyarse tanto en las corrientes subterráneas de la sugerencia para comunicar un contenido concreto” (p. 444), o “Su léxico es pobre, su combinación de palabras casi trivial; (…) su estilo literario acudía a las fiestas en traje de diario. Por eso es un buen ejemplo que aducir cuando se intenta explicar que un escritor puede ser un artista perfecto sin ser excepcionalmente brillante en su técnica verbal ni estar excepcionalmente preocupado por la flexión de sus frases. (…) Lo mágico está en que (…) Chéjov conseguía dar una impresión de belleza artística muy superior a la de muchos escritores que creían saber lo que es la prosa rica y bella. Lo hacía manteniendo todas sus palabras a la misma luz moderada y con el mismo tinte exacto de gris, un tinte que está a medio camino entre el color de una empalizada vieja y el de una nube baja” (446-7). Isto último podemos talvez aplicalo en xeral a artistas como Chet Baker (como cantante), Hugo Pratt (é un erro valorar os seus debuxos olvidando que non é un debuxante artístico, senón un autor de cómics), ou grupos ou músicos de rock´n´roll que non son virtuosos nin falta que fai (aquí tendemos a pensar que ser virtuosos no debuxo ou no cante ou na música non soe ser bo no cómic nin no r´n´r): Stones, Kinks, Animals, Doors, Lou Reed, etc. Ben é certo que Vivès si é un gran virtuoso do debuxo, pero á vez é dado a traballar deprisa e descuidadamente (non sempre respecta as debidas proporcións das partes de anatomía dos personaxes, certos debuxos parecen só esbozados, afortunadamente os recadros das viñetas están feitos a man, e non con regra, etc.), o que evita desembocar en debuxos excesivamente relamidos e académicos (como fan outros como Manara ou o mesmo Moebius);

2) se pinchas aquí podes ver un extracto dun artigo do escritor Andrés Ibáñez sobre Chéjov que non ten desperdicio e tamén ilumina, cremos, o album de Vivès;

3) finalmente, Piglia no artigo xa comentado en entradas anteriores facía unha referencia esencial a Chéjov que podemos volver a ver (é moi breve): pinchemos aquí.

Con todo isto podemos ter unha idea da forma de narrar de Chéjov, que á vez facilita a lectura dos tres contos escollidos del, e a relectura e comprensión en maior profundidade do cómic de Vivès. Que Vivès non lera nunca a Chejov (cousa que é posible pero dubidosa) non significa que non teña nada que ver con el: pensamos que as similitudes son visibles porque o chejoviano pode flotar no ambiente aínda que Vivès ou a súa tía non coñezan ao ruso... Pero se alguén pensa que non, non ten máis que dicilo aquí: é gratis e non engorda.

viernes, 30 de marzo de 2012

Hugo Pratt e Borges na nosa biblio

"Lord, I miss you..."

(Dedicamos esta entrada a J.L.R. Murillo, onde queira que estea).
Na nosa biblio temos obras de ambos autores. De Borges, na sección "Literatura en castelán" (821.CA) temos o libro Ficciones (que inclúe o relato escollido neste club) e ademais a antoloxía de contos Narraciones e o libro Historia universal de la infamia (pode que tamén estea o libro El hacedor). Cremos que sen embargo non hai poemas de Borges (a non ser no libro El hacedor, caso de estar), e Borges é antes que nada un poeta. A lectura dos contos de Borges pode resultar ao principio algo dificultosa, pero unha vez vencida esa primeira impresión non queda senón disfrutar da arte dun dos mellores escritores en castelán do século XX.
De Pratt temos xa bastantes álbumes: da saga de Corto Maltese, e por orde cronolóxica, temos La balada del mar salado (historia longa coa primeira aparición de Corto), Las Célticas (onde se atopa o relato escollido e outros tres) e Fábula de Venecia, outra historia longa na que Pratt homenaxea a súa cidade de Venecia (se ben el non nacera alí) e a tradición xudea presente nesa cidade e nel mesmo. O que consideramos o mellor album da serie de Corto Maltese, Corte sconta detta arcana (traducido sería algo así como "Patios escondidos chamados arcanos", e se refire a certos patios do barrio xudeo de Venecia), editado en castelán co detestable título case insultante de Corto en Siberia, aínda non o temos, pero todo se andará... Polo demais si temos o album Verano indio, con guión de Hugo Pratt e bos debuxos de Manara: as primeiras nove páxinas mudas , na praia, cos indios e a chica entre as ondas, son "linguaxe prattiano en estado puro", e quen non recoñeceu arte no cómic escollido neste club, debería pasearse por esas nove páxinas iniciais (sen embargo, as concesións a un certo erotismo barato son, pensa un, concesións aos latiguillos de Manara, un autor menor vendido ao mercado do erotismo simplón). Destacaríamos igualmente a morte do indio Natan nas páxinas do final como outro trazo da sensibilidade prattiana. Do resto, viñetas claramante malcopiadas de fotos, ben, só dicir que é marca da casa de Manara, un autor que consideramos menor aínda que a primeiro golpe de vista a certos lectores pouco atentos poda parecer "moi bo" (remitímonos a esa entrada anterior que titulamos "Estilo de Hugo Pratt", onde o mesmo Manara delátase nos seus propios vicios ao tempo que ensalza ao seu mentor HP). Temos igualmente o volume I da serie Los Escorpiones del Desierto, anmbientado na II Guerra Mundial en África. A serie melloraría nos seguintes álbumes, pero éste non deixa de ser un bo tomo con dúas historias.
Se tiveramos non obstante que engadir unha pequena lista de álbumes de Pratt que aquí consideramos dignos de ser destacados, esa lista incluiría títulos como Jesuita Joe, con páxinas e páxinas outra vez tipicamente prattianas, sen diálogo; ou La macumba del gringo (baseado noutro conto de Borges, "Tres versiones de Judas", do mesmo libro Ficciones); ou Un fortín en Dancalia, episodio da serie "Los Escorpiones del Desierto"; ou Al Oeste del Edén, desde logo; etc. Todas estas cousas un debe buscalas nas bibliotecas públicas, con un pouco de paciencia. Se un sinte a chamada de Pratt, naturalmente... Hai que ter unha certa sensibilidade, por descontado.
Unha certa sensibilidade, iso é.

sábado, 24 de marzo de 2012

Estilo de Hugo Pratt

Milo Manara é un debuxante italiano de cómics que no seu momento debuxara dúas historias de Pratt, amigo seu. É academicamente moi bo, se ben abusa da copia de fotos, copia que ademais non fai ben (nótase, as figuras hunanas quedan ríxidas, etc.). En calquera caso chegou a escribir isto que segue sobre o estilo de Pratt como debuxante "de cómics", que non a secas, xa que non é o mesmo: alguén pode ser moi bo debuxante pero mal debuxante "de cómics", de igual modo que outro pode ser un debuxante artístico limitado (é o caso de Pratt) pero un magnífico debuxante "de cómics". Así o di Manara:
" Máis alá de todo, Hugo Pratt é o maior debuxante no mundo. O seu poder evocativo é tan fascinante que o seu continuo achegarse á esencialidade gráfica chega aínda a engadir novas suxestións ao deseño, en vez de quitar. Paradoxalmente, reducindo os trazos, aumenta a descrición. Nun debuxo de Pratt pódese determinar a hora na que ten lugar a acción, a intensidade da luz, a violencia do sol, se fai frío, se fai calor. Moitas veces nós nos divertimos imaxinando onde vai levalo a súa busca do esencial. El di que vai contar unha historia enteira cun só xesto, un acordo imperceptible. E eu créomo.
No seu debuxo está todo. É un debuxo cambiante, funcional para a historia. Pode ser lixeiro ou violento, expresionista ou docísimo e máxico ou perfecto, puro e sabio ou grotesco e cómico, e pode chegar incluso ao frenesí erótico. El debuxa como se falara. É o que está dicindo o que determina o modo como o di. Basta un trazo, un trazo só, e está xa na aventura.
Para quen o coñecen, non é necesario sequera ese trazo (...)." [No libro Hugo Pratt, a cargo de V.M. e M. Paganelli, Editori del Grifo, 1980. A tradución do italiano do fragmento vai pola miña conta, así que olliño.]
Se revisamos o cómic que nos ocupa caeremos na conta da presencia do vento, dos corvos e, finalmente na praia, das gaivotas. Os tres moi presentes na obra prattiana, especialmente as gaivotas. Tamén os desertos e o mar, e polo tanto as praias tamén. É dicir, todo o cambiante: xa di Manara arriba iso de "debuxo cambiante". Certo. Pratt é pouco amigo de debuxar interiores ou máquinas (iso queda para o colaborador Guido Fuga, se ben neste episodio aínda é outro o colaborador que debuxa as máquinas do exército británico). Son as areas das praias, dos desertos africanos e dos mares, especialmente do Sur, os fondos propios dos relatos prattianos. Areas e augas cambiantes, que mutan de contínuo. E con poucas liñas, cada vez menos (habería que ver as súas obras algo posteriores a este cómic para apreciar ese estilo no seu esplendor), expresa todo iso que di Manara sen esaxerar nin un átomo. Todo o que di é certo. Pratt pertence a esa extraña raza de artistas que con pouco e sen ser virtuosistas consegue trasmitir todo o que queren e necesitan transmitir. Os seus debuxos chegaron finalmente a ser parecidos aos trazos das rúbricas das nosas firmas: liñas que parecen saír soas, que só en apariencia calquera pode trazar... Pero nós sabemos que cando un neno intenta copiar a rúbrica dun adulto, é incapaz. Por certo, unha proba máis, se cabe, da relación tan olvidada entre cómic e escritura. Lembra: os debuxos no cómic se escriben...
Se engadimos ás palabras de Manara agora o que xa comentáramos da recurrencia de Pratt ás viñetas de miradas dos personaxes e/ou entre personaxes, ás viñetas e incluso páxinas sen diálogo ou case sen el ("Jesuita Joe", os finais de "La balada..."* ou de "Corte esconta detta arcana", ou o comezo do guión de "Verano indio"*, para o lucimento de Manara no que foi probablemnete o seu mellor album, etc.), e todo iso o mesturamos con esas areas, mares, corvos, ventos e gaivotas, temos xa ese estilo tan de Hugo Pratt, tan recoñecible, incluso na historia que temos para ler nós. Das rúas pola noite pasamos ao día nas aforas con vento, miradas e corvos, e ao final de corvos con vento, a vento con gaivotas, area, miradas, silencios e amores imposibles. Iso si, con moitas folliñas voando no aire de viñeta en viñeta...
* Nota: Ambos álbumes están esperando por ti na nosa biblioteca. Un deles desde fai... anos.