"Look at me, I'm in tatters! /I'm a shattered /Shattered"
Reunímonos hoxe só cinco persoas nunha peculiar xuntanza.
Desgraciadamente parece que os contos de ambos autores non foron ben recibidos: non gustaron en xeral, ou non foron comprendidos, ou non houbo interese en comprendelos. Non sabe un.
Está claro que este blog non é visto polos membros deste club, ou polo menos polos que hoxe estaban na reunión, e iso implica menos información (sobre os mitos irlandeses, a historia de Irlanda, o filme de Ford, etc.), menos coñecemento do "con-texto" que axuda non só a comprernder os textos de Borges e Pratt, senón que axuda a disfrutalos. Se perdemos o contexto dos textos, ¿para que un club de lectura?
A verdade é que se dixo na reunión que outros relatos anteriores gustaron máis. Admitido. Mais un pregunta, ¿influiría niso que houbo un maior esforzo por coñecer o contexto das obras anteriores, ou será que agora non houbo ese interese polo contexto debido á falta de atractivo da entrega IV?
B. dixo que o conto de Borges non lle gustou porque era demasiado denso e erudito, mais si o cómic. Especialmente as miradas dos personaxes, insistindo na importancia da rebelión irlandesa para mellor comprender o relato prattiano. L. queixábase de que ambas historias non tiñan o enganche que si tiñan as anteriores, especialmente a entrega I. Dicía que o cómic de HP era só unha historia dunha vinganza e pouco máis. Un contestou que reducir ese relato prattiano a iso era ser pouco xeneroso con Pratt: o fundamental estaba detrás, en Banshee, na relación dela cos tres homes e co seu destrino, e co mito irlandés. Que HP soe traballar así, en dous niveis: o superficial "de acción", e o outro, máis profundo e erudito, mais cunha erudición posta ao servicio da historia e dos personaxes en relación. Non pareceu estar moi convencida. C. pola súa parte insistía na pouca riqueza dos debuxos (dos carros de combate, nalgún perfil de Corto, dos interiores...) e que a historia carecía de forza. Parecía extrañado da relación coa película de Ford... Un intentou nalgún momento comentar a páxina final, pero xa sen moito espíritu combativo: a batalla estaba perdida, en apariencia. Demasiadas miradas pola ventá, demasiado pendentes do reloxo...
Non queda senón remitirse a este blog e ás entradas que non foron vistas, polo que parece. ¿Ford, tradición xudía, estilo gráfico de Pratt, os versos de Yeats, o nome de Banshee en realación coas Moiras...? Todo parece quedar atrás, talvez pola coincidencia cos exames, talvez pola falta de habilidade do coordinador deste club, talvez por... Quen sabe.
Derrrotado, pois. ¿Ten sentido seguir con este blog se os compoñentes do club non pensan miralo e telo en conta para as reunións?
É para pensalo seriamente. De verdade.






